noticia

Rexistros 1741 a 1770 de 1789
13/06/2013

O exministro de Xustiza, Francisco Caamaño, lamentou “a caída no olvido das políticas públicas impulsadas pola Lei da Memoria Histórica”

O exministro de Xustiza e deputado socialista Francisco Caamaño, defendeu a oportunidade da Lei da Memoria Histórica e lamentou que as políticas públicas que xenerou “estean hoxe en boa parte no olvido”. Caamaño interviú como relator no seminario internacional “Migracións e memoria histórica”, iniciado hoxe no Consello da Cultura Galega e organizado por esta institución, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, e o Grupo de Estudos de Migracións e Memoria Histórica da Universidade da Coruña. A xornada foi inaugurada por Ramón Villares, presidente do CCG, e Antonio Izquierdo Escribano, coordinadores do programa, e Antonio Rodriguez Miranda, Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. O primeiro relatorio estivo ao cargo de Aurelio Miras Portugal, Director Xeral de Migracións do Goberno de España, que falou sobre “As institucións e asociacións dos españois no mundo”. O seminario concluirá mañá, venres, coa intervención, entre outras, de Joaquín Garcíadiego, director do Colegio de México, e a presentación dos resultados da investigación sobre “Inmigración e memoria histórica” realizado polo xa citado grupo investigador da Universidade da Coruña.
07/06/2013

Máis de catrocentas voces soaron en Bonaval-Compostela na xornada “NO BICO UN CANTAR. NENOS E NENAS CANTAN A ROSALÍA”

Foi un concerto único, cálido e particularmente emotivo arredor da figura de Rosalía de Castro. O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, xunto coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, organizaron a xornada “No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía” celebrada esta tarde nunha ateigada igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela. Máis de catrocentos nenos e nenas de 8 a 12 anos dos centros de ensino musical (conservatorios, escolas municipais e coros infantís) cantaron os poemas “Maio longo”, “Rosa de abril”, “En Cornes” e “Negra sombra”, acompañados polo grupo de metais “Hércules Brass” e dirixidos por Maximino Zumalave. A xornada veu sumarse aos actos conmemorativos do 150 aniversario da publicación de “Cantares gallegos” (1863). Pola mañá os nenos e nenas participantes visitaron a Cidade da Cultura, onde realizaron o ensaio xeral. O concerto debía celebrarse na Praza da Quintana, mais as previsións meteorolóxicas aconsellaron levalo a Bonaval fuxindo da chuvia que, cumpridora da predicción, non faltou á cita.
06/06/2013

Presentado o informe “Recuperación da documentación e memoria do Movemento Feminista Organizado en Galicia”

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o informe “Recuperación da documentación e memoria do Movemento Feminista Organizado en Galicia”, da autoría de Carmen Pérez Pais e Mariam Mariño Costales, por iniciativa da Comisión de Igualdade do CCG.
No acto, que tivo lugar na Biblioteca da institución, interviron: Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG; María Xosé Agra, coordinadora da Comisión de Igualdade; e as autoras do informe.
O informe é parte dun pioneiro proxecto, non só en Galicia, de recuperación de fondos e da memoria do movemento feminista de terceira onda e ven consolidar unha iniciativa da Comisión de Igualdade do CCG “para a reunificación parcial, conservación, posta en valor e difusión da documentación e materiais xerados por diferentes grupos e colectivos identificados co feminismo e que desenvolveron e/ou seguen a desenvolver a súa actividade en Galicia”.
03/06/2013

O Consello da Cultura Galega publica o informe “A comunicación en Galicia 2013”, o último en formato papel

