NOTICIA

Rexistros 1741 a 1769 de 1769
17/04/2013

18-19 A.- Os XV Encontros para a Normalización Lingüística analizarán e debatirán o realizado nos trinta anos de vixencia da Lei normalizadora

Cen especialistas inscribíronse nos XV Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os días 18 e 19 de abril organizados polo Consello da Cultura Galega a través do seu Centro para a Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG). O programa analizará as luces e as sombras do traballo desenvolvido na normalización e promoción do galego durante as tres últimas décadas, logo da aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983). Considerarase tamén a situación do galego no ensino e na comunidade educativa, o traballo colaborativo e diferentes propostas aplicables na actualidade. Os Encontros, coordinados por Henrique Monteagudo e Susana Mayo, contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e as Coordinadoras de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua e dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Serán inaugurados o xoves día 18 ás 10 horas no Consello da Cultura Galega.
12/04/2013

O Consello da Cultura Galega conmemorou o 50 aniversario da Compilación do Dereito Civil de Galicia

O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, conmemorou hoxe con dúas conferencias o 50 aniversario da compilación do Dereito Civil de Galicia (1963), un patrimonio xurídico -conxunto de ordenamentos de Dereito Privado- que permite que o Parlamento de Galicia teña competencias en materia de Dereito Civil Os relatorios foron impartidos pola maxistrada do Tribunal Constitucional, Encarna Roca Trías, e polo catedrático da Universitat de Barcelona, Aquilino Iglesia Ferreirós.
11/04/2013

Jorge Riechmann: “Se aspiramos de verdade á sustentabilidade, estamos a falar dun cambio de modelo”

“Se aspiramos de verdade á sustentabilidade, daquela non estamos a falar de melloras incrementais, senón dun cambio de modelo, ou sexa, doutra forma de producir, consumir, traballar, desplazármonos”. O profesor de Filosofía moral da Universidad Autónoma de Madrid, poeta, ensaísta e referente do ecosocialismo, Jorge Riechmann teno claro e así o plaantexou hoxe na súa intervención no seminario interdisciplinar “O(s) sentido(s) da(s) cultura(s)” cunha reflexión sobre o tema “Cara unha cultura da sustentabilidade (valores, cambio cultural e ecosocialismo no Século da Gran Proba)”. O seminario, organizado polo Consello da Cultura Galega e coordinado polo profesor Ramón Maiz, está en marcha desde febreiro de 2007 como espazo para a reflexión sobre os significados e os retos da cultura no tempo presente. Noventa persoas seguiron o seminario no salón de actos do CCG.
11/04/2013

11-12 A.- Coloquio internacional sobre “Inmigración, mercados laborais e traballo doméstico urbano en Europa nos séculos XVIII-XX”

A Biblioteca do Consello da Cultura Galega acollerá os días 11 e 12 de abril, xoves e venres, o coloquio internacional “Inmigración, mercados laborais e traballo doméstico urbano en Europa, séculos XVIII-XX. Unha perspectiva comparada”. O programa, en sesións de mañá e tarde, foi organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e a École des hautes études hispaniques et iberiques da “Casa de Velázquez” e coordinado por Isidro Dubert. Trátase de profundizar no coñecemento das claves do mundo urbano uropeo desde unha perspectiva integrada, comparada e na media e longa duración. Os relatores son profesores das universidades de Santiago de Compostela, París, Lisboa, Urbino, Genève, Complutense-Madrid, Jaén, Granada, Barcelona e A Coruña. O Consello da Cultura Galega mantén deste xeito e renova a súa colaboración coa Casa de Velázquez, institución cultural francesa radicada en Madrid.
03/04/2013

Presentado o libro “Diarios de viaje. Los itinerarios inéditos de América, 1952-1955”, de Valentín Paz-Andrade, editado por Emilia García López

O libro “Diarios de viaje. Los itinerarios inéditos de América, 1952-1955”, de Valentín Paz-Andrade (con introducción, estudo e notas de Emilia García López) foi presentado hoxe no Consello da Cultura Galega nun acto presidido polo titular da institución, Ramón Villares. Acompañaron á responsable da edición o editor Henrique Alvarellos, a profesora da Universidade da Coruña, Olivia Rodríguez, e Sabela Paz-Andrade Taylor, neta do autor. Asisitiron ao acto setenta persoas, entre as que se encontraban os secretarios xerais de Cultura, Anxo Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e membros da Comisión Executiva do CCG.
01/04/2013

