noticia

Rexistros 1621 a 1633 de 1633
16/09/2014

O Observatorio da Cultura Galega destaca o descenso do consumo televisivo en Galicia

O 92,3% dos galegos confesa ver a televisión todos os días. Con todo, o consumo televisivo descendeu levemente en Galicia con respecto a 2012. Son 15 minutos diarios menos o tempo que os galegos confesan pasar diante da pequena pantalla. A expansión de Internet, a nosa particular demografía e as características socioeconómicas da estrutura poboacional galega condicionan o uso da radio e da televisión. Sobre estas cuestións céntrase Televisión e radio en Galicia, un Documento de Traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega.
10/09/2014

Os Encontros de Normalización analizarán a realidade plurilingüística de España

A XVI edición dos Encontros de Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), muda o seu esquema habitual e analizará a realidade plurilingüística de España. “Unha vez que saímos do marco galego, tentamos dar unha visión de conxunto diferente, e dar un panorama xeral comparando a evolución e sociolingüística das diferentes linguas de España, pero tamén da política das institucións españolas” explica Henrique Monteagudo, coordinador destes encontros, que se desenvolverán entre o 24 e o 25 de setembro. A inscrición, libre e gratuíta, pódese facer a través da páxina web do CCG.
31/07/2014

O Consello da Cultura Galega achégase á biografía de José Rubia Barcia cun libro-disco

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou este serán, na Galería Sargadelos de Ferrol, o libro-disco Jose Rubia Barcia: Unha vida contada. A publicación insírese dentro da colección As Nosas Voces, e recolle unha entrevista que González Herrán lle fixo a Rubia Barcia en 1985. Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, o autor da publicación, e mais o seu sobriño, Xoán Rubia, participaron nesta presentación, que ofrece novos datos sobre este recoñecido hispanista no día en que se cumpren cen anos do seu nacemento.
30/07/2014

O Consello da Cultura e a Secretaría Xeral de Emigración inician a elaboración do Plan Director do Patrimonio Documental no exterior

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), e Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a realización de actividades encamiñadas á promoción, conservación e recuperación do patrimonio cultural da emigración galega. Entre elas, destaca a elaboración do Plan Director para a conservación do patrimonio documental das sociedades de emigrantes. O importe do convenio é de 42 500 euros.
29/07/2014

Os XVI Encontros de Normalización reflexionarán sobre a política lingüística de España

A XVI edición dos Encontros de Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), abre o seu foco de actuación para analizar a realidade plurilingüística de España. “Unha vez que saímos do marco galego, tentamos dar unha visión de conxunto diferente, e dar un panorama xeral comparando a evolución e sociolingüística das diferentes linguas de España, pero tamén da política das institucións españolas” explica Henrique Monteagudo, coordinador destes encontros, que se desenvolverán entre o 24 e o 25 de setembro. A inscrición, libre e gratuíta, pódese facer a través da páxina web da institución.
23/07/2014

A aplicación LEME incorpora 12 000 novos recursos

“Temón, sentido” é o significado de LEME, a aplicación web que o Consello da Cultura Galega (CCG) puxo en marcha para facilitar a descuberta do territorio. Desde teatros, auditorios ou galerías de arte ata castelos, castros ou espazos literarios, a aplicación permite localizar a cultura galega desde calquera dispositivo móbil. Esta ferramenta acaba de incrementar a súa potencialidade coa incorporación de 12 000 novos recursos, que se suman aos 6000 cos que comezou a andar hai un ano. Ademais, agora a aplicación tamén está dispoñible para Android.
22/07/2014

O Consello da Cultura Galega utilizará o dominio .gal a partir do 25 de xullo

O vindeiro 25 de xullo comezan a estar operativos os dominios .gal para as entidades acollidas ao Programa Pioneiros que convocou a Asociación puntoGal. O Consello da Cultura Galega forma parte dese programa, alén do compromiso coa iniciativa desde os seus inicios, e desde ese día comezará a empregar o dominio .gal no seu web corporativo.
18/07/2014

O Consello da Cultura homenaxeará o Consello de Galiza polo setenta aniversario da súa creación

O Consello da Cultura Galega (CCG) aprobou o calendario de actividades para o segundo semestre do ano no marco dunha sesión plenaria ordinaria que tivo lugar no serán deste xoves 17. Entre os asuntos que acometeu o máximo órgano de goberno da institución, destaca a realización dun simposio que abordará os exilios ibéricos en clave comparada e que servirá para homenaxear o 70 aniversario da creación do Consello de Galiza. Ademais, avanzóuselles aos membros do Plenario o proxecto Gallaecia Monumenta Historica, que supón a dixitalización da documentación sobre a Idade Media en Galicia e que será presentado en setembro. Por último, aprobouse a incorporación do director e pianista Maximino Zumalave á Comisión Executiva da entidade.
15/07/2014

