noticia

Rexistros 1831 a 1837 de 1837
17/07/2012

O Consello da Cultura Galega presentou en Pontevedra o libro "Manuel Quiroga Losada: o gran violinista galego do século XX"

O Consello da Cultura Galega presentou o día 17 de xullo en Pontevedra o libro "Manuel Quiroga Losada: o gran violinista galego do século XX", da autoría de Carlos Cambeiro. Trátase dunha completa biografía do xenial músico e compositor pontevedrés (1892-1961), estrela indiscutible no firmamento musical do primeiro terzo do século XX. O libro aborda os aspectos musicolóxicos e cataloga a obra musical de Quiroga: manuscritos, partituras e gravacións. O acto, orgnaizado polo Consello da Cultura e a Deputación de Pontevedra, reuniu a setenta persoas no sexto edificio do Museo de Pontevedra.
Na presentación, xunto co autor Carlos Cambeiro e Ana Isabel Vázquez, presidenta xxecutiva do Museo de Pontevedra, interviu tamén Maximino Zumalave, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega.


13/07/2012

As Pontes acolle ata o 23 de xullo a exposición OS ADEUSES, 73 fotografías da epopea migratoria galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inauguraron o pasado 11 de xullo no Mercado Vello de As Pontes (Avenida de Ferrol s/n) a exposición itinerante “OS ADEUSES, 73 imaxes da emigración galega (1957-1963)” captadas polo fotoxornalista Alberto Martí. A exposición poderá verse ata o próximo 23 de xullo. Con anterioridade percorreu A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, A Pobra do Caramiñal, Ferrol, Ourense e Fene.
04/07/2012

A Universidade de Gales acollerá en setembro o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que reunirá a 125 participantes e conta coa colaboración do Consello da Cultura

A Universidade de Cardiff, capital de Gales, acollerá do 12 ao 14 do próximo mes de setembro o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) baixo o título “Galiza alén do Arco Atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos”. Participarán 125 relatores, entre os que figurarán expertos do Consello da Cultura Galega, institución que alberga a sede da AIEG e que colabora activamente na organización do encontro. Na presentación, celebrada hoxe na Biblioteca do CCG, participaron Rosario Álvarez, vicepresidenta da institución, e Craig Patterson e Elisa Fernández Rei, presidente e tesoureira, respectivamente da AIEG.

03/07/2012

O Consello da Cultura renova o web do Arquivo da Emigración Galega

Co obxectivo de facilitar o acceso aos diversos contidos producidos polo Arquivo da Emigración Galega (AEG), o Consello da Cultura Galega fixo público hoxe o novo web deste departamento, e que se pode consultar aquí. O novo web facilita a visualización dos contidos sobre emigración producidos polo AEG e o Consello da Cultura e prepara o espazo para a incorporación, nos vindeiros meses, de moitos contidos dixitalizados da memoria da nosa emigración.
29/06/2012

Os fondos documentais dixitalizados do escritor Silvio Santiago pasarán ao Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura

O fondo documental dixitalizado do arquivo persoal de Silvio Santiago (Vilardevós-Ourense, 1903-Santiago de Compostela, 1974) pasará ao Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, segundo o acordo asinado por Silvia Santiago, filla do escritor e o presidente da institución, Ramón Villares. O fondo agrupa 3.378 imaxes, máis de mil cartas, fotografías, documentos sonoros e textos inéditos do dirixente político e societario, republicano e galeguista, empresario, activista cultural, impulsor de medios de comunicación e escritor, autor de obras como “Vilardevós” ou “O silencio redimido”. Unha emocionada Silvia Santiago agradeceu ao CCG “a oportunidade de abrir as portas á memoria de meu pai”. Ramón Villares expresou o recoñecemento da institución por “este acto de xenerosidade e exemplar contribución á cultura galega”.
28/06/2012

Ramón Villares defendeu no Consello de Comunidades Galegas a creación dunha axencia independente para a acción cultural exterior de Galicia

