noticia

Rexistros 1861 a 1862 de 1862
19/04/2012

Nova convocatoria de bolsas do Consello da Cultura Galega

Hoxe, o Diario Oficial de Galicia publica a RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2012 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de cinco bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e se anuncia a súa convocatoria.

Pode descargar aquí a convocatoria
18/04/2012

Concluíron as Xornadas de análise e debate sobre o estado da cuestión da Arte Contemporánea en Galicia

O Consello da Cultura Galega acolleu os días 12-13 e 18-19 de abril unhas xornadas de análise e debate sobre o estado da cuestión da Arte Contemporánea en Galicia. Organizadas pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, que coordina María Luísa Sobrino, as xornadas reflexionaron sobre a creación artística, os labores de intermediación, o papel das institucións e o mercado. Os debates, aos que asistiron cada día unas corenta persoas, puideron tamén seguirse en directo, vía streaming, en: www.consellodacultura.org
18/04/2012

O Consello da Cultura inaugurou no Museo do Pobo Galego a exposición “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975)”

A exposición itinerante “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975), ideada e organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Fundación 10 de Marzo, foi inaugurada esta tarde no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, onde permanecerá ata o vindeiro 13 de maio. A mostra, comisariada por Ricardo Gurriarán, rescata e destaca en vintedous paneis explicativos e nove vitrinas o papel dinamizador e transformador dos axentes e das asociacións culturais en Galicia nos últimos quince anos da ditadura franquista. Arranca en 1961, ano de creación en Compostela da primeira asociación cultural galega “O Galo”. No acto inaugural, ao que asistiron máis de cen persoas, interviron Ricardo Gurriarán; Manuel Caamaño, un dos fundadores da Agrupación Cultural "O Facho" e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que subliñou a importancia de dar a coñecer o legado "daqueles pioneiros que fixeron un traballo esencial para o que hoxe temos".
03/04/2012

O Encontro Festlatino 2012 subliñou a decidida importancia estratéxica da proxección internacional das linguas e culturas pensinsulares

O Encontro Festlatino 2012 celebrado hoxe no Consello da Cultura Galega, que puido seguirse vía streaming, salientou a importancia estratéxica da proxección internacional das linguas e as culturas peninsulares e, no caso galego, a necesidade dunha maior cooperación interinstitucional e social para actuar nomeadamente no universo da lusofonía. Nas sesións participaron dirixentes de institucións das culturas da península ibérica vinculadas á súa proxección exterior e á promoción do diálogo intercultural (Institutos Camões, Cervantes e Ramón Llull, e o Movimento Festlatino) e persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e universitario galego. O Festlatino é un movimento cultural que fomenta o diálogo entre as culturas neolatinas de Europa, América, África e Asía.
02/04/2012

3-Abril.- Seminario sobre “As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional” en colaboración co Movimento Festlatino

O Consello da Cultura Galega ven desenvolvendo nos últimos anos encontros e convenios con distintas institucións públicas e entida¬des culturais contribuíndo ao diálogo da cultura galega con outras culturas e á súa proxección no exterior. Nesta liña de traballo organiza en colaboración co Movimento Festlatino o seminario “As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional. Encontro Festalatino 2012”, que terá lugar o martes, 3 de abril. Participarán representantes de institucións das distintas culturas da península ibérica vinculadas á súa proxección exterior e á promoción do diálogo intercultural (Instituto Ramón Llull, Instituto Ca¬mões, Instituto Cervantes, o propio Festlatino), xunto a persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e universitario galego. O encontro está coordinado por Henrique Monteagudo (Consello da Cultura Galega) e Humberto França (Movimento Festlatino).

