noticia

Rexistros 1711 a 1727 de 1727
12/11/2013

O CCG lamenta a morte de Gonzalo Rey Lama

O Consello da Cultura Galega quere expresar o seu pesar pola morte de D. Gonzalo Rey Lama, que foi membro do Plenario da institución en representación da Fundación Rosalía de Castro desde o ano 1997 ata o 2005. Rey Lama, como propietario da empresa NEOR, S.A., significouse como un dos grandes especialistas na rehabilitación do patrimonio cultural galego. Gonzalo Rey Lama finou esta noite.
11/11/2013

Estrea do documental "Consello da Cultura Galega: 30 anos imaxinando país"





Xa pode ver o documental do CCG "Consello da Cultura Galega: 30 anos imaxinando país". Unha coidada realización dá lugar a 40 minutos sobre o pasado, o presente da institución. O documental estivo dirixido por Toño Chouza, e a dirección de proxecto foi dos técnicos do CCG Manuel Gago e Cristina Mouriño.
08/11/2013

O CCG estrea en liña o vindeiro luns o documental "30 anos imaxinando país"






Os asistentes á celebración do 30º aniversario do Consello da Cultura Galega xa puideran ver un adianto deste documental dirixido por Toño Chouza sobre o CCG, o seu funcionamento e a súa misión. Este luns 11 de novembro, coincidindo coas eleccións que elexiron a Ramón Piñeiro como primeiro Presidente do Consello da Cultura Galega en 1983, o CCG estreará en liña o documental "30 anos imaxinando país". Por agora, aquí pode ver un trailer.
05/11/2013

O CCG manterá a súa aposta pola visibilización da cultura galega malia a caída do orzamento

O Presidente do Consello da Cultura Galega destacou esta mañá no Parlamento de Galicia que no 2014 a institución continuará co seu papel de asesoría e recuperación de figuras relevantes de Galicia como Fray Rosendo Salvado, Ramón María del Valle Inclán ou Lino Novás e profundizará nos procesos de dixitalización e posta a disposición pública da cultura galega en Internet.
31/10/2013

Ramón Villares reivindica no Senado Galicia como “ponte de intercambio” cultural con Iberoamérica e a lusofonía

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, reivindicou esta mañá na Comisión de Asuntos Iberoamericanos do Senado o papel de Galicia como espazo privilexiado para a relación con Iberoamérica e a comunidade lusófona. Villares explicou no Senado o traballo e proxectos do CCG en relación á diáspora galega en América e achegou a visión da institución sobre como Galicia pode servir de ponte entre España e as comunidades iberoamericanas, por unha banda, e coa lusófona por outras.
30/10/2013

O Observatorio da Cultura Galega constata a caída e os cambios de hábito no consumo do cine

Galicia é a comunidade autónoma con peores datos de asistencia a cines, só por riba de Estremadura e Ceuta e Melilla, pero o espectador realiza un gasto medio na sala por riba da media española. A caída do número de cines contrasta co incremento de salas nas grandes cidades galegas, sinal dunha industria en plena transformación. E neste contexto, en Galicia os consumidores apostan máis polo cine español que polo estranxeiro. Pode consultar o informe completo aquí
29/10/2013

O CCG participa nos debates sobre o futuro da lingua portuguesa no mundo

O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a vicepresidenta Rosario Alvarez Blanco, foron convidados polo Instituto Camões a participar no II Congreso A Lingua Portuguesa no Sistema Mundial, que se celebra en Lisboa entre hoxe e mañá. Villares e Álvarez Blanco participan esta tarde na mesa "Políticas de Língua na Galiza", coordinada por Ivo Castro, explicando a situación do galego, o seu artellamento institucional e na educación e as relacións coa comunidade lusófona. Aquí pode consultar o programa.
25/10/2013

O CCG celebra a traxectoria de Mabel Rivera

Onte o CCG celebrou o camiño profesional e persoal da actriz Mabel Rivera, unha das figuras destacadas da modernización do teatro galego trala dictadura. Hoxe, pode consultar o traballo de documentación realizado pola Comisión de Igualdade do CCG no Álbum de Mulleres, no que se recolle de xeito exhaustivo o seu percorrido profesional.
24/10/2013

Siga en directo "Escénicas. Mabel Rivera"