O Consello da Cultura Galega ven de publicar o informe “A comunicación en Galicia 2013”, que fai o número sete dunha serie iniciada en 1993. Coordinado por Xosé López, Manuel Rivas e Rosa Aneiros, o informe reúne en 260 páxinas 17 contribucións de investigadores da comunicación e xornalistas sobre diferentes aspectos da comunicación e da cultura en Galicia en tempos de “crise económica con forte impacto no ámbito comunicativo cunha especial e dramática virulencia nestes dous últimos anos” e resume “os cambios sustanciais que estas dúas décadas supuxeron para o sector”. Trátase do derradeiro volume desta serie en papel, xa que os seguintes verán a luz só en edición dixital. O contido pode descargarse en: http://www.consellodacultura.org/mediateca/documento.php?id=1900
30/05/2013

Congreso "Rosalía no século XXI". A autora de “Cantares Gallegos, definida como “precursora da poesía moderna” e “poeta europea de primeira orde”

“Unha precursora da poesía moderna”, na visiópn de Javier Gómez Montero. “Unha poeta europea da primeira orde”, segundo o profesor Arturo Leyte. A cuarta xornada do congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada”, coordinada por Rosario Álvarez, vicepresidenta da institución, abordou o tema “Rosalía no contexto internacional; paralelismos e influencias; difusión e actualidade”. O programa analizou a obra rosaliana á luz dos paradigmas estéticos do seu tempo e a súa actualidade como expoñente da cultura galega, con atención especial á tradución. O congreso, organizado polo CCG, comezou en febreiro e rematará en xuño, cinco sesións ao longo de cinco meses, que poden seguirse en directo en www.consellodacultura.org e contan asemade cunha importante dimensión virtual.
30/05/2013

Siga en directo o Congreso Internacional Rosalía de Castro



29/05/2013

O Consello da Cultura Galega acollerá en xuño un seminario internacional sobre “Migracións e memoria histórica”

Os primeiros resultados da investigación sobre inmigración e memoria histórica daranse a coñecer no curso do Seminario Internacional “Migracións e Memoria Histórica”, que se celebrará no Consello da Cultura Galega os días 13 e 14 do vindeiro mes de xuño. Medio millón de descendentes de emigrantes españois (só un 7 por cento de exilados), o cincuenta por cento galegos, solicitaron a nacionalidade española, acolléndose á coñecida como Lei da Memoria Histórica, explicou Antonio Izquierdo Escribano, catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña, director do proxecto de investigación e do “Grupo de Estudos de Migracións e Memoria Histórica” da Universidade da Coruña e co-coordinador do seminario xunto con Ramón Villares, presidente do CCG. Na organización do programa, ademais do grupo citado, participa o Arquivo da Emigración Galega do CCG.
16/05/2013

Máis de 200 persoas seguiron en Bonaval o Concerto “Día das Letras Galegas”, música e palabra arredor dos “Cantares Gallegos” rosalianos

Máis de duascentas persoas seguiron esta tarde na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Compostela, o Concerto “Día das Letras Galegas”, que o Consello da Cultura Galega ven organizando desde 2011 para subliñar a dimensión conmemorativa, reivindicativa e festiva da xornada. O concerto “Aqueles doces Cantares” -no 150 aniversario dos “Cantares Gallegos” rosalianos- incluiu o recitado dos 36 “cantares” e as composicións musicais para unha posta en escena na que colaboraron a Asociación Galega de Compositores, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. O presidente da Xunta, Alberto Nüñez Feijóo, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, asistiron xunto co presidente do CCG, Ramón Villares e integrantes da Comisión Executiva da institución.
08/05/2013

O Consello da Cultura inaugurou en Ourense a exposición “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975)”

A exposición itinerante “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975), ideada e organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Fundación “10 de Marzo”, foi inaugurada esta tarde no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense. A mostra, comisariada por Ricardo Gurriarán, rescata e destaca en vintedous paneis explicativos e nove vitrinas o papel dinamizador e transformador dos axentes e das asociacións culturais en Galicia nos últimos quince anos da ditadura franquista. Arranca en 1961, ano de creación en Compostela da primeira asociación cultural galega: “O Galo”. No acto inaugural interviron Francisco González, director do Centro Cultural da Deputación; Ricardo Gurriarán; Marcelino Fernández Santiago, xerente do CCG, e Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense. A exposición poderá visitarse ata o próximo 9 de xuño.
06/05/2013

