noticia

Rexistros 1681 a 1710 de 1765
03/02/2014

O CCG analiza os desafíos políticos en Europa en 2014

Destacados expertos galegos e foráneos reuniranse en febreiro no CCG para analizar os grandes desafíos políticos de Europa en 2014, e en especial os procesos de independencia en Escocia e Cataluña. “Móvense os marcos e cómpre atender aos seus efectos”, asegura a sección de Pensamento e Sociedade do CCG na presentación do ciclo de conferencias. Entre os ponentes figuran destacados expertos implicados neses procesos políticos como Michael Keating, catedrático de Políticas en Aberdeen (Escocia) e director de ESRC Scottish Centre on Constitutional Change e Carles Viver Pi-Sunyer, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade Pompeu Fabra e presidente do Consello Assessor per a la Transició Nacional desde 2013.


INSCRÍBETE NO CICLO "Desafíos políticos en Europa en 2014" AQUÍ
30/01/2014

Villares reinvidica ao Seoane que "conectou as dúas Galicias" na presentación do seu Epistolario dixital

O Consello da Cultura Galega presentou esta tarde na Fundación Luís Seoane o Epistolario dixital de Luís Seoane, un ambicioso proxecto en Internet que permite explorar as relacións humanas e a vida dun artista "que conectou as dúas Galicias, a americana e a europea", en palabras de Ramón Villares. Na presentación participaron o presidente do CCG, Carlos Negreira, alcalde da Coruña, Xosé Díaz, Secretario da Fundación Seoane e a documentalista Emilia García.


Explora o Epistolario de Luís Seoane
28/01/2014

Xa pode ver o documental "A luz do negro. O volframio da Brea e o poboado do Fontao"

Documental construído a partir do rexistro documental realizado para o Arquivo Sonoro de Galicia das vivencias das mulleres e homes que traballaron na mina da Brea (Vila de Cruces).
21/01/2014

O CCG reivindica a figura e o papel histórico de Xelmírez coa súa nova publicación

Está mañá o Consello da Cultura Galega presentou a ampla obra O século de Xelmírez. Trátase dun amplo estudo que analiza o século XII, definido por Ramón Villares como "fundamental para a Historia de Galicia", a través dos tres eixos nos que o arcebispo Xelmírez deixou unha notable influencia: a historia, a arte e a cultura, e no que colaboran os principais especialistas galegos e destacados expertos internacionais.

Descargue O século de Xelmírez na nosa Mediateca
15/01/2014

A cultura trouxo case un millón de turistas a Galicia en 2012

O Observatorio da Cultura Galega publica hoxe un informe sobre o turismo cultural en Galicia no que revela que o número de turistas que viñeron a Galicia atraídos a Galicia pola súa cultura foron 953.000 en 2012, dos que 491.500 viñeron doutras partes do Estado e 467.800 do estranxeiro. A cultura atraeu ao 52% do total de turistas estranxeiros, en contraposición co turismo interior español, do que só un 12% declarou vir a Galicia por motivos culturais.

Descarga aquí o informe
14/01/2014

Expertos en lingüística destacan a solidez da lingua galega e da súa norma no contacto coas linguas próximas

O CCG acolleu a presentación do libro "Contacto de linguas, hibrididade, cambio: contextos, procesos e consecuencias", coeditado co Instituto da Lingua Galega. O volume aborda a relación do galego coas outras linguas do seu contorno. Na presentación estiveron presentes Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Ernesto González Seoane, director do Instituto da Lingua Galega e dous dos editores do libro: Henrique Monteagudo e Gabriel Rei Doval.

Pode descargar o libro aquí.
10/01/2014

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega dixitaliza a relación de Francisco Fernández Del Riego con América

Baixo o título "Francisco Fernández del Riego. Correspondente para América", o Arquivo da Emigración Galega realizou o traballo de baleirado e dixitalización de fondos propios, contando tamén co aporte dos audios do Arquivo Sonoro de Galicia. O CCG acaba de publicar un repositorio especial que recolle a traxectoria e impacto cultural de Francisco Fernández del Riego en América. O especial, realizado co gallo do centenario do nacemento do polígrafo vigués, permite explorar case trescentos artigos que Fernández del Riego publicou en máis de vinte publicacións promovidas por sociedades de emigrantes en América.