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, defendeu no X Pleno do Consello de Comunidades Galegas e creación “dunha axencia de carácter independente que promova a acción cultural exterior, para evitar duplicidades e asignar mellor os recursos”. Niste senso, considerou “fundamental a utilidade dos centros galegos creados na diáspora porque poden adoptar un novo perfil axeitado ás necesidades dunha sociedade amplamenmte globalizada”. Villares, responsable do relatorio sobre “Cultura, asociacionismo e acción exterior”, precisou que as iniciativas neste campo “son unha base fundamental para establecer unha imaxe-marca de país e deben ser entendidas no marco da chamada diplomacia branda ou diplomacia cultural”. Abogou tamén pola progresiva conversión dos centros galegos “en lugares de prestación de servizos, tanto para as colectividades dos asociados como para o resto dos residentes, actuando como unha antena de Galicia e da súa cultura”.
27/06/2012

As Xornadas “A recuperación da memoria do Movemento Feminista” alertaron sobre a necesidade de preservar a documentación precisa para o enfoque de xénero

Hai unha documentación imprescindible para a mellor comprensión da historia, e nomeadamente das accións protagonizadas polas mulleres, e sería importante evitar a súa desaparición. As xornadas “A recuperación da memoria do Movemento Feminista” chamaron a atención sobre a necesidade de preservar esa documentación imprescindible para entender mellor o enfoque de xénero. Organizadas pola Comsisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, as xornadas ofreceron as análises de expertas procedentes de Salamanca, País Vasco e Galicia e foron seguidas por un cento de persoas. No acto inaugural a coordinadora da Comisión de Igualdade, María Xosé Agra, salientou o traballo desenvolvido nesta materia pola institución e agradeceu a colaboración de persoas e entidades para a recolleita dos documentos relacionados co movemento feminista. Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG, lembrou que este traballo empata co que veñen facendo os Arquivos da institución e fixo votos para unir pezas que “unha vez xuntas fanse visibles e cobran todo o sentido”.
25/06/2012

Consello da Cultura Galega e Secretaria Xeral de Igualdade asinaron un convenio para a realización do II Ciclo “Creadoras Galegas de Imaxe”

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a realización do II ciclo “Creadoras galegas de imaxe”, que se desenvolverá no último trimestre deste ano e contará cun total de doce proxeccións. Trátase de dar a coñecer e difundir propostas e obras de mulleres, nomeadamente as máis novas, no espazo audiovisual e contribuír a paliar a desinformación e invisibilidade existente. A Secretaria Xeral de Igualdade subliñou a necesidade de favorecer ese obxectivo e salientou “o gran talento creativo feminino, do que temos excelentes mostras en Galicia”.
22/06/2012

A exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”, inaugúrase hoxe en Xenebra por iniciativa do Consello da Cultura Galega e a Sociedade “A Nosa Galiza”

A exposición “NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN”, realizada polo Consello da Cultura Galega a través do seu Arquivo da Emigración Galega, poderá verse desde hoxe ata o vindeiro 22 de xullo en Xenebra (Suiza), por iniciativa da Sociedade Cultural e Deportiva “A Nosa Galiza”.
A mostra, que xa percorreu diferentes países de Europa e América, será inaugurada hoxe ás 20 horas polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, xunto co presidente da Sociedade “A Nosa Galiza”, Manuel Vilariño.


21/06/2012

A politóloga Lisa Wedeen e o director sirio de TV Allais Hajou reflexionaron sobre a autocracia, as revoltas, a fenda na sociedade Siria e os efectos do humor en “tempos escuros”

As protestas, iniciadas en marzo de 2011 en Siria, ao abeiro da chamada “primavera árabe”, “deixaron ao descuberto unha fenda na sociedade, que se abría de maneira ostensible entre adiñeirados e desposuídos, pero que tamén viña a darlle máis complexidade a unha imaxe meramente económica do que constituía a boa vida”. Lisa Wedeen, profesora de Ciencia Política na Universidade de Chicago (EE.UU.) e especialista en Oriente Próximo, e Allais Hajou, director sirio de series televisivas de humor, protagonizaron unha nova sesión do seminario interdisciplinar O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s). As intervencións sobre o tema “Ideoloxía e humor en tempos escuros. Notas desde Siria”, tiveron lugar esta tarde na Biblioteca do Consello da Cultura Galega. A politóloga analizou, da man das series de Allais Hajou, as influencias da risa “na era autocrática e de mercado en que viven uns cidadáns que saben moito da televisión de Bachar Al Asad”. “A comedia e a risa que esta provoca, afirmou, serven para levar a cabo un importante labor ideolóxico, unhas veces reforzando as convencións políticas e outras presentándolles grandes desafíos”.
09/06/2012