Consulte aquí o programa
23/10/2013

O Consello da Cultura Galega celebra o encontro “Escénicas. Mabel Rivera”

O Consello da Cultura Galega organiza mañá, xoves 24 de outubro, o encontro “Escénicas. Mabel Rivera”, no que analizará a figura desta coñecida actriz e o papel da muller no sector escénico e audiovisual actual. A xornada será retransmitida en directo a partir das 10 h. desde o web do Consello da Cultura Galega (www.consellodacultura.org)
22/10/2013

O Presidente do CCG participa no Congreso Internacional da Lingua Española

Hoxe clausúrase o VI Congreso Internacional de la Lengua Española en Panamá, dedicado ao libro e o seu futuro no contexto dixital. Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, participou nas sesións de debate e interveu no panel sobre "Bibliofilias: coleccionismo de libros y edición", canda outros expertos como César Antonio Molina, John O'Neill, Pedro Luis Puntoni ou Víctor Manuel Ramos.
21/10/2013

Madrid celebra o 150 aniversario de "Cantares Gallegos"

O Instituto Cervantes, o Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia organizan os próximos 22, 23 e 24 de outubro na sede central do Instituto Cervantes en Madrid, unha homenaxe á poeta e novelista Rosalía de Castro con motivo dos 150 anos da publicación da súa emblemática obra «Cantares galegos». Conferencias, debates e un concerto a cargo de Amancio Prada son os actos que se realizarán.
16/10/2013

O Consello da Cultura Galega elaborará un informe sobre o estado da cultura galega

Dispoñer de datos fiables sobre a situación, características, dimensión e evolución dos diferentes sectores da cultura galega é o obxectivo do novo Informe sobre a Cultura Galega que está a elaborar o Observatorio da Cultura Galega desta institución. A diferencia de publicacións anteriores, o CCG distribuirá parcialmente desta vez os resultados ao longo de 2013 e principios de 2014, previamente á súa edición completa. Deste xeito, os datos sectoriais poderán ser consultados na maior parte dos casos moito antes do acostumado.

O primeiro dos informes trata sobre a situación do patrimonio cultural galego e pode consultalo na nosa Mediateca.
10/10/2013

Os alumnos do Santiago Apóstol de Bos Aires coñecen o CCG

Con Ramón Villares, Presidente do CCG, como guía, os alumnos de secundaria do Colexio Santiago Apóstol -o único colexio de Bos Aires que continúa dando clases de lingua e cultura galegas-, coñeceron esta institución. Villares explicoulles o funcionamento do CCG e os vínculos entre Galicia e Arxentina ao longo do tempo. Os rapaces, que visitaban Galicia por primeira vez, tamén aprenderon as ferramentas dixitais que o CCG ofrece, como culturagalega.org, para conectarse á actualidade cultural do noso país desde América.
03/10/2013

O Consello da Cultura Galega leva a Rosalía de Castro ao Festival de Outono de Braga

O Festival de Outono de Braga acollerá un importante concerto con motivo da conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos por Rosalía de Castro. O evento, o espectáculo musical e poético Aqueles doces cantares, organizado polo Consello da Cultura Galega e o Conselho Cultural da Universidade do Minho, celebrarase no Salón Medieval da Reitoría da Universidade do Minho este venres 4 de outubro ás 22:00 h.
27/09/2013

Villares reivindica para o CCG no seu 30 aniversario "unha cultura máis baseada no facer que no ser"

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, resaltou a gran diversidade de liñas de acción do Consello da Cultura Galega, reivindicando a memoria do Seminario de Estudos Galegos e a súa capacidade para conciliar todas as disciplinas do coñecemento como fonte de inspiración para o CCG. Para Villares, o Consello da Cultura Galega debe ser unha institución máis baseada "no facer que no ser", e polo tanto, con gran capacidade de iniciativa e de servir de vínculos entre a sociedade e as súas institucións.
23/09/2013

O Consello da Cultura Galega lamenta a morte de Ernesto Viéitez Cortizo

O Consello da Cultura Galega quere manifestar o seu pesar pola morte de Don Ernesto Viéitez Cortizo, finado o pasado 21 de setembro de 2013. Viéitez Cortizo foi representante no Plenario do Consello da Cultura Galega por parte da Real Academia Galega de Ciencias desde a fundación da nosa entidade. O CCG tamén editou unha das grandes obras deste destacado científico, O castiñeiro, unha vasta compilación do coñecemento sobre esta sobranceira árbore tan estendida en Galicia.
16/09/2013