Galicia é a novena comunidade en gasto público por habitante segundo un informe do Observatorio da Cultura

O Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega, acaba de facer público o seu informe Gasto público en cultura. Un documento que analiza o destino e a natureza do gasto das diferentes administracións no eido cultural a partir dos datos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas; das Entidades Locais, e do Instituto Galego de Estatística. Os principais datos que ofrece este documento constatan o descenso dos orzamentos destinados á cultura en todas as administracións (autonómica, provincial e local). No caso galego, esta baixada supón un 58% dos orzamentos da Xunta entre 2007 e 2014 e sitúa o gasto por habitante en 34,4 euros, o que nos sitúa no noveno lugar do conxunto estatal.
09/07/2014

O Consello da Cultura Galega amosa a exposición Os Adeuses na localidade portuguesa de Fafe

Os Adeuses é a exposición que amosa, a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí, os últimos momentos da emigración galega cara a América nos anos cincuenta. A mostra, elaborada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), continúa o seu periplo polo exterior e fai recalada en Fafe (Portugal). Ramón Villares, presidente do CCG, e Raul Cunha, presidente da Câmara Municipal de Fafe, inaugurarán este xoves (ás 16:00, hora portuguesa) a exposición, que estará aberta na Galería Municipal da Casa da Cultura ata finais de agosto.
08/07/2014

Unha xornada destaca a relevancia que tivo Valle-Inclán no exterior

A diferenza de moitos outros autores coetáneos, o legado e a figura de Ramón María del Valle-Inclán tivo moita relevancia a nivel internacional en vida do autor. Así o constataron os diferentes relatores na xornada “A difusión internacional da figura de Ramón María del Valle-Inclán no seu tempo” que se desenvolve no Consello da Cultura Galega (CCG). E sobre esa idea tamén incidiron Ramon Villares, presidente do CCG e Juan Viaño, reitor da Universidade de Santiago, no marco da inauguración desta sesión que conclúe no serán, coa apertura dunha exposición no Claustro Alto de Fonseca sobre esta dimensión internacional.
07/07/2014

O Consello da Cultura afonda no Valle-Inclán menos coñecido cun seminario e cunha mostra

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, inaugurarán mañá no CCG unha xornada destinada a dar a coñecer a faceta máis internacional de Ramón María del Valle-Inclán. Un seminario (A difusión internacional da figura de Ramón María del Valle-Inclán no seu tempo) e unha exposición (Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1906-1936]) son as actividades previstas para achegarse ao perfil poliédrico deste creador tendo en conta esta nova lectura.
04/07/2014

O Consello da Cultura destaca a relevancia do Sempre en Galiza polo 70 aniversario da súa publicación

“Hoxe recordamos un libro que marcou o pensamento de sucesivas xeracións galegas e un autor que foi un símbolo para os seus coetáneos e para a posteridade”. Deste xeito, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), destacou a orixe das diferentes actividades preparadas para conmemorar os setenta anos da publicación de Sempre en Galiza de Alfonso R. Castelao. O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Fundación Castelao, celebrou no Parlamento un acto institucional presidido por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia, Ramón Villares, presidente do CCG, e Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao. Alén do acto institucional, xa está dispoñible na rede a aplicación para dispositivos móbiles elaborada polo CCG e a Editorial Galaxia que contén o texto completo enriquecido con contidos adicionais.
03/07/2014

O Consello da Cultura Galega celebrará no Parlamento un acto institucional polo setenta aniversario de Sempre en Galiza

No mes de xullo cúmprense 70 anos do banquete en que Alfonso R. Castelao presentou en Bos Aires a súa obra cimeira, Sempre en Galiza. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Fundación Castelao, celebrará mañá, 4 de xullo (12:30 horas), cun acto institucional no Parlamento de Galicia e varias accións divulgativas. O acto estará presidido por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, e Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao.
03/07/2014

O Diario Oficial de Galicia publica o decreto do nomeamento do presidente do Consello da Cultura Galega

O Diario Oficial de Galicia de hoxe, xoves 3 de xullo, publica o Decreto
78/2014, do 26 de xuño, polo que se nomea a Ramón Villares Paz presidente do Consello da Cultura Galega (CCG).
02/07/2014

A concienciación social e política son claves na protección dos Conxuntos Históricos Costeiros