Siga en directo a xornada "A reorganización da industria mediática" con Robert G. Picard

Lectura completa
09/06/2012

Robert Picard, director do Reuters Institut de Oxford, aposta polo futuro das empresas informativas con menos ingresos e contidos segmentados

As empresas informativas teñen futuro, pero remataron os días dos mercados masivos e dos grandes beneficios publicitarios, polo que deberán vivir con menos ingresos e ofrecer contidos máis claramente segmentados. É a visión de Robert G. Picard, director do Reuters Institut da Universidade de Oxford (Inglaterra), que esta mañá participou no Conselllo da Cultura Galega nun seminario sobre “A reorganización da industria mediática e as políticas de incentivos no escenario europeo” xunto con Paulo Faustino, profesor da Universidade de Porto (Portugal) e editor do seu libro “A creación de valor e o futuro das empresas informativas”. A sesión á que asistiron corenta estudiosos e expertos, foi inaguurada por Ramón Villares, presidente do Consello dacutlura Galega, e Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, quen apostou por axudar a buscar saídas ás transformacións tecnolóxicas e do modelo de negocio “preservando a sostibilidade da función social da información”.
08/06/2012

"Galicia necesita comunicar mellor, superar a fragmentación e crear os instrumentos adecuados para unha diplomacia cultural activa e eficaz"

A gobernanza e a diplomacia no mundo internacionalizado e crecentemente interdependente deben considerar cada vez máis a importancia estratéxica da cultura e a súa influencia operativa na axenda xeral para a fixación da marca-país e para o seu positivo e diferenciado posicionamento entre as nacións. No tocante a Galicia, con importantes potencialidades culturais, necesitaríase "comunicar mellor, superar a fragmentación e crear os instrumentos adecuados para desenvolver unha "diplomacia cultural" activa, eficaz e perseverante". Esta foi unha das conclusións das xornadas "Poder brando e diplomacia cultural en Galicia", organizadas polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), iniciadas onte e que hoxe concluíron na Illa de San Simón coa participación de expertos de Brasil, México, Guatemala, Cataluña e Galicia. Os debates puideron ser seguidos vía streaming a través de www.consellodacultura.org
07/06/2012

As Xornadas de debate sobre “Poder brando e diplomacia cultural en Galicia”, organizadas polo Consello da Cultura Galega e o IGADI, salientan a necesidade dunha estratexia común

A necesidade dunha estratexia común e a fixación de prioridades para a proxección de Galicia foi unha das conclusións da primeira sesión das xornadas sobre “Poder brando e diplomacia cultural en Galicia” iniciadas hoxe na Illa de San Simón, organizadas polo Consello da Cultura Galega en colaboración co Instituto Galego do Análise e Documentación Internacional (IGADI). Os obxectivos do encontro son a reflexión e o intercambio de ideas a propósito das estratexias a aplicar para promover unha diplomacia cultural galega. No acto inaugural participou Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que apostou pola potenciación da imaxe de marca de Galicia e o fortalecemento das redes no exterior. As sesións concluirán hoxe venres a primeira hora da tarde. As sesións poden seguirse vía streaming en: www.consellodacultura.org

07/06/2012

Siga en directo a xornada "Poder brando e diplomacia cultural en Galicia"



Consulte aquí o programa
06/06/2012

Presentado o libro “Papés d´emprenta condenada (II). Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea”

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o libro “Papés d´emprenta condenada (II). Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea”, editado en colaboración co Instituto da Lingua Galega (ILG). A publicación, de 570 páxinas, reúne boa parte dos traballos presentados no simposio celebrado en 2009. O volume continúa e completa o publicado en 2008 co título “Papés d´emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846 (I)”. Trátase dunha “contribución notable ás historias de Galicia e do xornalismo, da lingua e da literatura galegas”, en palabras do editor Ramón Mariño e “dunha obra fundamental para a cultura galega”, na consideración de Xosé Ramón Barreiro Fernández, participantes na presentación xunto con Ramón Villares, presidente do CCG, Rosa Aneiros, editora do primeiro volume, e Rosario Álvarez, vicepresidenta da institución e directora do ILG.
05/06/2012

Presentado O PÓRTICO POÉTICO DOS “SEIS POEMAS GALEGOS” DE FEDERICO GARCÍA LORCA, un clásico alófono da literatura galega

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe a edición cuarta e definitiva do libro O PÓRTICO POÉTICO DOS “SEIS POEMAS GALEGOS” DE FEDERICO GARCÍA LORCA, un completo estudo crítico publicado pola institución e realizado polo profesor Luís Pérez Rodríguez.
A edición, de catrocentas páxinas, inclúe dous CD´s cunha conferencia de Eduardo Blanco Amor pronunciada sobre o tema en Bos Aires en 1959 e un recital musical celebrado en 1996 no Consello da Cultura Galega coa música do compositor e pianista Isidro B. Maiztegui e a actuación da soprano Marta de Castro. No acto interviron Ramón Villares, presidente do CCG, o autor Luís Pérez Rodríguez e a escritora e poeta María do Cebreiro.
05/06/2012

O CCG publica o seu primeiro libro electrónico

En 1955, Valentín Paz Andrade escribiu en Bogotá o poemario Canto do pobo disperso, que o Consello da Cultura Galega editou como facsímile para conmemorar o Día das Letras Galegas dedicado a este autor. Co Canto do pobo disperso, o Consello inicia tamén a súa colección de libros electrónicos. As novas publicacións que o CCG está a preparar incluirán tamén unha versión en ePUB, co obxectivo de facilitar a lectura en tablets, móbiles e outros dispositivos de lectura electrónica. A edición estivo ao coidado de María Xesús Lama, profesora da Universidade de Barcelona, e autora do estudo introdutorio. Pode descargalo na ficha da Mediateca.



O libro electrónico pode visualizarse en calquera software e dispositivo con capacidade para reproducir ficheiros ePuB.
01/06/2012

9-Xuño: Seminario “A reorganización da industria mediática e os incentivos europeos” con Robert Picard, director do Reuters Institut de Oxford

O Consello da Cultura Galega acollerá o sábado 9 de xuño un seminario de reflexión e debate sobre “A reorganización da industria mediática e as políticas de incentivos no escenario europeo”, no que intervirá Robert G. Picard, director do Reuters Institut da Universidade de Oxford (Inglaterra), un dos máis prestixiosos expertos en xestión de medios. Entregarase diploma acreditativo. O aforo está limitado a cen persoas e a inscrición debe cumprimentarse en: http://www.consellodacultura.org/evento.php?id=357

24/05/2012

Asinado un convenio de colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Fundación Curros Enriquez

O Consello da Cultura Galega e a Fundación Curros Enríquez asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a institución celanovense gravará en arquivos informáticos de formato dixital os seus actos relevantes e remitirá copia ao Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. Para completar o “Fondo Fundación Curros Enrríquez” o Consello da Cultura Galega recibirá tamén en préstamo durante seis meses outras gravacións da Fundación para a súa copia e dixitalización, fondos que a primeira institución cultural de Galicia poñerá a disposición de investigadores externos e poderá difundir nas súas páxinas web. No acto da sinatura estiveron Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enriquez; Maximino Rodríguez, concelleiro de Celanova, e Afonso Vázquez-Monxardín, secretario do Arquivo Sonoro de Galicia.
24/05/2012

Unha xornada sobre Celso Emilio e a emigración galega salienta a necesidade de revitalizar en pé de igualdade as relacións coa "terceira xeración".