Ramón Villares falou en Munich sobre “O exilio republicano español. Luces e sombras da España Peregrina”

Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do Consello da Cultura Galega, falou hoxe na Universidade de Munich (Alemaña) sobre “Luces e sombras de La Espara Peregrina. Sobre o exilio republicano español (1939-19779”. A conferencia inscribiuse no Coloquio de investigación da Cátedra de Historia Contemporánea de Europa Meridional, detentada polo profesor Xosé Manoel Núñez Seixas.
02/05/2013

O Consello da Cultura Galega presentou o libro-homenaxe a Roberto Vidal Bolaño co facsímile da peza teatral inédita “Ruada das papas e o unto”

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o libro-homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. A publicación contén o facsímile da peza teatral inédita “Ruada das papas e o unto” e estudos introdutorios de Ramón Villares, Camilo Franco e Inmaculada López Silva. No acto interviron o profesor Manuel Quintáns, a viúva do autor desaparecido, Belén Quntáns, o director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede, e o presidente da institución, Ramón Villares, para significar a dimensión referencial de Vidal Bolaño como figura senlleira do teatro galego contemporáneo.

30/04/2013

Xornada de debate sobre “Artes Escénicas: situación e perspectivas” con intervencións de Eduardo Alonso e Manuel F. Vieites

Unha xornada de análise e debate sobre “Situación e perspectivas das Artes Escénicas en Galicia” ten lugar hoxe martes 30 de abril a partir das 10 h. no Consello da Cultura Galega. Analiza polo miúdo o documento elaborado por unha Comisión técnica temporal coa participación do sector e as propostas para un Plan Estratéxico. Eduardo Alonso e Manuel F. Vieites son os relatores. Na apertura interviron Ramón Villares, presidente do CCG, Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas, e Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo.
30/04/2013

A exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”, inaugurouse o 1 de maio en Arbo

A exposición “NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN”, realizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) a través do seu Arquivo da Emigración Galega, pode verse desde o 1 de maio ata o 12 dese mes en Arbo a petición dese concello pontevedrés. No acto inaugural participaron o alcalde de Arbo, Xavier Simón Fernández, e o coordinador do Arquivo da Emigración Galega, do CCG, Marcelino Fernández Santiago.
25/04/2013

Parlamento, Xunta e Consello da Cultura presentaron no Pazo do Hórreo a edición fascsimilar de "Cantares Galegos" no seu 150 aniversario

O Parlamento de Galicia acolleu o xoves día 25 ás 19 horas a presentación da edición facsimilar de “Cantares Gallegos”, obra auroral da literatura galega que viu a luz en 1863 e da que este ano se cumpre o 150 aniversario. Máis de cento cincuenta persoas asitiron ao acto no que interviron: Pilar Rojo, presidenta do Parlamento; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, e Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia. Falou tamén a profesora, escritora e estudosa da obra rosaliana, Marina Mayoral e contouse coa actuación musical do dúo galaico-italiano “2nafronteira”.
Acudiron, entre outras autoridades, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o Delegado do Goberno, Samuel Juárez, representantes dos Grupos Parlamentarios e representacións institucionais, culturais e académicas de Galciia.
O facsímile de “Cantares Gallegos” é unha coedición do Parlamento, a Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega.
25/04/2013

Unha conferencia de Xesús Alonso Montero abriu a terceira xornada do congreso “Rosalía de Castro no século XXI”