O especial pode consultarse en www.consellodacultura.org/prensa/
09/01/2014

O CCG dixitaliza a relación de Francisco Fernández Del Riego con América

Baixo o título "Francisco Fernández del Riego. Correspondente para América", e empregando fondos do Arquivo da Emigración Galega e do Arquivo Sonoro de Galicia, o CCG publicou hoxe á maña un contedor especial que recolle a traxectoria e impacto cultural de Francisco Fernández del Riego en América. O especial, realizado polo departamento de Internet da propia institución, elaborouse co gallo do centenario do nacemento do polígrafo vigués, permite explorar case trescentos artigos que Fernández del Riego publicou en máis de vinte publicacións promovidas por sociedades de emigrantes en América.

O especial pode consultarse en www.consellodacultura.org/prensa/
30/12/2013

O Plenario do CCG aproba o orzamento e o plan de actividades para 2014

Onte o CCG celebrou o último plenario do ano e fíxoo aprobando o orzamento asignado para a institución e o plan de actividades para o 2014. Serán máis de 30 eventos públicos canda o tradicional traballo da institución en informes, estudos, publicacións e proxectos de divulgación en Internet.
26/12/2013

O CCG destaca a figura de Rosalía de Castro como un símbolo vixente para a cultura galega e a súa proxección exterior

O Consello da Cultura Galega presentou esta mañá o balance do ano Rosalía de Castro, que foi definido como moi "frutífero" e "positivo", e que permitiu comprobar a vixencia da figura de Rosalía de Castro no presente dentro da cultura de Galicia e a súa proxección internacional, segundo sinalou Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega.
27/11/2013

O Observatorio da Cultura Galega constata o retroceso da edición en galego

Menos títulos, con tiraxes máis reducidas e cun prezo máis alto. Así é o panorama da edición en Galicia e en galego durante os últimos anos, se ben as editoras conseguen manter a facturación no medio da crise. Son datos do último informe do Observatorio da Cultura Galega sobre o sector do libro e xa dispoñibles en Internet.

Pode descargar o informe aquí e ampliar información no interior da noticia.
27/11/2013

Inauguración da Exposición Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia, na parroquia de San Martiño de Lanzós, Vilalba

No marco das actividades que se desenvolverán durante a celebración do Centenario da Sociedade Progreso de Lanzós da Habana, que terá lugar no edificio da antiga Casa-escola de Lanzós (Concello de Vilalba), o vindeiro sábado 30 de novembro de 2013.
20/11/2013

O CCG explica a diáspora galega a expertos internacionais en Suecia

O CCG participou en outubro na xuntanza anual da Association of European Migration institutions (AEMI), que tivo lugar no Swedish American Center, na cidade sueca de Karlstad. A edición deste ano, centrada sobre temas como a identidade de segunda e terceira xeración, a relación entre grupos étnicos transnacionais e a autoimaxe nacional, acolleu a seguinte presentación do CCG: "Ethnicity and diásporas. Galician inmigrants of second and third generation in Europe today", presentando o panorama das segundas e terceiras xeracións de emigrantes galegos en Europa. O CCG estuda a posibilidade de que no 2015 esta xuntanza anual se celebre en Santiago de Compostela.
14/11/2013

Villares reúnese con Nélida Piñón para reflexionar sobre a difusión da cultura galega no Brasil

Ramón Villares, presidente do CCG, reuniuse onte coa galardoada escritora Nélida Piñón co obxectivo de intercambiar puntos de vista sobre a difusión da lingua e da cultura galegas no Brasil. Na fotografía, Piñón asina o libro de honra do Consello da Cultura Galega.
13/11/2013