A xornada “¿Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración Galega” puxo sobre a mesa a necesidade de dinamizar as relacións coa terceira xeración dos emigrantes, nomeadamente en América e darlle un novo impulso á proxección de Galicia. A sesión, organizada polo Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, e coordinada polo profesor Xosé Manoel Núñez Seixas, revisou tamén diferentes aspectos da biografía persoal e literaria de Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979) e a súa desemellante relación co mundo da emigración en Venezuela, onde en 1968 publicara “Viaxe ao país dos ananos”, logo de ser expulsado da Hermandad Gallega.
17/05/2012

Ramón Villares: "Valentín Paz Andrade foi exemplo de intelectual moderno e coherente visión de futuro e contribuiu a situar o feito diferencial galego na axenda politica da transición”

Ramón Villares, académico e presidente do Consello da Cultura Galega, definiu a Valentín Paz Andrade, xornalista, avogado, ensaísta, economista e poeta, como “persoa de reflexión pero tamén de acción, unha figura singular no panorama da cultura e da política galegas do século XX, autor dunha inxente e innovadora obra”. En definitiva, “un exemplo de intelectual moderno e coherente que sempre apostou por colocar Galicia no mundo, no sentido de ser galego alí onde se atopase e actuase”. Audaz mesmo na súa defensa da lingua galega como “idioma transcontinental”.
16/05/2012

Setecentas persoas en Pontevedra no II Concerto "Día das Letras Galegas" organizado polo Consello da Cultura coa Real Filharmonía de Galicia, a Polifónica e o Coro "M. Quiroga"

Setecentas persoas asistiron ao II Concerto "Día das Letras Galegas" organziado polo Consello da Cultura Galega no Pazo da Cultura de Pontevedra. Foi o mércores 16 de maio ás 21 horas, con entrada libre e gratuíta, e contou coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave e acompañada pola Sociedade Coral Polifónica e o Coro Académico do Conservatorio Profesional “Manuel Quiroga” de Pontevedra. Na sesión estreáronse as obras “Cantata das cantigas”, de Roxelio Groba, e “Caderno de bitácora de Valentín Paz Andrade”, de Juan Durán. Entre outras autoridades asistiron o Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a Presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera; o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o Director Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.
15/05/2012

Concluíron as xornadas sobre as boas prácticas na conservación e protección do Patrimonio Cultural Material-Inmaterial Galego

A reflexión sobre o valor crítico dos Bens Culturais e a súa formulación, conservación e protección orientou as dúas xornadas de debate que sobre o patrimonio cultural galego convocou os días 11 e 15 de maio o Consello da Cultura Galega, en sesións de mañá e tarde. Organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que coordina Iago Seara Morales, as xornadas reuniron expertos de Galicia, Andalucía, Aragón, Madrid e Valencia e continuaron outros encontros que sobre esta temática acolleu o Consello da Cultura en 2008 e 2011. As xornadas reclamaron un inventario oficial do patrimonio e subliñaron a necesidade de non separar o inmaterial do material, "caras dun mesmo poliedro", en expresió do profesor Marcial Gondar.
11/05/2012

Presentado en Pontevedra o Concerto “Día das Letras Galegas”, organizado polo Consello da Cultura Galega coa Real Filharmonía de Galicia

O Consello da Cultura Galega organizará o seu segundo concerto “Día das Letras Galegas” no Pazo da Cultura de Pontevedra. Será o mércores 16 de maio ás 21 horas, con entrada libre e gratuíta, e contará coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave e acompañada pola Sociedade Coral Polifónica e o Coro Académico do Conservatorio Profesional “Manuel Quiroga” de Pontevedra. Na sesión estrearanse as obras “Cantata das cantigas”, de Roxelio Groba, e “Caderno de bitácora de Valentín Paz Andrade”, de Juan Durán. A entrada será libre ata completar a capacidade do auditorio. O concerto foi presentado hoxe nunha conferencia de prensa polo Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o director da orquestra Maximino Zumalave. O Alcalde Lores agradeceu a oportunidade de Pontevedra acoller a segunda edición deste concerto. Villares lembrou a feliz coincidencia de ser a cidade o lugar natal de Valentín Paz Andrade e contar cunha destacada traxectoria musical e coral. Maximino Zumalave aludiu á importante significación da música na vida social e cultural dos pobos.
09/05/2012

O Consello da Cultura Galega presentou “Canto do pobo disperso”, poemario inédito de Valentín Paz Andrade, "exemplo de intelectual moderno e coherente"

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o poemario CANTO DO POBO DISPERSO, transcrición e facsímile dun inédito de Valentín Paz Andrade, escrito en Bogotá (Colombia) en 1955. A institución contribúe así tradicionalmente á celebración do Día das Letras Galegas coa publicación dunha peza senlleira da figura homenaxeada. A edición estivo ao coidado de María Xesús Lama, profesora da Universidade de Barcelona, e autora do estudo introdutorio. Na presentación interviron: Ramón Villares, presidente do CCG; Rosario Álvarez, vicepresidenta e Alfonso Paz-Andrade, fillo do homenaxeado, que salientou a importancia e a vixencia da obra do seu pai, a quen definiu como "un home coherente entre o seu discurso e a súa acción".
07/05/2012

Inaugurouse en Fene a exposición OS ADEUSES, 73 fotografías da epopea migratoria captadas por Alberto Martí

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inauguraron o luns 7 de maio ás 20 horas na Casa da Cultura de Fene (Avda. de Conces 20-22) a exposición itinerante “OS ADEUSES, 73 imaxes da emigración galega (1957-1963)” captadas polo fotoxornalista Alberto Martí. A exposición permanecerá en Fene ata o día 30 de maio. Con anterioridade puido verse na Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, A Pobra do Caramiñal, Ferrol e Ourense. Na inauguración estiveron presentes o Alcalde de Fene, Gumersindo Galego; o xerente do CCG, Marcelino Fernández Santiago, e o director do CGAI, Guillermo Escrigas.
27/04/2012

Xornada “As coleccións sonoras de Galicia ante o presente dixital en rede”, organizada polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura

O Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, organizou o venres 27 de abril unha xornada de reflexión e debate “V Encontro o son da Memoria” sobre “As grandes coleccións sonoras de Galicia ante o presente dixital en rede”. A xornada celebrouse, en sesións de mañá e tarde, no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia e ocupouse da situación dos arquivos sonoros na radiodifusión, nas universidades, nas institucións galegas e nos grupos de recompilación etno-musical. Consideráronse novas formas de coordinación e cooperación entre posuidores e/ou xestores de coleccións de gravacións sonoras ao abeiro das posibilidades abertas polo traballo en rede.
25/04/2012

Ramón Villares participa en Cádiz no “II Foro Editorial de Estudios Hispánicos y Americanistas”

O presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Villares, participa no “II Foro Editorial de Estudios Hispánicos y Americanistas”, que se celebra do 25 ao 27 de abril na Universidade de Cádiz baixo o título “La edición en el mundo hispánico: historia y desafíos”.

25/04/2012

O Consello da Cultura Galega expresa o seu pesar polo falecemento do destacado galeguista Xaime Isla Couto

O Presidente e a Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega (CCG) expresaron hoxe o seu pesar polo falecemento do avogado, economista, ensaísta e académico da Galega, Xaime Isla Couto (Santiago de Compostela, 1915) “figura sobranceira e dinamizadora do galeguismo político e cultural”.
O CCG subliñou “o inequívoco compromiso galeguista de Xaime Isla Couto, desde a súa actividade nas Mocidades Galeguistas, no Seminario de Estudos Galegos ou no Partido Galeguista, ata a súa decisiva participación na fundación da Editorial Galaxia, da que era Presidente de Honra, ou o seu labor como director da “Revista de Economía de Galicia”.
O CCG salientou asemade a contribución de Xaime Isla Couto, activo e brillante conferenciante, á normalización do idioma galego nos ámbitos económicos e tamén na igrexa, nomeadamente a través da Editorial SEPT e a súa tradución da Biblia ao galego.