O Consello da Cultura Galega participa na organización dos Encuentros en Verines

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2013. O Consello da Cultura Galega participará na organización dos Encuentros en Verines, unha tradicional cita literaria que desde o ano 1985 reúne na Casona de Verines, en Pendueles (Asturias) a destacados creadores das distintas literaturas e linguas do Estado español. Os Encuentros están organizados polo Ministerio de Cultura e contan coa colaboración do Instituto Etxepare, o Institut Ramón Llull, e o Consello da Cultura Galega. O evento foi presentado hoxe pola mañá no Ministerio de Cultura, en Madrid, e o acto contou coa presenza de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega.
16/07/2013

A exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración” percorre Euskadi da man da Irmandade de Centros Galegos

A exposición “NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN”, realizada polo Consello da Cultura Galega a través do seu Arquivo da Emigración Galega, está a percorrer Euskadi desde o pasado mes de xuño por iniciativa da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi. Desde o 15 ao 22 de xullo pode verse no Centro Galego de Érmua (Vizcaya) e do 22 ao 29 de xullo na Agrupación Hijos de Galicia, de Sestao (Vizcaya). Con anterioridade estivo na Irmandade de Centros Galegos, na Casa Torre, en Santurce (Vizcaya), na Casa de Galicia en Elgoibar (Guipúzcoa) e no Centro Galego de Vitoria en Gernikako Arbola (Araba). A Irmandade de Centros Galegos, que preside Pilar Rodríguez Villar é una federación composta polos doce Centros e Casas de Galicia ubicados no País Vasco. Nos últimos dous anos esta exposición puido verse en diferentes países de Europa e América.
A exposición NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN consta de sete bloques temáticos, desenvolvidos en 55 paneis, e permite seguir a evolución das sociedades microterritoriais e as dimensións mutualista, educativa, artística, cultural, sanitaria e política do asociacionismo galego na diáspora, lembra Pilar Cagiao, comisaria do proxecto xunto con Vicente Peña Saavedra. Esta iniciativa do Consello da Cultura Galega contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.
04/07/2013

Patrizia Violi falou no Consello da Cultura Galega sobre “Os museos da memoria e o seu rol na construción das identidades culturais”

Patrizia Violi, profesora de Semiótica da Universidade de Bologna (Italia), falou hoxe no seminario “Os sentidos das culturas” do Consello da Cultura Galega sobre o tema “Recordar o futuro. Os museos da memoria e o seu rol na construcción das identidades culturais”. Centrouse na memoria colectiva de eventos tráxicos e conflictivos e aludiu a tres lugares significativos polas relacións diversas que establecen entre memoria e identidade: o Museo Tuol Sleng dos Crimes do Xenocidio de Phnom Penh,en Camboya (1975-1979); o Parque para a Paz de Villa Grimaldi, en Santiago de Chile (1973-1990), e o Memorial Hall das Víctimas da Masacre de Nanjing polos Invasores Xaponeses, en Nanjing (China) en 1937. En todos eles, ao conservar o existente ou construir ex novo “estanse definindo as formas da propia identidade colectiva pasada, presente e tamén futura”. Corenta persoas asistiron ao seminario, que puido seguirse tamén en directo a través de www.consellodacultura.org
04/07/2013

As Pontes de García Rodríguez acolle a exposición “Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia" desde hoxe ata o 23 de xullo

A exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG), a través do seu Arquivo da Emigración Galega, e coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración, será inaugurada hoxe ás 20 horas no CEIP “Santa María” (Praza de América, s/n) de As Pontes de García Rodríguez (A Coruña). A mostra, que salienta o instrutivo compromiso solidario dos emigrantes galegos, permanecerá nese espazo ata o 23 de xullo. No acto inaugural intervirán: Valentín González Formoso, alcalde de As Pontes; Marcelino Fernández Santiago, xerente do CCG; Antonio Castro, concelleiro de Servizos e atención ao medio rural, e Vicente Peña Saavedra, comisario da mostra e profesor da Universidade de Santiago de Compostela.
28/06/2013

Presentado o libro “Cuadernos de Rusia. Diario 1941-1942”, de Dionisio Ridruejo, editado e anotado por Xosé M. Núñez Seixas