Asinado un acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura e o Consello da Cultura Galega en materia de normalización lingüística

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ds Xunta de Galicia, Xesús Vázquez Abad, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinaron esta tarde un acordo de colaboración en materia de normalización lingüística. Trátase de densenvolver durante este ano un programa de actuacións dirixidas a promover e fomentar o uso da lingua galega en todos os ámbitos sociais cando se cumpren trinta anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983). Os asinantes amosaron a súa satisfacción pola continuada cooperación interinstitucional neste e noutros ámbitos.

21/03/2013

Un recital de nove poetas galegas puxo o ramo á segunda sesión do congreso “Rosalía de Castro no século XXI”

Nove poetas galegas dialogaron cos versos rosalianos nun recital co que concluiu a segunda sesión do congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada”, organizado polo Consello da Cultura Galega. Lupe Gómez, Luz Pozo, Mª Xosé Queizán, Olalla Cociña, Xiana Arias, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Ana Romaní e Lorena Souto, presentadas pola xornalista e actriz Comba Campoy, completaron unha xornada que subliñou “o eu autorial singular da escritora”, paradigma explicado pola profesora Pilar García Negro, a necesidade dunha auténtica biografía documental da autora de “Cantares gallegos”, salientada pola profesora Victoria Ruiz de Ojeda, e un percorrido pola imaxe icónica de Rosalía.
21/03/2013

Siga en directo o Congreso Rosalía de Castro



Consulte aquí o programa
18/03/2013

Catrocentas voces participarán na xornada “No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía” nos 150 anos de “Cantares gallegos”

O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia presentaron hoxe no Museo “Centro Gaiás” da Cidade da Cultura a xornada “No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía” que terá lugar o día 7 de xuño ás 17´30 h. na praza da Quintana en Santiago de Compostela. Catrocentos nenos e nenas de 8 a 12 anos dos centros de ensino musical (conservatorios, escolas municipais e coros infantís) cantarán os poemas “Maio longo”, “Rosa de abril”, “En Cornes” e “Negra sombra”, xunto co grupo de metais “Hércules Brass”, dirixidos por Maximino Zumalave. O Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad e o presidente do CCG, Ramón Villares, presentaron a xornada que ven sumarse aos actos conmemorativos do 150 aniversario de “Cantares gallegos”. Toda a información e as partituras poden descargarse en: http://www.consellodacultura.org/rosalia2013/nenos_rosalia.php
15/03/2013

A Xornada “Arte + Crise Social” subliñou as dificultades da proxección artística nun tempo de incertezas

O Consello da Cultura Galega acolleu hoxe a xornada de debate “Arte + crise social”, organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, que coordina María Luísa Sobrino. Especialistas, artistas e críticos dialogaron sobre a función social da arte e os compromisos fronte ás situacións críticas na era do capitalismo global, “do modelo biopolítico hexemónico que intenta programar un novo modo de vida”, en palabras da profesora Teresa Vilarós. As sesións subliñaron as dificultades da inserción da Arte -asociada na súa configuración ao século XIX- nun tempo de precariedades e incertezas como o presente.
08/03/2013

A Xornada sobre “A cultura impresa na Rede” subliñou as dúbidas arredor dos novos modelos de negocio

Sobre as expectativas e as dúbidas arredor dos novos modelos de negocio para as empresas de comunicación e as industrias culturais reflexionaron hoxe no Consello da Cultura Galega xornalistas, analistas e editores. A xornada “Cultura impresa na Rede: gratis total? Modelos de pago por contidos culturais para a sociedade dixital: Unha vía para a economía sostible da industria” propiciou un debate sobre as incertezas da encrucillada resultante do cambio de paradigma, do analóxico ao dixital, unha transformación derivada dun profundo cambio social, segundo o consultor Rafael Cabarcos. Un panorama difícil nun contexto de crise xeral, acrecentada nos medios de comunicación pola caída das vendas, a diminución dos ingresos, a reducción das plantillas e a falta de solucións adecuadas que económicamente funcionen. O debate abriu interrogantes.
08/03/2013