O 60% dos arquivos de Galicia son privados, segundo o Observatorio da Cultura Galega

En Galicia existen 4.267 arquivos documentais. Case o 60% deles son privados e, dentro da titularidade privada, 2.464 son xestionados pola Igrexa, un 57.7% do total. A Administración autonómica e o Poder Xudicial son as entidades públicas titulares de máis arquivos. Así o revela o novo informe do Observatorio da Cultura Galega, que informa sobre a situación actual destes centros.
12/11/2013

O CCG lamenta a morte de Gonzalo Rey Lama

O Consello da Cultura Galega quere expresar o seu pesar pola morte de D. Gonzalo Rey Lama, que foi membro do Plenario da institución en representación da Fundación Rosalía de Castro desde o ano 1997 ata o 2005. Rey Lama, como propietario da empresa NEOR, S.A., significouse como un dos grandes especialistas na rehabilitación do patrimonio cultural galego. Gonzalo Rey Lama finou esta noite.
11/11/2013

Estrea do documental "Consello da Cultura Galega: 30 anos imaxinando país"





Xa pode ver o documental do CCG "Consello da Cultura Galega: 30 anos imaxinando país". Unha coidada realización dá lugar a 40 minutos sobre o pasado, o presente da institución. O documental estivo dirixido por Toño Chouza, e a dirección de proxecto foi dos técnicos do CCG Manuel Gago e Cristina Mouriño.
08/11/2013

O CCG estrea en liña o vindeiro luns o documental "30 anos imaxinando país"






Os asistentes á celebración do 30º aniversario do Consello da Cultura Galega xa puideran ver un adianto deste documental dirixido por Toño Chouza sobre o CCG, o seu funcionamento e a súa misión. Este luns 11 de novembro, coincidindo coas eleccións que elexiron a Ramón Piñeiro como primeiro Presidente do Consello da Cultura Galega en 1983, o CCG estreará en liña o documental "30 anos imaxinando país". Por agora, aquí pode ver un trailer.
05/11/2013

O CCG manterá a súa aposta pola visibilización da cultura galega malia a caída do orzamento

O Presidente do Consello da Cultura Galega destacou esta mañá no Parlamento de Galicia que no 2014 a institución continuará co seu papel de asesoría e recuperación de figuras relevantes de Galicia como Fray Rosendo Salvado, Ramón María del Valle Inclán ou Lino Novás e profundizará nos procesos de dixitalización e posta a disposición pública da cultura galega en Internet.
31/10/2013

Ramón Villares reivindica no Senado Galicia como “ponte de intercambio” cultural con Iberoamérica e a lusofonía

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, reivindicou esta mañá na Comisión de Asuntos Iberoamericanos do Senado o papel de Galicia como espazo privilexiado para a relación con Iberoamérica e a comunidade lusófona. Villares explicou no Senado o traballo e proxectos do CCG en relación á diáspora galega en América e achegou a visión da institución sobre como Galicia pode servir de ponte entre España e as comunidades iberoamericanas, por unha banda, e coa lusófona por outras.
30/10/2013

O Observatorio da Cultura Galega constata a caída e os cambios de hábito no consumo do cine

Galicia é a comunidade autónoma con peores datos de asistencia a cines, só por riba de Estremadura e Ceuta e Melilla, pero o espectador realiza un gasto medio na sala por riba da media española. A caída do número de cines contrasta co incremento de salas nas grandes cidades galegas, sinal dunha industria en plena transformación. E neste contexto, en Galicia os consumidores apostan máis polo cine español que polo estranxeiro. Pode consultar o informe completo aquí
29/10/2013

O CCG participa nos debates sobre o futuro da lingua portuguesa no mundo

O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a vicepresidenta Rosario Alvarez Blanco, foron convidados polo Instituto Camões a participar no II Congreso A Lingua Portuguesa no Sistema Mundial, que se celebra en Lisboa entre hoxe e mañá. Villares e Álvarez Blanco participan esta tarde na mesa "Políticas de Língua na Galiza", coordinada por Ivo Castro, explicando a situación do galego, o seu artellamento institucional e na educación e as relacións coa comunidade lusófona. Aquí pode consultar o programa.
25/10/2013