A terceira xornada do congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada” abriuse cunha conferencia do profesor Xesús Alonso Montero, presidente da Real academia Galega, sobre “o problema da lingua, das linguas” na autora iniciadora do “Xurdimento”. A xornada, coordinada polo profesor e escritor Anxo Angueira baixo o título “Cara a unha interpretación global de Rosalía: hermenéutica, fontes e edición”, ofreceu unha lectura sistémica do conxunto da obra rosaliana, en prosa e en verso, en galego e castelán e revisou a edición da obra completa e a súa lectura á luz das máis importantes fontes, como a das letras alemás do seu tempo. O congreso, organizado polo CCG, comezou en febreiro e rematará en xuño, cinco sesións ao longo de cinco meses, que poden seguirse en directo en www.consellodacultura.org e contan asemade cunha importante dimensión virtual.

19/04/2013

Os XV Encontros para a Normalización Lingüística acolleron duras críticas ao decreto de plurilingüismo “que converte ao galego en invisible e inútil”

Os XV Encontros para a Normalización Lingüística tomaron nota hoxe das duras críticas ao “decreto de plurilingüismo” a través das experiencias de diferentes docentes. A nova normativa converte ao galego “nunha lingua invisible e inútil” e favorece claramente a hexemónica posición do castelán. Así o expresaron todas as participantes nos dous paneis que analizaron a situación do galego no ensino. As sesións de traballo, iniciadas onte e organizadas polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega, concluíron hoxe con distintas propostas aplicables á tarea normalizadora e aos traballos colaborativos e de implicación social nesta tarefa. Os Encontros contaron coa participación de cen especialistas e eexpertas.
18/04/2013

Os XV Encontros para a Normalización Lingüística subliñan a necesidade de amplos compromisos sociais e políticos para unha acción eficaz e sostida en defensa da lingua



primeira xornada dos XV Encontros para Normalización Lingüística subliñou a necesidade dun activo compromiso dos poderes públicos e a adhesión e a vontade da cidadanía nun amplo compromiso social e politico para unha acción eficaz e sostida en materia lingüística. O programa analizou o proceso desenvolvido desde a aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983) e prestou tamén atención á situación en Catalunya e Euskadi. O acto inaugural, presidido por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, contou coa asistencia de Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, Henirque Monteagudo, coordinador do Centro de Documentación Sociolingüística-CCG, E Nel Vidal en representación das Coordinadoras de Normalización da Lingua. Os Encontros, organizados ininterrumpidamente desde 1998 polo Consello da Cultura Galega, e aos que asisten cen estudiosos e especialistas, finalziarán hoxe con especial atención á comunidade educativa.
17/04/2013

18-19 A.- Os XV Encontros para a Normalización Lingüística analizarán e debatirán o realizado nos trinta anos de vixencia da Lei normalizadora

Cen especialistas inscribíronse nos XV Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os días 18 e 19 de abril organizados polo Consello da Cultura Galega a través do seu Centro para a Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG). O programa analizará as luces e as sombras do traballo desenvolvido na normalización e promoción do galego durante as tres últimas décadas, logo da aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983). Considerarase tamén a situación do galego no ensino e na comunidade educativa, o traballo colaborativo e diferentes propostas aplicables na actualidade. Os Encontros, coordinados por Henrique Monteagudo e Susana Mayo, contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e as Coordinadoras de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua e dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Serán inaugurados o xoves día 18 ás 10 horas no Consello da Cultura Galega.
12/04/2013

O Consello da Cultura Galega conmemorou o 50 aniversario da Compilación do Dereito Civil de Galicia

O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, conmemorou hoxe con dúas conferencias o 50 aniversario da compilación do Dereito Civil de Galicia (1963), un patrimonio xurídico -conxunto de ordenamentos de Dereito Privado- que permite que o Parlamento de Galicia teña competencias en materia de Dereito Civil Os relatorios foron impartidos pola maxistrada do Tribunal Constitucional, Encarna Roca Trías, e polo catedrático da Universitat de Barcelona, Aquilino Iglesia Ferreirós.
11/04/2013