“Combarro sufriu un proceso de deterioración nos últimos vinte anos, cando o casco histórico xa estaba sometido á tutela legal das figuras de protección administrativa” explicou Iago Seara na segunda das xornadas destinadas a analizar a situación de conservación dos conxuntos históricos situados no litoral. Canda el, Rafael Vallejo presentou o informe “Urxente sobre Combarro. E agora ¿Que facer?”, elaborado pola asociación A Solaina. Era o último dos casos abordados no seminario “Os Conxuntos Históricos no Borde Marítimo”, realizado no Consello da Cultura Galega, que concluíu cun debate sobre a pertinencia e a eficacia das medidas de protección legal.
01/07/2014

O Consello da Cultura afonda na dimensión internacional de Valle-Inclán

A dimensión de escritor de Ramón del Valle-Inclán é por todos ben coñecida. Non o é tanto a súa faceta de intelectual preocupado por cuestións sociais, políticas, culturais, identitarias e académicas, que o levou a involucrarse en múltiples proxectos. Recuperar a súa figura tendo en conta esta nova lectura é o obxectivo dun seminario que o Consello da Cultura Galega (CCG) realizará o vindeiro 8 de xullo baixo o título A difusión internacional da figura de Ramón María del Valle-Inclán no seu tempo. Ademais, como complemento dos relatorios, ese mesmo día inaugurarase a exposición Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1906-1936] que permitirá dar conta das traducións realizadas en vida do autor.
01/07/2014

A análise de Combarro pecha as xornadas sobre os Conxuntos Históricos de Borde Marítimo

Combarro foi no seu momento un paradigma da protección que debía asumir un conxunto histórico do litoral. E o que comezou sendo un exemplo de boas prácticas, acabou por converterse nun paradigma de perda da súa identidade. Así o defende Iago Seara e Rafael Vallejo, coordinadores do seminario “Os conxuntos históricos no borde marítimo” que conclúen o mércores no Consello da Cultura Galega analizando o caso concreto de Combarro. Ademais, como peche da xornada preténdese ofrecer un balance sobre a pertinencia e a eficacia dos Plans Especiais.
30/06/2014

Mañá comeza o seminario que analiza a protección dos Conxuntos Históricos da costa

Rinlo, Muros, Combarro e Cambados son vilas costeiras que comparten varias características. Entre elas, a de ser conxuntos históricos e lugares turísticos destacados. Dúas pulsións que lles afectan ao urbanismo e á contorna destes territorios e modifican a súa configuración orixinal. Sobre as figuras de protección administrativas e xurídicas para protexer estes territorios, ao tempo de conciliar os diferentes intereses (turismo, económicos, demográficos…), falarase no seminario “Os conxuntos históricos no borde marítimo galego”, que arrinca mañá martes no Consello da Cultura Galega. Xeógrafos, arquitectos, paisaxistas, historiadores e especialistas nestas materias debaterán durante dous días estas cuestións.
27/06/2014

O Consello da Cultura acolle a presentación do libro La Cultura con Allende

O Consello da Cultura Galega acolle este venres (12:30 horas) a presentación da publicación La Cultura con Allende, un traballo de Gonzalo Contreras Loyola (Santiago de Chile, 1958) que recolle experiencias no ámbito da creación artística desenvolvidas en Chile polo presidente Salvador Allende durante os mil días de Goberno da Unidade Popular.
27/06/2014

O Consello da Xunta nomea a Ramón Villares presidente do Consello da Cultura Galega

O Consello da Xunta do xoves, 26 de xuño de 2014, nomeou a Ramón Villares como Presidente do Consello da Cultura Galega. Cúmprese así o establecido pola Lei 8/1983 do Consello da Cultura Galega que fixa que o presidente será nomeado por Decreto da Xunta de Galicia. Agora só resta a publicación do decreto no DOG. Villares foi elexido Presidente no pleno extraordinario do pasado 22 de maio por 22 votos a favor e un en branco.
27/06/2014

O Consello da Cultura difunde o Sempre en Galiza cun acto institucional e varias accións polo 70 aniversario

O vindeiro mes de xullo cúmprense 70 anos do banquete en que Alfonso R. Castelao presentou en Bos Aires a súa obra cimeira, Sempre en Galiza. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega celebrará o 4 de xullo cun acto institucional no Parlamento de Galicia e varias accións divulgativas (lecturas colectivas, unha aplicación para dispositivos móbiles, un spot promocional e un sitio web conmemorativo). Estas medidas teñen, en palabras de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, “o obxectivo de incentivar un mellor coñecemento e investigación da obra de Castelao”. Canda el, estaba presente Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao, colaboradora da iniciativa, e Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia, coeditor da aplicación que ofrecerá unha versión dixital aumentada do texto.
26/06/2014

O Consello da Cultura presenta este venres as actividades conmemorativas do 70 aniversario do Sempre en Galiza