Siga en directo a xornada "Cultura impresa na rede: gratis total"






Consulte aquí a programa
07/03/2013

A Xunta considera a delimitación un instrumento básico para a protección dos Camiños de Santiago

A Xunta de Galicia considera a delimitación un instrumento básico na protección dos Camiños de Santiago e así o subliñou hoxe María del Carmen Martínez Ínsua, directora xeral do Patrimonio Cultural, na clausura das xornadas “A protección dos camiños históricos en Galicia”, celebradas desde onte no Consello da Cultura Galega. No inicio da sesión de hoxe Ignacio Cerrada, xefe do Servizo de Planeamento e Inventario da Xunta, significou a importancia dun plan de xestión que coordine as actividades dos diferentes axentes interesados.
06/03/2013

As xornadas sobre "A protección dos Camiños Históricos en Galicia" subliñan as carencias tamén nos Camiños de Santiago

As xornadas sobre “A protección dos camiños históricos en Galicia” iniciadas onte, concluirán na mañá do xoves día 7 no Consello da Cultura Galega analizando a protección dos Camiños de Santiago. Organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que coordina Iago Seara, as xornadas chamaron a atención sobre a necesidade de que a Lei 3/1996 de protección do Camiño de Santiago se estenda aos restantes camiños históricos, ou sexa, todos os que serviron a unhas relacións entre os núcleos, previas ao trazado das estradas a partir da segunda metade do século XVIII. Mal poderán estaren protexidos os camiños históricos se non o está debidamente o Camiño de Santiago por antonomasia, como apuntou o profesor Carlos Amoedo Souto, que definiu a Galicia como "primeira potencia polo número de camiños históricos" e "primeira impotencia no tocante á súa desprotección". As sesións foron inauguradas polo presidente do CCG, Ramón Villares e o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad.

04/03/2013

6 e 7-M.- Xornadas de debate sobre “A protección dos camiños históricos en Galicia”

Unhas xornadas sobre “A protección dos camiños históricos en Galicia” terán lugar os días 6 e 7 de marzo no Consello da Cultura Galega organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que coordina Iago Seara. Trátase de chamar a atención sobre a necesidade de que a Lei 3/1996 de protección do Camiño de Santiago se estensa aos restantes camiños históricos, entende por tales todos os que serviron a unhas relacións entre os núcleos previas ao trazado das estradas a partir da segunda metade do século XVIII.
01/03/2013

8 e 9-M. no CGAI.- Seis proxeccións do Ciclo “Creadoras Galegas de Imaxe” organizado polo Consello da Cultura

O II ciclo de Proxeccións “Creadoras Galegas de Imaxe”, organizado pola Comisón de Igualdade do Consello da Cultura Galega, presentará os días 8 e 9 de marzo seis produccións no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) , sito na rúa Durán Loriga, 10, baixo, A Coruña. As proxeccións comezarán ás 18 horas e a entrada será de balde.
O sábado 2 de marzo proxectaránse: “Asuntos internos” (Uqui Permuy e Xoán Anleo, 2007) e “Lo que no puede ser visto no debe ser mostrado” (María Ruído, 2011).
O venres 8 de marzo: “Nós, operarias de Sogental” (Nadejda Tilhou, 2008) e “Apuntamentos para un filme. A cicatriz branca” (Margarita Ledo, 2012). Este filme proxectarase tamén ás 20´30 horas.
O sábado 9 de marzo: “Aadat” (Xisela Franco e Noé Rodríguez, 2004) e “APASH os de fóra” (Cora Peña, 2011).
As proxeccións comezaron o pasado sábado 2 de marzo con “Asuntos internos” (Uqui Permuy e Xoán Anleo, 2007) e “Lo que no puede ser visto no debe ser mostrado” (María Ruído, 2011).
28/02/2013

Congreso "Rosalía no século XXI". Xosé Ramón Barreiro e Catherine Davies subliñaron a dimensión libre, independente e transgresora da autora de “Cantares Galegos”