O CCG celebra a traxectoria de Mabel Rivera

Onte o CCG celebrou o camiño profesional e persoal da actriz Mabel Rivera, unha das figuras destacadas da modernización do teatro galego trala dictadura. Hoxe, pode consultar o traballo de documentación realizado pola Comisión de Igualdade do CCG no Álbum de Mulleres, no que se recolle de xeito exhaustivo o seu percorrido profesional.
24/10/2013

Siga en directo "Escénicas. Mabel Rivera"




Consulte aquí o programa
23/10/2013

O Consello da Cultura Galega celebra o encontro “Escénicas. Mabel Rivera”

O Consello da Cultura Galega organiza mañá, xoves 24 de outubro, o encontro “Escénicas. Mabel Rivera”, no que analizará a figura desta coñecida actriz e o papel da muller no sector escénico e audiovisual actual. A xornada será retransmitida en directo a partir das 10 h. desde o web do Consello da Cultura Galega (www.consellodacultura.org)
22/10/2013

O Presidente do CCG participa no Congreso Internacional da Lingua Española

Hoxe clausúrase o VI Congreso Internacional de la Lengua Española en Panamá, dedicado ao libro e o seu futuro no contexto dixital. Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, participou nas sesións de debate e interveu no panel sobre "Bibliofilias: coleccionismo de libros y edición", canda outros expertos como César Antonio Molina, John O'Neill, Pedro Luis Puntoni ou Víctor Manuel Ramos.
21/10/2013

Madrid celebra o 150 aniversario de "Cantares Gallegos"

O Instituto Cervantes, o Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia organizan os próximos 22, 23 e 24 de outubro na sede central do Instituto Cervantes en Madrid, unha homenaxe á poeta e novelista Rosalía de Castro con motivo dos 150 anos da publicación da súa emblemática obra «Cantares galegos». Conferencias, debates e un concerto a cargo de Amancio Prada son os actos que se realizarán.
16/10/2013

O Consello da Cultura Galega elaborará un informe sobre o estado da cultura galega

Dispoñer de datos fiables sobre a situación, características, dimensión e evolución dos diferentes sectores da cultura galega é o obxectivo do novo Informe sobre a Cultura Galega que está a elaborar o Observatorio da Cultura Galega desta institución. A diferencia de publicacións anteriores, o CCG distribuirá parcialmente desta vez os resultados ao longo de 2013 e principios de 2014, previamente á súa edición completa. Deste xeito, os datos sectoriais poderán ser consultados na maior parte dos casos moito antes do acostumado.

O primeiro dos informes trata sobre a situación do patrimonio cultural galego e pode consultalo na nosa Mediateca.
10/10/2013

Os alumnos do Santiago Apóstol de Bos Aires coñecen o CCG

Con Ramón Villares, Presidente do CCG, como guía, os alumnos de secundaria do Colexio Santiago Apóstol -o único colexio de Bos Aires que continúa dando clases de lingua e cultura galegas-, coñeceron esta institución. Villares explicoulles o funcionamento do CCG e os vínculos entre Galicia e Arxentina ao longo do tempo. Os rapaces, que visitaban Galicia por primeira vez, tamén aprenderon as ferramentas dixitais que o CCG ofrece, como culturagalega.org, para conectarse á actualidade cultural do noso país desde América.
03/10/2013

O Consello da Cultura Galega leva a Rosalía de Castro ao Festival de Outono de Braga

O Festival de Outono de Braga acollerá un importante concerto con motivo da conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos por Rosalía de Castro. O evento, o espectáculo musical e poético Aqueles doces cantares, organizado polo Consello da Cultura Galega e o Conselho Cultural da Universidade do Minho, celebrarase no Salón Medieval da Reitoría da Universidade do Minho este venres 4 de outubro ás 22:00 h.