O venres, 27 de xuño, terá lugar na biblioteca do Consello da Cultura Galega (12:00 horas) a presentación das actividades conmemorativas do 70 aniversario da publicación Sempre en Galiza, a obra cimeira que recolle o pensamento político de Alfonso R. Castelao (Rianxo, 1886 – Bos Aires, 1950). Asistirán á presentación, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao; e Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia.
20/06/2014

O presidente electo do Consello da Cultura Galega presenta no Parlamento o decálogo do seu mandato

Ramón Villares, presidente electo do Consello da Cultura Galega (CCG), compareceu esta mañá na Comisión 4ª, Educación e Cultura, do Parlamento de Galicia para explicar as liñas de actuación do que será o seu último mandato (2014-2018). As propostas que se desenvolverán nos vindeiros anos resúmense nun decálogo que detallou despois de facer un balance da actuación desenvolvida polo CCG desde o ano 2006. Potenciar a acción exterior, buscar unha maior presenza na rede e promover a colaboración institucional son os eixes da súa actividade futura.
19/06/2014

En directo: Lino Novás Calvo. 'Ese lugar de donde me llaman'

19/06/2014

O presidente electo do Consello da Cultura Galega explica no Parlamento o seu plan de traballo

Ramón Villares, presidente electo do Consello da Cultura Galega, comparecerá este venres (10:30horas)no Parlamento de Galicia para dar conta do que serán as liñas de actuación para o vindeiro mandato 2014-2018. Villares foi elixido o pasado 22 de maio por maioría do Plenario do Consello da Cultura Galega e a súa comparecencia parlamentaria é un dos trámites previos ao seu nomeamento por decreto da Xunta de Galicia.
19/06/2014

A primeira xornada sobre Lino Novás Calvo destaca a súa calidade literaria

“Ese lugar de donde me llaman” é o título dun dos contos de Lino Novás Calvo (Grañas do Sor, 1903- Lake Worth, Florida, 1983) pero tamén o dunhas xornadas que aproveita o Consello da Cultura Galega (CCG) para revisar a súa figura. O pretexto é a cesión do seu legado ao CCG por parte da súa filla, Himilce Novas. A primeira das xornadas que conclúen hoxe venres, centrouse na faceta persoal e literaria dun galego emigrado a Cuba que destacou como escritor, correspondente de guerra e traduciu a grandes nomes da literatura americana como Ernest Hemingway ou William Faulkner. As profesoras universitarias Pilar Cagiao e Cira Romero, pecharán este venres estas xornadas situando o legado do escritor no seu contexto histórico.
18/06/2014

O Consello da Cultura Galega emitirá un informe sobre o estado do illote de Guidoiro Areoso

Os coordinadores das seccións de Patrimonio e Bens Culturais máis a de Ciencia, Natureza e Sociedade, Iago Seara e Francisco Díaz-Fierros, respectivamente, desprazáronse o serán pasado ata o Illote de Guidoiro Areoso para coñecer o seu estado. Despois desta primeira toma de contacto deste espazo caracterizado pola súa riqueza natural e un relevante conxunto arqueolóxico, acordaron que as súas respectivas seccións elaborarán un informe.
16/06/2014

Un seminario analiza a protección dos Conxuntos Históricos da costa

As vilas costeiras son moito máis que ese destino turístico ou lugar de vacacións. Son o 15 por cento da superficie do noso país e concentran máis da metade da poboación. O turismo, os intereses económicos e a presión demográfica acabaron por exercer un impacto nos espazos naturais e naqueles territorios con valores culturais como son os Conxuntos Históricos. Xeógrafos, arquitectos, paisaxistas, historiadores e especialistas nestas materias debaterán a situación desta realidade tomando como exemplos os casos de Rinlo, Muros, Combarro e Cambados. Iago Seara e Rafael Vallejo coordinan o seminario Os conxuntos históricos no borde marítimo galego que terá lugar no Consello da Cultura Galega os días 1 e 2 de xullo. Ten aberto o prazo de inscrición e conta con cen prazas.
10/06/2014

Os galegos son os internautas que máis usan as redes sociais segundo o Observatorio da Cultura

O 83,2% dos internautas galegos empregan Facebook; de feito, somos a comunidade con máis usuarios no conxunto estatal desta rede social. Non é a única que empregamos, xa que Twitter, Google+/Google plus, LinkedIn, Instragram e Twenti tamén ocupan un lugar destacado. Relacionarse cos amigos, cos familiares e a busca de información sobre a actualidade son as razóns que motivan o seu uso. Son as principais cifras do informe Cultura e novas tecnoloxías que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega.