noticia

Rexistros 1771 a 1789 de 1789
06/03/2013

As xornadas sobre "A protección dos Camiños Históricos en Galicia" subliñan as carencias tamén nos Camiños de Santiago

As xornadas sobre “A protección dos camiños históricos en Galicia” iniciadas onte, concluirán na mañá do xoves día 7 no Consello da Cultura Galega analizando a protección dos Camiños de Santiago. Organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que coordina Iago Seara, as xornadas chamaron a atención sobre a necesidade de que a Lei 3/1996 de protección do Camiño de Santiago se estenda aos restantes camiños históricos, ou sexa, todos os que serviron a unhas relacións entre os núcleos, previas ao trazado das estradas a partir da segunda metade do século XVIII. Mal poderán estaren protexidos os camiños históricos se non o está debidamente o Camiño de Santiago por antonomasia, como apuntou o profesor Carlos Amoedo Souto, que definiu a Galicia como "primeira potencia polo número de camiños históricos" e "primeira impotencia no tocante á súa desprotección". As sesións foron inauguradas polo presidente do CCG, Ramón Villares e o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad.

04/03/2013

6 e 7-M.- Xornadas de debate sobre “A protección dos camiños históricos en Galicia”

Unhas xornadas sobre “A protección dos camiños históricos en Galicia” terán lugar os días 6 e 7 de marzo no Consello da Cultura Galega organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que coordina Iago Seara. Trátase de chamar a atención sobre a necesidade de que a Lei 3/1996 de protección do Camiño de Santiago se estensa aos restantes camiños históricos, entende por tales todos os que serviron a unhas relacións entre os núcleos previas ao trazado das estradas a partir da segunda metade do século XVIII.
01/03/2013

8 e 9-M. no CGAI.- Seis proxeccións do Ciclo “Creadoras Galegas de Imaxe” organizado polo Consello da Cultura

O II ciclo de Proxeccións “Creadoras Galegas de Imaxe”, organizado pola Comisón de Igualdade do Consello da Cultura Galega, presentará os días 8 e 9 de marzo seis produccións no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) , sito na rúa Durán Loriga, 10, baixo, A Coruña. As proxeccións comezarán ás 18 horas e a entrada será de balde.
O sábado 2 de marzo proxectaránse: “Asuntos internos” (Uqui Permuy e Xoán Anleo, 2007) e “Lo que no puede ser visto no debe ser mostrado” (María Ruído, 2011).
O venres 8 de marzo: “Nós, operarias de Sogental” (Nadejda Tilhou, 2008) e “Apuntamentos para un filme. A cicatriz branca” (Margarita Ledo, 2012). Este filme proxectarase tamén ás 20´30 horas.
O sábado 9 de marzo: “Aadat” (Xisela Franco e Noé Rodríguez, 2004) e “APASH os de fóra” (Cora Peña, 2011).
As proxeccións comezaron o pasado sábado 2 de marzo con “Asuntos internos” (Uqui Permuy e Xoán Anleo, 2007) e “Lo que no puede ser visto no debe ser mostrado” (María Ruído, 2011).
28/02/2013

Congreso "Rosalía no século XXI". Xosé Ramón Barreiro e Catherine Davies subliñaron a dimensión libre, independente e transgresora da autora de “Cantares Galegos”

A dimensión libre, independente e transgresora da personalidade de Rosalía de Castro foi subliñada polo historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández e pola profesora da Universidade de Nottingham, Catherine Davies, na primeira sesión do congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada”, organizado polo Consello da Cultura Galega. Doce investigadores e estudosos interviron nesta primeira sesión á que seguirán, a razón de unha por mes, outras catro, ata finais de xuño. No acto inaugural o presidente da institución, Ramón Villares, aludiu á continuidade de traballos neste congreso con relación ao celebrado en 1985 e anunciou tamén xornadas especiais a celebrar en outubro en Madrid, no Instituto Cervantes, e en novembro na Universidade de Barcelona. Na apertura interviron asi mesmo María do Cebreiro Rábade, coordinadora desta primeira xornada, Rosario Álvarez, vicepresidenta da institución, e Anxo Angueira, quenes xunto con Dolores Vilavedra organizaron este congreso. A segunda sesión terá lugar o vindeiro 21 de marzo.