Jorge Riechmann: “Se aspiramos de verdade á sustentabilidade, estamos a falar dun cambio de modelo”

“Se aspiramos de verdade á sustentabilidade, daquela non estamos a falar de melloras incrementais, senón dun cambio de modelo, ou sexa, doutra forma de producir, consumir, traballar, desplazármonos”. O profesor de Filosofía moral da Universidad Autónoma de Madrid, poeta, ensaísta e referente do ecosocialismo, Jorge Riechmann teno claro e así o plaantexou hoxe na súa intervención no seminario interdisciplinar “O(s) sentido(s) da(s) cultura(s)” cunha reflexión sobre o tema “Cara unha cultura da sustentabilidade (valores, cambio cultural e ecosocialismo no Século da Gran Proba)”. O seminario, organizado polo Consello da Cultura Galega e coordinado polo profesor Ramón Maiz, está en marcha desde febreiro de 2007 como espazo para a reflexión sobre os significados e os retos da cultura no tempo presente. Noventa persoas seguiron o seminario no salón de actos do CCG.
11/04/2013

11-12 A.- Coloquio internacional sobre “Inmigración, mercados laborais e traballo doméstico urbano en Europa nos séculos XVIII-XX”

A Biblioteca do Consello da Cultura Galega acollerá os días 11 e 12 de abril, xoves e venres, o coloquio internacional “Inmigración, mercados laborais e traballo doméstico urbano en Europa, séculos XVIII-XX. Unha perspectiva comparada”. O programa, en sesións de mañá e tarde, foi organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e a École des hautes études hispaniques et iberiques da “Casa de Velázquez” e coordinado por Isidro Dubert. Trátase de profundizar no coñecemento das claves do mundo urbano uropeo desde unha perspectiva integrada, comparada e na media e longa duración. Os relatores son profesores das universidades de Santiago de Compostela, París, Lisboa, Urbino, Genève, Complutense-Madrid, Jaén, Granada, Barcelona e A Coruña. O Consello da Cultura Galega mantén deste xeito e renova a súa colaboración coa Casa de Velázquez, institución cultural francesa radicada en Madrid.
03/04/2013

Presentado o libro “Diarios de viaje. Los itinerarios inéditos de América, 1952-1955”, de Valentín Paz-Andrade, editado por Emilia García López

O libro “Diarios de viaje. Los itinerarios inéditos de América, 1952-1955”, de Valentín Paz-Andrade (con introducción, estudo e notas de Emilia García López) foi presentado hoxe no Consello da Cultura Galega nun acto presidido polo titular da institución, Ramón Villares. Acompañaron á responsable da edición o editor Henrique Alvarellos, a profesora da Universidade da Coruña, Olivia Rodríguez, e Sabela Paz-Andrade Taylor, neta do autor. Asisitiron ao acto setenta persoas, entre as que se encontraban os secretarios xerais de Cultura, Anxo Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e membros da Comisión Executiva do CCG.
01/04/2013

Asinado un acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura e o Consello da Cultura Galega en materia de normalización lingüística

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ds Xunta de Galicia, Xesús Vázquez Abad, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinaron esta tarde un acordo de colaboración en materia de normalización lingüística. Trátase de densenvolver durante este ano un programa de actuacións dirixidas a promover e fomentar o uso da lingua galega en todos os ámbitos sociais cando se cumpren trinta anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983). Os asinantes amosaron a súa satisfacción pola continuada cooperación interinstitucional neste e noutros ámbitos.

