noticia

Rexistros 1651 a 1669 de 1669
06/06/2014

A mocidade galega canta a poesía de Curros Enríquez en Celanova

“Do mar pola orela/mireina pasar/ na frente unha estrela, no bico un cantar”. Con estes versos de Manuel Curros Enríquez (Celanova, 1851- A Habana, 1908) abreuse o concerto No bico un cantar, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria este serán. A segunda edición desta actividade que aúna poesía, música e mocidade, tivo lugar en Celanova, por ser o lugar de orixe de Curros Enríquez. Catrocentos nenos e nenas de conservatorios profesionais de música de Galicia cantaron catro poemas de Curros que foron musicados por recoñecidos compositores galegos. Ademais, Ramón Villares, presidente do CCG anunciou que a vindeira edición deste concerto homenaxeará a Ramón Cabanillas.
03/06/2014

Un coloquio analizará vías de colaboración entre Galicia e Portugal a través da Fundação Luso-Americana para o Desenvolvimento

Galicia e Portugal son dúas comunidades atlánticas que desenvolveron ao longo da historia unha idiosincrasia común relacionada co fenómeno migratorio a América, entre outros aspectos. Nesa relación co continente americano opera a Fundação Luso-Americana para o Desenvolvimento (FLAD), institución portuguesa que promove proxectos de cooperación entre a sociedade civil portuguesa e americana. Un dos membros do seu consello executivo, Michael Baum, estará esta tarde (17:00 horas) na biblioteca do Consello da Cultura Galega para analizar as liñas de actuación deste organismo e as posibles vías de colaboración con Galicia.
02/06/2014

Catrocentos nenos e nenas cantarán a Curros Enríquez en Celanova

Unha frase de Curros Enríquez dedicada a Rosalía, No bico un cantar, sérvelle ao Consello da Cultura Galega (CCG) e á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como título dun concerto que une poesía, música e mocidade. O formato tivo unha primeira edición en San Domingos de Bonaval en 2013, e nesta ocasión trasládase ao claustro barroco do Mosteiro de San Salvador en Celanova coa poesía de Manuel Curros Enríquez (Celanova, 1851- A Habana, 1908) como protagonista. Catrocentos nenos e nenas de conservatorios profesionais de música de Galicia cantarán catro poemas de Curros acompañados por música de recoñecidos compositores galegos. A cita, que terá lugar o venres 6 de xuño ás 17:30 horas, suporá a estrea da versión musical do poema de Curros “Nouturnio” que o CCG lle encargou a Xabier Comesanha.
27/05/2014

Ramón Villares presentou en Braga O século de Xelmírez

O reitorado da Universidade do Minho acolleu o pasado venres 23 de maio a presentación de O século de Xelmírez, unha publicación que contén as actas do congreso internacional organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Unha presentación á que acudiu o presidente do CCG, Ramón Villares; o vicerreitor desa universidade, Rui Vieira de Castro; un dos coordinadores do libro, Fernando López-Alsina, e José Viriato Capela, catedrático de Historia e director da Casa-Museu de Monção.
26/05/2014

Luces de Alén Mar, mostra sobre as escolas de americanos en Galicia, chega a Cabreiros e Betanzos

Luces de Alén Mar é unha exposición organizada polo Consello da Cultura Galega que concentra a información sobre as escolas que se crearon en Galicia financiadas polos nosos emigrantes. Un feito con gran relevancia no noso país e que se pode ver, en dúas versións pero cos mesmos contidos, en Betanzos e Cabreiros.
23/05/2014

Ramón Villares potenciará nesta lexislatura a presenza na rede e a acción exterior

Ramón Villares, o presidente electo do Consello da Cultura Galega, comunicou nunha rolda de prensa as liñas estratéxicas do que será o seu mandato para os vindeiros catro anos. “Imos pasando do papel á rede, da comunicación oral ás redes sociais, imos adaptándonos sen perder a nosa identidade” apuntou Villares, ao destacar a continuidade dunha liña de traballo consolidada, ao tempo que reforzará a proxección da cultura galega tanto na rede coma no exterior.
22/05/2014

Ramón Villares é reelixido presidente do Consello da Cultura Galega

A sesión plenaria extraordinaria do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrada esta tarde vén de elixir o presidente da institución para os vindeiros catro anos. Con vinte e dous votos a favor e un en branco, Ramón Villares renova no posto. A súa candidatura foi a única presentada e coa reelección inicia o que será o seu último mandato.
20/05/2014

Un informe destaca que medra o número de empresas culturais en Galicia pero baixa a exportación