27/02/2013

O Consello da Cultura presenta na Fundación “Luís Seoane” a exposición “Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975)”

A exposición itinerante “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975), ideada e organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Fundación “10 de Marzo”, será inaugurada o xoves día 28 de febreiro ás 20 horas na Fundación “Luís Seoane” (rúa San Francisco, s/n, A Coruña). A mostra, comisariada por Ricardo Gurriarán, rescata e destaca en vintedous paneis explicativos e nove vitrinas o papel dinamizador e transformador dos axentes e das asociacións culturais en Galicia nos últimos quince anos da ditadura franquista. Arranca en 1961, ano de creación en Compostela da primeira asociación cultural galega: “O Galo”. No acto inaugural interviron Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Ricardo Gurriarán e Ana Fernández, concelleira de Cultura do concello de A Coruña. A exposición poderá visitarse ata o próximo 17 de marzo.
27/02/2013

Comunicado do Consello da Cultura Galega

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega, diante das informacións aparecidas nestes días nos medios de comunicación sobre o papel desta institución, fixo público o comunicado que reproducimos deseguido.
27/02/2013

28-F ás 9´30 h.- Comeza o congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada”

O Consello da Cultura Galega desenvolverá hoxe a partir das 9´30 horas a primeira das cinco xornadas do congreso internacional que dedicará do 28 de febreiro ao 27 de xuño -unha sesión por mes- á figura e á obra de Rosalía de Castro (1837-1885) baixo o título “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada”. A primeira sesión, coordinada pola escritora e investigadora María do Cebreiro Rábade, proponse debuxar a traxectoria intelectual e literaria rosaliana en relación cos procesos de cambio social e cultural do século XIX, prestando especial atención ao seu diálogo co contexto americano, co incipiente discurso científico-tecnolóxico e cos debates contemporáneos sobre a lingua. O acto inaugural terá lugar ás 9´30 horas coas intervencións de Ramón Villares, presidente do CCG; Rosario Alvarez, vicepresidenta e coordinadora do congreso xunto con María do Cebreiro Rábade, Dolores Vlavedra e Anxo Angueira.
22/02/2013

Cento sesenta estudiosos seguiron o simposio “Novos camiños para o estudo da cultura e a arte”, en memoria do profesor Serafín Moralejo

Cento sesenta estudiosos e investigadores seguiron hoxe o simposio “Novos camiños para o estudo da cultura e a arte”, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en memoria do profesor Serafín Moralejo, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e Zóbel de Ayala Professor da Universidade de Harvard. As sesións desenvolvéronse, mañá e tarde, no salón de actos do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Carmen Manso Porto, Matilde Mateo Sevilla, Margarita Vila, Fernando López Alsina, José Manuel Díaz de Bustamante, Ramón Yzquierdo Perrín, Mercedes Brea, Iago Seara e os tres coordinadores: Manuel Castiñeiras, Rocío Sánchez Ameijeiras e Francisco Prado Vilar foron os relatores nunha xornada interesante e emotiva.
21/02/2013

22-F no CGAC: “Novos camiños para o estudo da cultura e a arte”, simposio en memoria do profesor Serafín Moralejo

Un simposio en memoria do profesor Serafín Moralejo, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e Zóbel de Ayala Professor da Universidade de Harvard, desenvolverase en sesións de mañá e tarde o venres 22 de febreiro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Serafín Moralejo (1945-2011) foi unha figura clave da cultura galega das últimas décadas. Este simposio convoca a un grupo de investigadores que haberán de redimensionar as contribucións da súa fértil, variada e orixinal produción intelectual en diversos campos das humanidades, sinalando as achegas nas liñas de investigación que el clarexou, tanto no ámbito da historia da arte, como da crítica literaria, a antropoloxía ou os estudos culturais. O programa foi coordinado por Manuel Castiñeiras González, Francisco Prado-Vilar e Rocío Sánchez Ameijeiras.
21/02/2013

O Consello da Cultura Galega presentou o programa do Congreso Internacional “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada”, que comezará o 28 de febreiro