O Consello da Cultura Galega acolleu hoxe a presentación do libro “Cuadernos de Rusia. Diario 1941-1942”, de Dionisio Ridruejo, editado e anotado por Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da Ludwig-Maximilian-Universität München (Alemaña). Trátase, probablemente, no criterio do editor, “dunha das obras cimeiras da literatura memorialística sobre a División Española de Voluntarios ou División Azul, corpo de voluntarios reclutados de forma mixta polas milicias de Falange e o exército, que aportou de maneira exclusiva a oficialidade e boa parte tamén dos voluntarios, e que entre xullo de 1941 e febrero de 1944 movilizou perto de 47.000 combatentes españois no sector septentrional do Frente do Este”.
27/06/2013

Francisco Rodríguez salientou os compromisos patriótico, feminista e democrático da autora de “Follas Novas” no final do congreso rosaliano

Os compromisos patriótico, feminista e democrático, alén do lingüístico, de Rosalía de Castro foron especialmente subliñados na quinta e derradeira xornada do congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada”, que se densenvolveu hoxe no Consello da Cultura Galega. Eses compromisos da autora de “Follas Novas” foron obxecto de análise por parte do profesor e ensaísta Francisco Rodríguez e complementados na mesa redonda “Rosalía á luz do pensamento feminista”, na que interviron María Xesús Nogueira, María Reimóndez e Carmen Blanco. Un achegamento ao mundo da emigración e as novas análises de “Cantares Gallegos” cerraron un programa iniciado o pasado mes de febrero e coordinado por Rosario Álvarez, Anxo Angueira, María do Cebreiro Rábade e Dolores Vilavedra. Nos meses vindeiros o CCG levará a cabo actividades difusoras da obra rosaliana en Madrid e Barcelona e publicará as actas do congreso, que incoporarán asemade os traballos presentados ao congreso virtual.
20/06/2013

Victoria Camps defendeu a necesidade de relativizar o “falso antagonismo razón-emoción” e apelou aos valores da liberdade e a igualdade

A filósofa e ensaísta Victoria Camps defendeu a necesidade de relativizar os que presentou como falsos antagonismos entre razón e emoción ou cosmopolitismo-nacionalismo, “procurando que as emocións sexan razonables e que as razóns non perdan a carga de emotividade imprescindible para que inflúan na acción, sempre da man da liberdade e da igualdade” e lembrou que “a desmesura pode perverter tanto a racionalidade como a emotividade”. A catedrática emérita de Filosofía Moral e Política da Universidade Autónoma de Barcelona reflexionou esta tarde sobre “O lugar das emocións na política”, no marco do seminario interdisciplinar “Os sentidos das culturas”, organizado e impulsado desde 2006 polo Consello da Cultura Galega e coordinado polo profesor Ramón Maiz. Oitenta persoas asistiron ao seminario, que, como é habitual no CCG, puido tamén seguirse en directo na Rede a través de www.consellodacultura.org
19/06/2013

Satisfacción do Consello da Cultura Galega pola aprobación do dominio Punto Gal

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega expresou a súa satisfacción pola aprobación do dominio punto gal por parte do ICANN, organismo que goberna a Rede.
O Consello da Cultura, que foi parte activa e comprometida coa iniciativa da Asociación Punto Gal, felicítouse pola presenza diferenciada na Rede da lingua e a cultura de Galicia e polo novo impulso que esta decisión supoñerá a prol dunha maior presenza do idioma galego en Internet.
Salientou asemade o Consello da Cultura Galega o feito de que “esta noticia esperanzadora para o galego” chegue cando se cumplen trinta anos da Lei de Normalización Lingüística.
18/06/2013

O Consello da Cultura presentou LEME, aplicación gratuíta e aberta para móbiles, con acceso aos equipamentos e recursos culturais galegos