21/03/2013

Un recital de nove poetas galegas puxo o ramo á segunda sesión do congreso “Rosalía de Castro no século XXI”

Nove poetas galegas dialogaron cos versos rosalianos nun recital co que concluiu a segunda sesión do congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada”, organizado polo Consello da Cultura Galega. Lupe Gómez, Luz Pozo, Mª Xosé Queizán, Olalla Cociña, Xiana Arias, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Ana Romaní e Lorena Souto, presentadas pola xornalista e actriz Comba Campoy, completaron unha xornada que subliñou “o eu autorial singular da escritora”, paradigma explicado pola profesora Pilar García Negro, a necesidade dunha auténtica biografía documental da autora de “Cantares gallegos”, salientada pola profesora Victoria Ruiz de Ojeda, e un percorrido pola imaxe icónica de Rosalía.
21/03/2013

Siga en directo o Congreso Rosalía de Castro



Consulte aquí o programa
18/03/2013

Catrocentas voces participarán na xornada “No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía” nos 150 anos de “Cantares gallegos”

O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia presentaron hoxe no Museo “Centro Gaiás” da Cidade da Cultura a xornada “No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía” que terá lugar o día 7 de xuño ás 17´30 h. na praza da Quintana en Santiago de Compostela. Catrocentos nenos e nenas de 8 a 12 anos dos centros de ensino musical (conservatorios, escolas municipais e coros infantís) cantarán os poemas “Maio longo”, “Rosa de abril”, “En Cornes” e “Negra sombra”, xunto co grupo de metais “Hércules Brass”, dirixidos por Maximino Zumalave. O Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad e o presidente do CCG, Ramón Villares, presentaron a xornada que ven sumarse aos actos conmemorativos do 150 aniversario de “Cantares gallegos”. Toda a información e as partituras poden descargarse en: http://www.consellodacultura.org/rosalia2013/nenos_rosalia.php
15/03/2013

A Xornada “Arte + Crise Social” subliñou as dificultades da proxección artística nun tempo de incertezas

O Consello da Cultura Galega acolleu hoxe a xornada de debate “Arte + crise social”, organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, que coordina María Luísa Sobrino. Especialistas, artistas e críticos dialogaron sobre a función social da arte e os compromisos fronte ás situacións críticas na era do capitalismo global, “do modelo biopolítico hexemónico que intenta programar un novo modo de vida”, en palabras da profesora Teresa Vilarós. As sesións subliñaron as dificultades da inserción da Arte -asociada na súa configuración ao século XIX- nun tempo de precariedades e incertezas como o presente.
08/03/2013

A Xornada sobre “A cultura impresa na Rede” subliñou as dúbidas arredor dos novos modelos de negocio

Sobre as expectativas e as dúbidas arredor dos novos modelos de negocio para as empresas de comunicación e as industrias culturais reflexionaron hoxe no Consello da Cultura Galega xornalistas, analistas e editores. A xornada “Cultura impresa na Rede: gratis total? Modelos de pago por contidos culturais para a sociedade dixital: Unha vía para a economía sostible da industria” propiciou un debate sobre as incertezas da encrucillada resultante do cambio de paradigma, do analóxico ao dixital, unha transformación derivada dun profundo cambio social, segundo o consultor Rafael Cabarcos. Un panorama difícil nun contexto de crise xeral, acrecentada nos medios de comunicación pola caída das vendas, a diminución dos ingresos, a reducción das plantillas e a falta de solucións adecuadas que económicamente funcionen. O debate abriu interrogantes.
08/03/2013

Siga en directo a xornada "Cultura impresa na rede: gratis total"






Consulte aquí a programa
07/03/2013

A Xunta considera a delimitación un instrumento básico para a protección dos Camiños de Santiago

A Xunta de Galicia considera a delimitación un instrumento básico na protección dos Camiños de Santiago e así o subliñou hoxe María del Carmen Martínez Ínsua, directora xeral do Patrimonio Cultural, na clausura das xornadas “A protección dos camiños históricos en Galicia”, celebradas desde onte no Consello da Cultura Galega. No inicio da sesión de hoxe Ignacio Cerrada, xefe do Servizo de Planeamento e Inventario da Xunta, significou a importancia dun plan de xestión que coordine as actividades dos diferentes axentes interesados.