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o detalle do programa do congreso -presencial e virtual- internacional que dedicará do 28 de febreiro ao 27 de xullo á figura e á obra de Rosalía de Castro (1837-1885) baixo o título “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada”. Serán cinco sesións coa participación dos máis destacados expertos nacionais e internacionais na obra rosaliana, ampliadas a través da proxeción virtual aberta a comunicacións libres, difundidas na web institucional www.consellodacultura.org, que ofrece, asemade, outros recursos como o facsímile da primeira edición de “Cantares Gallegos”, un roteiro e un directorio de rosalianistas. En 2013 cúmprense 150 anos da publicación en Vigo (1863-2013) de “Cantares Gallegos”, obra auroral e determinante para o Rexurdimento das letras galegas. Ramón Villares lembrou o congreso rosaliano celebrado en 1985, no que tamén tiña participado a institución que preside, e falou dunha liña de continuidade, que se proxectará tamén nas xornadas a celebrar en outubro no Instituto Cervantes en Madrid e en novembro na Universitat de Barcelona. “Trátase agora de mostrar a vixencia de Rosalía desde unha perspectiva multidisciplinar”, dixo Rosario Álvarez, vicepresidenta e membro do comité organizador, integrado tamén por Anxo Angueira, Dolores Vilavedra e María do Cebreiro Rábade.
13/02/2013

Margarita Barral presentou o seu libro "A visita de Isabel II a Galicia en 1858" no Consello da Cultura Galega

A Bilioteca do Consello da Cultura Galega acolleu a presentación do libro “A visita de Isabel II a Galicia en 1858. Monarquía e Provincialismo ao servizo da nacionalización”, de Margarita Barral, editado por Sotelo Blanco en colaboración co Consorcio de Santiago. A comitiva rexia, nesta primeira visita dunha raíña constitucional a Galicia, detívose en Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Betanzos e Lugo entre o 1 e o 14 de setembro de 1858. O libro leva un limiar de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura. Na fotografía aparecen, desde a esquerda, Juan Conde, Margarita Barral; Ángel Currás, Alcalde de Santiago e presidente do Consorcio; Ramón Villares; María Antón, xerente do Consorcio, e o editor Olegario Sotelo Blanco.
06/02/2013

Ata o 28 de xuño o MUPEGA acolle a exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de americanos en Galicia”, do Consello da Cultura Galega

A exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, e coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración, foi inaugurada o 6 de febreiro ás 20 horas no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), sito na avenida de San Lázaro, 107, en Santiago de Compostela. A mostra, que salienta o instrutivo compromiso solidario dos emigrantes galegos, permanecerá nese espazo ata o vindeiro 28 de xuño. No acto inaugural estarán Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura; Antonio Rodríguez Miranda, Secretario Xeral de Emigración, e Vicente Peña Saavedra, comisario da mostra. Previamente, ás 10 horas, houbo unha visita guiada, na que aos mencionados se uniu Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
04/02/2013

O investigador mexicano Roberto Breña presentou o seu libro "Las independencias hispanoamericanas y la revolución liberal española"

O Consello da Cultura Galega acolleu hoxe a presentación do libro EL IMPERIO DE LAS CIRCUNSTANCIAS. LAS INDEPENDENCIAS HISPANOAMERICANAS Y LA REVOLUCIÓN LIBERAL ESPAÑOLA, de Roberto Breña, profesor-investigador do Centro de Estudios Internacionales de EL COLEGIO DE MÉXICO.
Interviron: Ramón Villares, presidente do CCG; Roberto Breña; Pilar Cagiao, profesora de Historia de América na Universidade de Santiago, e José María Portillo, profesor de Historia Contemporánea nas Universidades do País Vasco e Santiago de Compostela.
O libro, en clave de alta divulgación, analiza distintos aspectos da historia político-intelectual do ciclo revolucionario hispánico no seu conxunto. Non se ocupa únicamente dos procesos emancipadores americanos, senón que considera tamén a revolución liberal española (1808-1814).
24/01/2013

Presentación do número 196 da revista “Grial” dedicado á figura e á obra de Carlos Casares

A Biblioteca do Consello da Cultura Galega acolleu o xoves día 24 ás 19 horas a presentación do número 196 da revista GRIAL, dedicado á memoria de Carlos Casares (1941-2002) baixo o título “Carlos Casares nun país de palabras”.
Interviron: Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Victor F. Freixanes, director xeral da Editorial Galaxia;
Dolores Vilavedra, profesora da USC e crítica literaria; Henrique Monteagudo, co-director de “Grial”, e Hakan Casares, illo do escritor homenaxeado.
Carlos Casares, figura importante da literatura e da cultura galegas -"un dos grandes do século XX que irá a máis", segundo Ramón Villares- foi tamén director da Editorial Galaxia e entre 1996 e 2002 presidiu o Consello da Cultura Galega.
18/01/2013