A dimensión libre, independente e transgresora da personalidade de Rosalía de Castro foi subliñada polo historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández e pola profesora da Universidade de Nottingham, Catherine Davies, na primeira sesión do congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada”, organizado polo Consello da Cultura Galega. Doce investigadores e estudosos interviron nesta primeira sesión á que seguirán, a razón de unha por mes, outras catro, ata finais de xuño. No acto inaugural o presidente da institución, Ramón Villares, aludiu á continuidade de traballos neste congreso con relación ao celebrado en 1985 e anunciou tamén xornadas especiais a celebrar en outubro en Madrid, no Instituto Cervantes, e en novembro na Universidade de Barcelona. Na apertura interviron asi mesmo María do Cebreiro Rábade, coordinadora desta primeira xornada, Rosario Álvarez, vicepresidenta da institución, e Anxo Angueira, quenes xunto con Dolores Vilavedra organizaron este congreso. A segunda sesión terá lugar o vindeiro 21 de marzo.

27/02/2013

O Consello da Cultura presenta na Fundación “Luís Seoane” a exposición “Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975)”

A exposición itinerante “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975), ideada e organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Fundación “10 de Marzo”, será inaugurada o xoves día 28 de febreiro ás 20 horas na Fundación “Luís Seoane” (rúa San Francisco, s/n, A Coruña). A mostra, comisariada por Ricardo Gurriarán, rescata e destaca en vintedous paneis explicativos e nove vitrinas o papel dinamizador e transformador dos axentes e das asociacións culturais en Galicia nos últimos quince anos da ditadura franquista. Arranca en 1961, ano de creación en Compostela da primeira asociación cultural galega: “O Galo”. No acto inaugural interviron Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Ricardo Gurriarán e Ana Fernández, concelleira de Cultura do concello de A Coruña. A exposición poderá visitarse ata o próximo 17 de marzo.
27/02/2013

Comunicado do Consello da Cultura Galega

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega, diante das informacións aparecidas nestes días nos medios de comunicación sobre o papel desta institución, fixo público o comunicado que reproducimos deseguido.
27/02/2013

28-F ás 9´30 h.- Comeza o congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada”

O Consello da Cultura Galega desenvolverá hoxe a partir das 9´30 horas a primeira das cinco xornadas do congreso internacional que dedicará do 28 de febreiro ao 27 de xuño -unha sesión por mes- á figura e á obra de Rosalía de Castro (1837-1885) baixo o título “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada”. A primeira sesión, coordinada pola escritora e investigadora María do Cebreiro Rábade, proponse debuxar a traxectoria intelectual e literaria rosaliana en relación cos procesos de cambio social e cultural do século XIX, prestando especial atención ao seu diálogo co contexto americano, co incipiente discurso científico-tecnolóxico e cos debates contemporáneos sobre a lingua. O acto inaugural terá lugar ás 9´30 horas coas intervencións de Ramón Villares, presidente do CCG; Rosario Alvarez, vicepresidenta e coordinadora do congreso xunto con María do Cebreiro Rábade, Dolores Vlavedra e Anxo Angueira.
22/02/2013

Cento sesenta estudiosos seguiron o simposio “Novos camiños para o estudo da cultura e a arte”, en memoria do profesor Serafín Moralejo

Cento sesenta estudiosos e investigadores seguiron hoxe o simposio “Novos camiños para o estudo da cultura e a arte”, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en memoria do profesor Serafín Moralejo, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e Zóbel de Ayala Professor da Universidade de Harvard. As sesións desenvolvéronse, mañá e tarde, no salón de actos do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Carmen Manso Porto, Matilde Mateo Sevilla, Margarita Vila, Fernando López Alsina, José Manuel Díaz de Bustamante, Ramón Yzquierdo Perrín, Mercedes Brea, Iago Seara e os tres coordinadores: Manuel Castiñeiras, Rocío Sánchez Ameijeiras e Francisco Prado Vilar foron os relatores nunha xornada interesante e emotiva.
21/02/2013

22-F no CGAC: “Novos camiños para o estudo da cultura e a arte”, simposio en memoria do profesor Serafín Moralejo