En Galicia hai 5440 empresas culturais. Son 26 unidades máis que nos últimos cinco anos, o que marca unha tendencia contraria ao conxunto estatal, onde se constata o descenso. As cifras forman parte do informe As empresas culturais en Galicia, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega. Pero non todo é positivo: a exportación e a produción baixan en 2012 con respecto a 2011.
19/05/2014

Unhas xornadas descobren a Lino Novás Calvo, o escritor e xornalista que traduciu a Hemingway

Lino Novás Calvo (Grañas do Sor, 1903-Miami 1983) non responde ao perfil arquetípico do emigrante. Non tiña a esperanza de ser recoñecido na súa Galicia natal nin foi anónimo. Novás foi moitas cousas: dependente, libreiro e mesmo "fotingueiro", pero tamén escritor de referencia, xornalista reputado e tradutor recoñecido. O Consello da Cultura Galega analiza o seu legado nunhas xornadas que terán lugar na sede da institución os días 19 e 20 de xuño. Está aberto prazo de inscrición e conta con 100 prazas.
16/05/2014

Octavio Vázquez: “Penélope é un poema con tanta forza que o importante era non terxiversar a súa esencia”

Esta noite o Círculo das Artes de Lugo estrea, no marco do Concerto das Letras Galegas, a versión para orquestra e coro de “Penélope” de Xosé María Díaz Castro. O seu autor, Octavio Vázquez (Santiago, 1972), explícanos as características deste traballo que lle encargou o Consello da Cultura Galega.
16/05/2014

A cidade de Lugo vólcase co Concerto das Letras Galegas

Música, poesía e palabra cun inequívoco sesgo lucense. O programa deseñado polo Consello da Cultura Galega (CCG) para o seu habitual Concerto das Letras Galegas tivo boa acollida entre o público. O CCG reivindicaba deste xeito o carácter lúdico, pero tamén conmemorativo do Día das Letras Galegas. O concerto celebrouse no Círculo das Artes de Lugo e un dos seus momentos máis destacados foi a estrea da versión para coro e orquestra realizada por Octavio Vázquez do poema “Penélope” de Xosé M. Díaz Castro
14/05/2014

Amancio Prada presentará no Consello da Cultura Galega dous traballos e unha xira de concertos

O venres, 16 de maio, terá lugar no Consello da Cultura Galega (CCG) a presentación dun CD, un libro-disco e unha xira de concertos por Galicia de Amancio Prada. Asistirán á presentación, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Xesús Alonso Montero, presidente de la Real Academia Galega, Amancio Prada, e Jordi Doce, director de Vaso Roto Ediciones en España.
14/05/2014

O seminario Obras Públicas e Patrimonio pide máis rigor nos estudos previos á avaliación ambiental

A esixencia dun maior rigor e exhaustividade nas etapas preproxectuais e de estudo de impacto ambiental e arqueolóxico é a principal idea que se abordou no Seminario Obras Públicas e Patrimonio Cultural que rematou hoxe no Consello da Cultura Galega(CCG). Durante día e medio expertos, investigadores, e responsables de departamentos da Administración e de empresas públicas relacionadas coas obras públicas debateron sobre como construír esas infraestruturas sen contribuír a unha perda irreversible do noso patrimonio.
13/05/2014

O seminario Obras Públicas e Patrimonio revela que as infraestruturas xeran o corenta por cento dos expedientes arqueolóxicos

Os exemplos da variante de Caldas ou o xacemento de Coeses foron algúns dos casos que se comentaron na primeira sesión do seminario “Obras públicas e patrimonio cultural”, cita que se iniciou hoxe no Consello da Cultura Galega (CCG). A primeira sesión puxo de manifesto a necesidade da coordinación non só entre as diferentes administracións, senón tamén entre os distintos departamentos. Ademais, incidiuse na importancia de mellorar as fases previas anteriores á execución das obras públicas, que supoñen o 40% dos expedientes que tramita anualmente a Consellería de Cultura. Ramón Villares, presidente do CCG, e Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Orientación Universitaria inauguraron esta xornada que remata hoxe coas lectura das conclusións.
12/05/2014

O cardeal Pell visita a exposición “Rosendo Salvado, valedor do pobo aborixe”

O cardeal George Pell, que acaba de ser nomeado prefecto da nova Secretaría Económica da Santa Sé, estivo esta fin de semana en Santiago para participar no encontro organizado polo Camiño Neocatecumenal. Entre as actividades realizadas, Pell visitou a exposición “Rosendo Salvado, valedor do pobo aborixe”, organizada polo Consello da Cultura Galega. Unha cita que ten unha especial conexión xa que George Pell foi arcebispo de Sydney, país australiano onde Salvado desenvolveu o seu traballo evanxelizador dun xeito singular.
09/05/2014