A mostra “Nós mesmos-Asociacionismo galego na emigración”, inaugúrase mañá no Centro Galego de Barcelona

A exposición “NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN”, realizada polo Consello da Cultura Galega a través do seu Arquivo da Emigración Galega, poderá verse desde o 19 de xaneiro ata o 20 de febreiro no Centro Galego de Barcelona (Rambla Caputxins, 35-37). A mostra, que xa percorreu diferentes países de Europa e América, será inaugurada o sábado día 19 ás 19´30 horas polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, xunto co titular do Centro Galego de Barcelona, Manoel Carrete, e o Delegado Territorial da Generalitat, Salvador Jordá. Asistirán tamén presidentes e directivos de distintas sociedades e entidades relaiconadas coa emigración.
17/01/2013

O Consello da Cultura Galega “seguirá concentrando esforzos e recursos” e dedicará boa parte do programa 2013 á figura de Rosalía de Castro, afirmou Ramón Villares no Parlamento

Cun presuposto inferior aos dos anos 2006 e 2007-cifrado en pouco máis de 2.400.000 euros cun descenso do 5´5 por cento respecto ao 2012, o Consello da Cultura Galega “seguirá concentrando esforzos e recursos para continuar cumprindo as súas funcións como institución plural e independente”. Así o aseverou o presidente Ramón Villares no curso da súa comparecencia na comisión III (Economía, facenda e orzamentos) do Parlamento de Galicia. Os portavoces dos catro grupos parlamentarios acolleron positivamente e apoiaron o labor da institución, que dedicará boa parte do seu programa en 2013 á figura de Rosalía de Castro, a situación dos museos, a xestión do patrimonio e a seguir avanzando na proxección exterior da cultura galega.

15/01/2013

O Consello da Cultura Galega aproba e remite á Consellería de Cultura as “Recomendacións para o acceso ao patrimonio moble de Galicia”

O Consello da Cultura Galega remitiu á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o informe “Recomendacións para o acceso ao patrimonio moble de Galicia”, unha serie de directrices que teñen en conta as recomendacións da Unesco ao respecto e consideran “o importante papel que o patrimonio moble ten hoxe no desenvolvemento económico e social”. O texto alenta á Biblioteca, o Arquivo e o Museo de Galicia “a que asuman este liderado, non limitando a acción patrimonial ás súas coleccións, senón converténdose en institucións ao servizo de todas as institucións patrimoniais e do conxunto da cidadanía galega”. O texto pode lerse e/ou descargarse aqui
11/01/2013

O Consello da Cultura edita o libro que recompila a información científica xerada pola marea negra do “Prestige”

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o libro “Recursos en I+D+i dedicados ao estudo dos efectos da vertedura do Prestige (2003-2008). Avalación e xuízo crítico”, coordinado por Victoriano Urgorri e Marcos Pérez Señarís, profesores e investigadores da Universidade de Santiago. Publicado na colección "Documentos e informes" o libro, de 465 páxinas, recompila a meirande parte da información científica xerada sobre a marea negra do "Prestige".
Urgorri lembrou máis unha vez que o afastamento do barco da costa (13-19 de novembro de 2002) e o seu periplo errático de norte a sur "desataron o peor dos escenarios posibles, ao estenderen a marea a Galicia, costa cantábrica, Portugal e Francia". Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente da institución e coordinador da Sección de "Ciencia, Natureza e Sociedade", anunciou para a volta dun ano a preparaciòn dun resumo divulgativo deste "valioso traballo" dirixido inicialmente á comunidade cientítica.
11/01/2013

O Consello da Cultura Galega presenta en Lugo a exposición “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975)”