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe na praza do Obradoiro, esquina Hostal dos Reis Católicos, LEME, unha nova aplicación gratuíta e aberta para teléfonos móbiles, ipad e iphone (no outono tamén para android) orientada á descuberta dos equipamentos e recursos culturais galegos. No acto interviron: Ramón Villares, presidente da institución, e Manuel Gago, director do portal cultural www.culturagalega.org, que ofreceu unha demostración práctica do uso da nova aplicación. LEME (temón, sentido) ponse en marcha con máis de seis mil localizacións e presentase como "un etiquetado cultural do territorio galego", afirmou Ramón Villares.
LEME (temón, sentido) nútrese dos contidos das bases de datos de información xeográfica do Consello da Cultura Galega, coma o Mapa de Equipamentos Culturais, os Roteiros da Cultura Galega e o proxecto As Escolas da Emigración, ofrecendo de partida máis de 6.000 localizacións ao longo de toda Galicia. Desde teatros, auditorios ou galerías de arte ata castelos, castros ou espazos literarios. "É un etiquetado cultural lemedo territorio galego", dixo Ramón Villares. LEME pode baixarse en:
http://www.culturagalega.org/opinion/leme
14/06/2013

Máis de 500.000 descendentes de emigrantes e exiliados españois en Iberoamérica solicitaron a nacionalidade española da man da Lei da Memoria Histórica

Máis de medio millón de fillos de emigrantes e exiliados españois en Iberoamérica (uns 150.000 descendentes de galegos) solicitaron a concesión da cidadanía española de orixe, acolléndose á Disposición Adicional 7 da Lei 52/2007, coñecida como Lei da Memoria Histórica. Dese total, ata o momento, resolvéronse positivamente 253.405 expedientes. Os datos déronse a coñecer hoxe no curso do Seminario internacional “Migracións e memoria histórica”, que veu celebrándose desde onte no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. Antonio Izquierdo Escribano, catedrático de Socioloxía e responsable do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI) deu conta deses datos no inicio da sesión, que rexistrou tamén a intervención de Javier García Diego, director do Colegio de México, “a máis importante institución creada polos exiliados españois”, en palabras de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, que foi o encargado de clausurar o seminario.
14/06/2013

Siga en directo o Seminario "Migracións e memoria histórica"

13/06/2013

O exministro de Xustiza, Francisco Caamaño, lamentou “a caída no olvido das políticas públicas impulsadas pola Lei da Memoria Histórica”

O exministro de Xustiza e deputado socialista Francisco Caamaño, defendeu a oportunidade da Lei da Memoria Histórica e lamentou que as políticas públicas que xenerou “estean hoxe en boa parte no olvido”. Caamaño interviú como relator no seminario internacional “Migracións e memoria histórica”, iniciado hoxe no Consello da Cultura Galega e organizado por esta institución, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, e o Grupo de Estudos de Migracións e Memoria Histórica da Universidade da Coruña. A xornada foi inaugurada por Ramón Villares, presidente do CCG, e Antonio Izquierdo Escribano, coordinadores do programa, e Antonio Rodriguez Miranda, Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. O primeiro relatorio estivo ao cargo de Aurelio Miras Portugal, Director Xeral de Migracións do Goberno de España, que falou sobre “As institucións e asociacións dos españois no mundo”. O seminario concluirá mañá, venres, coa intervención, entre outras, de Joaquín Garcíadiego, director do Colegio de México, e a presentación dos resultados da investigación sobre “Inmigración e memoria histórica” realizado polo xa citado grupo investigador da Universidade da Coruña.
07/06/2013

Máis de catrocentas voces soaron en Bonaval-Compostela na xornada “NO BICO UN CANTAR. NENOS E NENAS CANTAN A ROSALÍA”

Foi un concerto único, cálido e particularmente emotivo arredor da figura de Rosalía de Castro. O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, xunto coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, organizaron a xornada “No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía” celebrada esta tarde nunha ateigada igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela. Máis de catrocentos nenos e nenas de 8 a 12 anos dos centros de ensino musical (conservatorios, escolas municipais e coros infantís) cantaron os poemas “Maio longo”, “Rosa de abril”, “En Cornes” e “Negra sombra”, acompañados polo grupo de metais “Hércules Brass” e dirixidos por Maximino Zumalave. A xornada veu sumarse aos actos conmemorativos do 150 aniversario da publicación de “Cantares gallegos” (1863). Pola mañá os nenos e nenas participantes visitaron a Cidade da Cultura, onde realizaron o ensaio xeral. O concerto debía celebrarse na Praza da Quintana, mais as previsións meteorolóxicas aconsellaron levalo a Bonaval fuxindo da chuvia que, cumpridora da predicción, non faltou á cita.