O Consello da Cultura homenaxea a Díaz Castro e a creación lucense no seu Concerto das letras Galegas

“É unha cita coa poesía, coa música e coa palabra” asegurou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), na presentación do Concerto das Letras Galegas. No acto, que tivo lugar no Círculo das Artes de Lugo, estaban representantes das entidades que participan no evento: Maximino Zumalave, director do concerto, Antonio González Trigo e Julián Parga, presidente e vicepresidente da Sociedad Filarmónica de Lugo, e Fernando Gomez, director do grupo Vocal Sólo Voces. O concerto, que interpreta pezas de compositores e escritores relacionados con Lugo, celebrarase o vindeiro día 16 de maio e suporá a estrea absoluta dunha peza que lle pon música a “Penélope”, o poema de Díaz Castro.
07/05/2014

O Consello da Cultura acolle a presentación do libro A ferida da beleza de Segundo Pérez

Este xoves, 8 de maio, terá lugar na Biblioteca do Consello da Cultura Galega (19:00 horas) a presentación do libro de Segundo L. Pérez López, A ferida da beleza en Nimbos de X.M. Díaz Castro. Asistirán á presentación, ademais do autor, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, e Ramón López Vázquez, investigador do Centro Ramón Piñeiro.
06/05/2014

Un informe destaca a menor presenza da muller en premios e galardóns culturais

O Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega, acaba de publicar a segunda parte dun informe titulado “A muller na cultura galega”. Nesta ocasión destaca a desigualdade en premios e galardóns culturais, que recaen de xeito maioritario nos homes. Ademais, o informe tamén estuda a presenza das mulleres na Administración, asociacións e cargos directivos de empresas culturais. Con el complétase a radiografía da situación das mulleres no ámbito cultural.
06/05/2014

A situación do baile tradicional abre as xornadas "Danza a debate"

“Non está garantida a boa saúde da danza tradicional” deste xeito describiu Javier Feijoo, Chisco, o panorama actual deste xénero en Galicia. A súa intervención fixo parte da primeira das xornadas “A danza a debate” que se centrou na danza tradicional. Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas, e Eva Faraldo, responsable deste encontro, foron os encargados de abrir a cita que continúa hoxe coa análise da danza clásica e contemporánea.
05/05/2014

Un seminario analiza a situación do patrimonio ante as obras públicas

A construción de obras públicas (autoestradas, encoros, vías de ferrocarrís…) condiciona a configuración do territorio e os seus bens. Por ese motivo, o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza un seminario que ten como obxectivo coñecer cales deberían ser os procedementos de actuación ante unha obra pública e a súa relación coa contorna. A cita, organizada pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, terá lugar os días 13 e 14 de maio na sede da institución.
02/05/2014

Lugo acollerá o Concerto das Letras Galegas

O Círculo das Artes de Lugo acollerá o vindeiro día 16 de maio o Concerto das Letras Galegas. Unha actividade organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Sociedade Filharmónica de Lugo, que une música e textos arredor do homenaxeado no Día das Letras Galegas, nesta ocasión Xosé María Díaz Castro. Maximino Zumalave dirixirá a orquestra Real Filharmonía de Galicia, o grupo vocal Solo Voces e o Collegium Compostellanum nun repertorio de compositores e escritores lucenses. Ademais, terá lugar a estrea absoluta dunha peza que lle pon música a “Penélope”, o poema de Díaz Castro, que o CCG lle encargou ao compositor galego Octavio Vázquez. O concerto é gratuíto e aberto ao público ata completar a capacidade do local.
30/04/2014

Dolores Vilavedra e María Xosé Porteiro incorpóranse ao Plenario

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou este mércores 30 de abril unha sesión plenaria extraordinaria na que aprobou cambios na súa composición. Nesta ocasión procedeuse á elección de membros na quenda de personalidades, en cumprimento do establecido pola lei de creación da institución. Coa incorporación de Dolores Vilavedra e María Xosé Porteiro, o plenario do CCG cumpre así a paridade dos membros electivos.
29/04/2014

O Consello da Cultura destaca o avance da participación das mulleres na cultura nun informe