A exposición itinerante “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975), ideada e organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Fundación “10 de Marzo”, foi inaugurada hoxeo xoves día 10 ás 20 horas no Círculo de las Artes de Lugo. A mostra, comisariada por Ricardo Gurriarán, rescata e destaca en vintedous paneis explicativos e nove vitrinas o papel dinamizador e transformador dos axentes e das asociacións culturais en Galicia nos últimos quince anos da ditadura franquista. Arranca en 1961, ano de creación en Compostela da primeira asociación cultural galega: “O Galo”. No acto inaugural interviron Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Ricardo Gurriarán e José Clemente López Orozco, Alcalde de Lugo. Villares falou do labor dos pioneiros do asociacionismo cultural botando man do "foquismo guevarista": diferentes focos de luz e de transformación capaces de impulsar unha cultura nacioanl galega. A exposición poderá visitarse ata o próximo 3 de febreiro.
09/01/2013

O Consello da Cultura Galega presentou no Parlamento a primeira versión en galego da Constitución promulgada polas Cortes de Cádiz en 1812

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe no Parlamento de Galicia a primeira versión en galego da “Constitución Política da Monarquía Española promulgada en Cádiz o 19 de marzo de 1812” e do “Discurso preliminar” lido nas Cortes de Cádiz ao presentar o proxeto. A edición, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, levouse a cabo coincidindo coa conmemoración do segundo centenario da promulgación de “La Pepa”, “a priemira constitución española e unha das tres primeiras de Europa”, aseverou o profesor Blanco Valdés. O volume de 514 páxinas, incorpora tamén a edición facsímile do texto constitucional xunto con estudos introdutorios de Ramón Villares, Roberto Blanco Valdés, Ramón Máiz e María de Lourdes Pérez González. No acto de presentación, na Sala Azul do Parlamento de Galicia, interviron Pilar Rojo, presidenta do Parlamento, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Máiz, catedrático de Ciencia Política da USC e Coordinador da Sección de Pensamento e Sociedade do CCG, e Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da USC. Ao acto asistiron os integrantes da Mesa do Parlamento e os portavoces e parlamentarios do PP e PS de G-PSOE.
Descargue a edición facsimilar na Mediateca
04/01/2013

As artes escénicas en Galicia: nova fase de participación

O documento de traballo sobre o sector das Artes Escénicas recibe achegas e decídese abrir unha segunda rolda de debate e participación ata o 23 de abril, antes da celebración dun evento de debate e reflexión que será convintemente publicitado a través deste web.
28/12/2012

O Pleno do Consello da Cultura aprobou un presuposto de 2,5 millóns de euros para 2013 e un programa de actos no que destaca o congreso internacional “Rosalía no século XXI”

O Plenario do Consello da Cultura Galega aprobou onte a última hora do serán un presuposto de 2,5 millóns de euros para 2013, que supón unha diminución do 5´5 por cento con relación ao ano anterior. As cifras, integradas nos presupostos da Comunidade Autónoma, serán sometidas agora á consideración do Parlamento Galego. Á sesión asistiu por vez primeira Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, en calidade de presidente de honra da institución. O pleno aprobou tamén o programa de actividades para o 2013, no que destaca o congreso internacional “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada” a celebrarse entre os meses de febreiro e xuño.
21/12/2012

A ”Declaración de Santiago en defensa da conservación do patrimonio cultural galego” impulsa un Foro como espazo de diálogo profesionais-Administración

O Consello da Cultura Galega acolleu hoxe a presentación da “Declaración de Santiago en defensa da conservación do patrimonio cultural galego” e do “Foro do Patrimonio Cultural Galego” como espazo de diálogo entre os profesionais e a Administración. Trátase de iniciativas plantexadas ao abeiro das “III xornadas sobre boas prácticas na conservación do patrimonio cultural”, celebradas o pasado mes de setembro por iniciativa da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e tres asociacións profesionais do sector, ademais da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, requerido como activo cooperador do referido Foro.
20/12/2012

O Consello da Cultura Galega homenaxeou en Madrid, na Residencia de Estudiantes, a Isaac Díaz Pardo

O Consello da Cultura Galega, xunto coa Residencia de Estudiantes, homenaxeou en Madrid a Isaac Díaz Pardo (1920-2012), referencia polifacética da Galicia contemporánea. O acto celebrouse na Residencia de Estudiantes (c/ Pinar, 21) o mércores 19 de decembro ás 19´30 horas e contou coas intervencións de Manuel Aznar Soler, Antonio Bonet Correa, José García-Velasco, Alfonso Paz-Andrade, Nicolás Sánchez-Albornoz e Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega.
11/12/2012