Un simposio en memoria do profesor Serafín Moralejo, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e Zóbel de Ayala Professor da Universidade de Harvard, desenvolverase en sesións de mañá e tarde o venres 22 de febreiro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Serafín Moralejo (1945-2011) foi unha figura clave da cultura galega das últimas décadas. Este simposio convoca a un grupo de investigadores que haberán de redimensionar as contribucións da súa fértil, variada e orixinal produción intelectual en diversos campos das humanidades, sinalando as achegas nas liñas de investigación que el clarexou, tanto no ámbito da historia da arte, como da crítica literaria, a antropoloxía ou os estudos culturais. O programa foi coordinado por Manuel Castiñeiras González, Francisco Prado-Vilar e Rocío Sánchez Ameijeiras.
21/02/2013

O Consello da Cultura Galega presentou o programa do Congreso Internacional “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada”, que comezará o 28 de febreiro

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o detalle do programa do congreso -presencial e virtual- internacional que dedicará do 28 de febreiro ao 27 de xullo á figura e á obra de Rosalía de Castro (1837-1885) baixo o título “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada”. Serán cinco sesións coa participación dos máis destacados expertos nacionais e internacionais na obra rosaliana, ampliadas a través da proxeción virtual aberta a comunicacións libres, difundidas na web institucional www.consellodacultura.org, que ofrece, asemade, outros recursos como o facsímile da primeira edición de “Cantares Gallegos”, un roteiro e un directorio de rosalianistas. En 2013 cúmprense 150 anos da publicación en Vigo (1863-2013) de “Cantares Gallegos”, obra auroral e determinante para o Rexurdimento das letras galegas. Ramón Villares lembrou o congreso rosaliano celebrado en 1985, no que tamén tiña participado a institución que preside, e falou dunha liña de continuidade, que se proxectará tamén nas xornadas a celebrar en outubro no Instituto Cervantes en Madrid e en novembro na Universitat de Barcelona. “Trátase agora de mostrar a vixencia de Rosalía desde unha perspectiva multidisciplinar”, dixo Rosario Álvarez, vicepresidenta e membro do comité organizador, integrado tamén por Anxo Angueira, Dolores Vilavedra e María do Cebreiro Rábade.
13/02/2013

Margarita Barral presentou o seu libro "A visita de Isabel II a Galicia en 1858" no Consello da Cultura Galega

A Bilioteca do Consello da Cultura Galega acolleu a presentación do libro “A visita de Isabel II a Galicia en 1858. Monarquía e Provincialismo ao servizo da nacionalización”, de Margarita Barral, editado por Sotelo Blanco en colaboración co Consorcio de Santiago. A comitiva rexia, nesta primeira visita dunha raíña constitucional a Galicia, detívose en Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Betanzos e Lugo entre o 1 e o 14 de setembro de 1858. O libro leva un limiar de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura. Na fotografía aparecen, desde a esquerda, Juan Conde, Margarita Barral; Ángel Currás, Alcalde de Santiago e presidente do Consorcio; Ramón Villares; María Antón, xerente do Consorcio, e o editor Olegario Sotelo Blanco.
06/02/2013

Ata o 28 de xuño o MUPEGA acolle a exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de americanos en Galicia”, do Consello da Cultura Galega

A exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, e coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración, foi inaugurada o 6 de febreiro ás 20 horas no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), sito na avenida de San Lázaro, 107, en Santiago de Compostela. A mostra, que salienta o instrutivo compromiso solidario dos emigrantes galegos, permanecerá nese espazo ata o vindeiro 28 de xuño. No acto inaugural estarán Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura; Antonio Rodríguez Miranda, Secretario Xeral de Emigración, e Vicente Peña Saavedra, comisario da mostra. Previamente, ás 10 horas, houbo unha visita guiada, na que aos mencionados se uniu Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
04/02/2013

O investigador mexicano Roberto Breña presentou o seu libro "Las independencias hispanoamericanas y la revolución liberal española"