“A muller na cultura galega I” é o título dun informe que acaba de elaborar o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Os datos recollidos apuntan a un aumento da participación das mulleres no ámbito cultural e constata que as diferenzas entre os sexos inflúen nas accións e nas actitudes. O traballo distribúese en dúas partes: esta primeira é a encargada de coñecer datos estatísticos como en que empregan as galegas o seu tempo libre, as condicións laborais, o uso das tecnoloxías das telecomunicacións e as ensinanzas de ámbito cultural.
28/04/2014

O CCG celebra o día da danza cunhas xornadas de debate

O 29 de abril é a data establecida pola Unesco para celebrar o Día da Danza. Unha efeméride á que se suma o Consello da Cultura Galega (CCG) coas xornadas “A danza a debate”, que terán lugar o vindeiro 6 e 7 de maio na sede da institución. A actividade, organizada pola Sección de Música e Artes Escénicas, ten aberto o prazo de inscrición. Eva Faraldo é a coordinadora destas xornadas que ofrecerán un estado da cuestión da situación actual da danza tanto no ámbito educativo como no profesional.
24/04/2014

As xornadas Arte+Pintura rematan ofrecendo unha radiografía da diversidade pictórica

O Consello da Cultura Galega acolleu durante dous días unha xornadas que serviron para ofrecer unha radiografía da diversidade da pintura a día de hoxe. Artistas, investigadores, comisarios e críticos explicaron e exemplificaron durante dous días a diversidade, a evolución da pintura nas últimas décadas. María Luísa Sobrino e Almudena Fernández coordinaron estas xornadas tituladas “Arte+Pintura”, actividades organizada pola sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega.
23/04/2014

Continúan no Consello da Cultura as xornadas que buscan trazar un mapa actual da pintura

“Cada día nacen novos pintores, pero fano con traballos moi diferentes entre si” explicaba Isabel Sabino, artista visual e profesora da Facultade de Belas Artes de Lisboa e participante das xornadas “Arte+Pintura”, que buscan ofrecer un mapa teórico e práctico do estado actual deste xénero. Canda ela, tamén docente Antón Castro incidiu na disociación entre o mundo da arte e o mundo real, no que a pintura xoga un papel protagonista. “A pintura non é só unha técnica e iso comezou a asimilarse nos noventa, como tamén comezou a asimilarse que o cadro non era o único soporte e no que se empregan outros medios” insistiu Almudena Fernández, coordinadora xunto con María Luisa Sobrino, dunhas xornadas que conclúen este xoves no Consello da Cultura Galega.
22/04/2014

Comezan as xornadas Arte+Pintura que ofrecerán un mapa da situación pictórica

Este mércores arrincan no Consello da Cultura Galega as xornadas “Arte+Pintura”, que buscan ofrecer un mapa teórico e práctico do estado actual deste xénero. “Aínda que se leva dicindo que a pintura esmorece, o que imos poder ofrecer é que existe unha gran diversidade e riqueza, así como exhibir a enerxía que ten a pintura a día de hoxe” explica Almudena Fernández, coordinadora xunto con María Luisa Sobrino das xornadas que se desenvolverán ata o xoves na sede da institución.
21/04/2014

O presidente do Consello da Cultura avalía en Alemaña a influencia da República de Weimar na Xeración Nós

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG) inicia hoxe unha visita por varios Centros de Estudos Galegos de Alemaña. Neles pronunciará unha conferencia que, baixo o título “A Xeracións Nós Na Alemaña de Weimar”, pretende analizar e avaliar a influencia que a cultura de raíz alemaña da época de entreguerras exerceu na configuración do pensamento dos principais membros da xeración Nós.
15/04/2014

O Consello da Cultura actualiza o debate sobre a pintura nunhas xornadas

A pintura é unha categoría artística desenvolvida con grande intensidade en Galicia nas últimas décadas. Por ese motivo, a sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega organiza unhas xornadas para reflexionar como foron cambiando os discursos, os materiais e ver como as experiencias prácticas axudaron a transformar e ampliar o concepto de pintura. As xornadas, que levan o título Arte+Pintura, terán lugar na sede do Consello da Cultura Galega os días 23 e 24 de abril.
08/04/2014

O Consello da Cultura Galega colabora na doazón do legado de Pérez Prado

Antonio Pérez Prado (Bos Aires, 1926-2009) foi un médico arxentino, fillo de galegos, que mantivo unha fecunda actividade a prol da cultura galega en Bos Aires. O material así como a correspondencia que mantivo cos intelectuais galeguistas, tanto do exilio exterior como do interior, axudan a comprender a presenza galega en Arxentina. Un legado que acaba de depositar na Fundación Penzol a súa filla, Aixa Pérez Prado, cumprindo coa expresa vontade do seu pai e no que colaborou o Consello da Cultura Galega.