11-20 Dec.- Simposio ILG 2012 “Un galego común, fiel a si mesmo. Trinta anos de estandarización: 1982-2012”

Como cada ano, o Instituto da Lingua Galega (Universidade de Santiago de Compostela) organiza, en colaboración co Consello da Cultura Galega, un Simposio dirixido a estudantes universitarios de grao e posgrao, profesores de lingua e literatura galega, profesionais de distintos sectores e público en xeral que desexen ampliar ou actualizar os seus coñecementos en materia lingüística. O correspondente a 2012 terá lugar do 11 ao 20 de decembro na aula 22 da Facultade de Filoloxía da USC (Campus Norte) e versará sobre o tema “Un galego común, fiel a si mesmo. Trinta anos de estandarización: 1982-2012”. Ramón Villares, presidente do CCG, e Rosario Álvarez, directora do ILG, inaugurarán o simposio o martes día 11 ás 16´30 horas.
Toda a información sobre o programa pode consultarse en:
http://ilg.usc.es/ilgas/simposio_2012/

03/12/2012

O Consello da Cultura inaugurou en Ribadavia a mostra “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975)”

A exposición itinerante “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975), ideada e organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Fundación “10 de Marzo”, foi inaugurada hoxe día 3 ás 20 horas na igrexa da Magdalena en Ribadavia. A mostra, comisariada por Ricardo Gurriarán, rescata e destaca en vintedous paneis explicativos e nove vitrinas o papel dinamizador e transformador dos axentes e das asociacións culturais en Galicia nos últimos quince anos da ditadura franquista. Arranca en 1961, ano de creación en Compostela da primeira asociación cultural galega: “O Galo”. No acto inaugural intervirán Marcos Blanco Jorge, alcalde de Ribadavia; Ramón Villares, presidente do CCG; Ricardo Gurriarán, comisario, e José Carlos Sierra, director do Museo Etnográfico de Ribadavia. A exposición poderá visitarse ata o próximo 7 de xaneiro.

26/11/2012

O Consello da Cultura asinou un convenio coa Universidade de Sâo Paulo para a realización de actividades conxuntas

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2012.- O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinou hoxe un convenio de cooperación coa Universidade de Sâo Paulo para a realización de actividades conxuntas e a promoción da cultura galega no Brasil. O convenio foi suscrito por Sergio Adorno, director da facultade de Letras, Filosofìa e Ciencias Sociais.
23/11/2012

O Consello da Cultura Galega exhibe en Sâo Paulo a exposición “Valentín Paz-Andrade, unha antena galega no Brasil”

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, inaguurou na Casa Guilherme de Almeida, en Sâo Paulo (Brasil) a exposición “Valentín Paz-Andrade, unha antena galega no Brasil”, en colaboración co Governo do Estado de Sao Paulo e a Secretaría de Cultura paulista. A mostra poderá contemplarse ata o 30 de decembro.
22/11/2012

Sigue en directo as xornadas "Os arquivos e o patrimonio documental de Galicia: Memoria pública, memoria privada, memoria social"


20/11/2012

O Consello da Cultura Galega presentou o Congreso Internacional “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada” a celebrarse entre febreiro e xuño-2013

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o congreso internacional que dedicará en 2013 á figura e á obra de Rosalía de Castro (1837-1885) baixo o título “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada”. Serán cinco xornadas que se desenvolverán entre os meses de febreiro e xuño coa participación dos máis destacados expertos nacionais e internacionais na obra rosaliana. En 2013 cumpliránse 150 aniversario da publicación en Vigo (1863-2013) de “Cantares Gallegos”, obra auroral e determinante para o Rexurdimento das letras galegas. O congreso, que se celebrará na sede da institución en Santiago de Compostela, terá unha parte presencial, cunha programación pechada de conferencias, mesas redondas e recital poético, e unha parte virtual aberta a comunicacións libres. Os traballos poderán seguirse vía streaming. Ramón Villares lembrou o congreso rosaliano celebrado en 1985, no que tamén tiña participado a institución que preside, e falou dunha liña de continuidade. “Trátase agora de mostrar a vixencia de Rosalía no século XXI”, dixo Rosario Álvarez, vicepresidenta e membro do comité organizador integrado tamén por Anxo Angueira, Dolores Vilavedra e María do Cebreiro.