O Consello da Cultura Galega acolleu hoxe a presentación do libro EL IMPERIO DE LAS CIRCUNSTANCIAS. LAS INDEPENDENCIAS HISPANOAMERICANAS Y LA REVOLUCIÓN LIBERAL ESPAÑOLA, de Roberto Breña, profesor-investigador do Centro de Estudios Internacionales de EL COLEGIO DE MÉXICO.
Interviron: Ramón Villares, presidente do CCG; Roberto Breña; Pilar Cagiao, profesora de Historia de América na Universidade de Santiago, e José María Portillo, profesor de Historia Contemporánea nas Universidades do País Vasco e Santiago de Compostela.
O libro, en clave de alta divulgación, analiza distintos aspectos da historia político-intelectual do ciclo revolucionario hispánico no seu conxunto. Non se ocupa únicamente dos procesos emancipadores americanos, senón que considera tamén a revolución liberal española (1808-1814).
24/01/2013

Presentación do número 196 da revista “Grial” dedicado á figura e á obra de Carlos Casares

A Biblioteca do Consello da Cultura Galega acolleu o xoves día 24 ás 19 horas a presentación do número 196 da revista GRIAL, dedicado á memoria de Carlos Casares (1941-2002) baixo o título “Carlos Casares nun país de palabras”.
Interviron: Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Victor F. Freixanes, director xeral da Editorial Galaxia;
Dolores Vilavedra, profesora da USC e crítica literaria; Henrique Monteagudo, co-director de “Grial”, e Hakan Casares, illo do escritor homenaxeado.
Carlos Casares, figura importante da literatura e da cultura galegas -"un dos grandes do século XX que irá a máis", segundo Ramón Villares- foi tamén director da Editorial Galaxia e entre 1996 e 2002 presidiu o Consello da Cultura Galega.
18/01/2013

A mostra “Nós mesmos-Asociacionismo galego na emigración”, inaugúrase mañá no Centro Galego de Barcelona

A exposición “NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN”, realizada polo Consello da Cultura Galega a través do seu Arquivo da Emigración Galega, poderá verse desde o 19 de xaneiro ata o 20 de febreiro no Centro Galego de Barcelona (Rambla Caputxins, 35-37). A mostra, que xa percorreu diferentes países de Europa e América, será inaugurada o sábado día 19 ás 19´30 horas polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, xunto co titular do Centro Galego de Barcelona, Manoel Carrete, e o Delegado Territorial da Generalitat, Salvador Jordá. Asistirán tamén presidentes e directivos de distintas sociedades e entidades relaiconadas coa emigración.
17/01/2013

O Consello da Cultura Galega “seguirá concentrando esforzos e recursos” e dedicará boa parte do programa 2013 á figura de Rosalía de Castro, afirmou Ramón Villares no Parlamento

Cun presuposto inferior aos dos anos 2006 e 2007-cifrado en pouco máis de 2.400.000 euros cun descenso do 5´5 por cento respecto ao 2012, o Consello da Cultura Galega “seguirá concentrando esforzos e recursos para continuar cumprindo as súas funcións como institución plural e independente”. Así o aseverou o presidente Ramón Villares no curso da súa comparecencia na comisión III (Economía, facenda e orzamentos) do Parlamento de Galicia. Os portavoces dos catro grupos parlamentarios acolleron positivamente e apoiaron o labor da institución, que dedicará boa parte do seu programa en 2013 á figura de Rosalía de Castro, a situación dos museos, a xestión do patrimonio e a seguir avanzando na proxección exterior da cultura galega.

15/01/2013

O Consello da Cultura Galega aproba e remite á Consellería de Cultura as “Recomendacións para o acceso ao patrimonio moble de Galicia”

O Consello da Cultura Galega remitiu á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o informe “Recomendacións para o acceso ao patrimonio moble de Galicia”, unha serie de directrices que teñen en conta as recomendacións da Unesco ao respecto e consideran “o importante papel que o patrimonio moble ten hoxe no desenvolvemento económico e social”. O texto alenta á Biblioteca, o Arquivo e o Museo de Galicia “a que asuman este liderado, non limitando a acción patrimonial ás súas coleccións, senón converténdose en institucións ao servizo de todas as institucións patrimoniais e do conxunto da cidadanía galega”. O texto pode lerse e/ou descargarse aqui