30/03/2012

O Presidente do Consello da Cultura Galega participa na clausura dun congreso internacional sobre Inés de Castro no mosteiro de Alcobaça

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, participará mañá 31 de marzo no mosteiro de Alcobaça (Portugal) na sesión de clausura do congreso internacional “Pedro e Inés: o futuro do pasado”, sobre a figura da noble galega Inés de Castro (1325-1355), quen fora reina consorte, de Pedro I de Portugal, a título póstumo. O congreso, iniciado o día 28 en Coimbra e continuado en Montemor o Velho e Alcobaça, acolleu cincuenta relatorios e conmemorou os 650 anos do traslado dos restos de Inés de Castro desde Coimbra ao mosteiro de Alcobaça en 1362. O Consello da Cultura Galega colaborou con diferentes institucións portuguesas na organización do congreso, que xa contara cunha primeira fase en 2005 ao cumprírense os 650 anos da morte da raíña.
27/03/2012

O "Álbum da Ciencia" pretende cubrir os déficits no coñecemento científico e incorporará 300 biografías elaboradas por 23 investigadores

O proxecto do “Álbum da Ciencia” encaixa no que o Consello da Cultura Galega entende que debe ser a cultura científica e “ven cubrir evidentes déficits no coñecemento dese ámbito fronte á cultura humanística”. Así o definiu Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente da institución e coordinador da Sección “Ciencia, natureza e sociedade”. O proxecto, que xa pode verse e consultarse en www.culturagalega.org/albumdaciencia/, foi presentado hoxe polo seu director Xosé Antonio Fraga Vázquez, que deu conta das xa consultables primeiras vinte biografías, resultado do traballo dun equipo de 23 especialistas, que irán incorporando outras achegas ata acadar as trescentas biografías. Pola tarde o Álbum foi presentado ao público nun coloquio no que xunto cos relatores citados interviu Ángel Carracedo, catedrático e investigador de referencia da Universidade de Santiago. O Álbum da Ciencia supón un novo paso para un ambicioso proxecto do CCG: a futura elaboración do Álbum de Galicia.
27/03/2012

Ramón Villares impartiu un seminario sobre "expectativas e desafíos da cooperación cultural" no Instituto “Itaú Cultural” de Sao Paulo

O presidente do Consello da Cultura Galega, profesor Ramón Villares, concluiu en Sao Paulo (Brasil) un periplo que o levou tamén, desde o 19 de marzo, a Bos Aires e Montevideo. En Sao Paulo impartiu no Instituto “Itaú Cultural” un seminario para xerentes e coordinadores desa institución e dirixentes de instituciós culturais paulistas. Falou sobre “As institucións culturais de Galicia e as expectativas e os desafíos da cooperación cultural”.
27/03/2012

Unha nova etapa para o Álbum da Ciencia





Hoxe presentamos a nova etapa do Álbum da Ciencia. Nesta entrevista, o seu coordinador, Xosé A. Fraga, explícanos as claves do novo Álbum.
23/03/2012

Montevideo e o Patronato da Cultura Galega acollen a exposición OS ADEUSES, fotografías da epopea migratoria galega, de Alberto Martí

O presidente do Consello da Cutlura Galega, Ramón Villares, inaugurou hoxe no Patronato da Cultura Galega, en Montevideo (Uruguai) a exposición itinerante “OS ADEUSES, 73 imaxes da emigración galega (1957-1963)” captadas polo fotoxornalista Alberto Martí. A mostra, promovida e organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), percorreu toda Galicia en 2011. Ramón Villares continúa así o periplo que persoalmente iniciou en Bos Aires o 19 de marzo e que rematará en Sao Paulo o vindeiro día 27.
22/03/2012

Xa pode escoitar os XIV Encontros pola Normalización Lingüística

O Consello da Cultura Galega publicou en audio na Mediateca todas as intervencións realizadas nos XIV Encontros pola Normalización Lingüística, canda outros materiais que permiten seguir os relatorios e os debates. Pode consultalos aquí.
16/03/2012

Ramón Villares presentará o libro “Luís Seoane, entre Galicia y la Argentina” no Museo de Arte Latinoamericano de Buenos Aires

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, ponunciará conferencias en Bos Aires e Sao Paulo e inaugurará unha exposición en Montevideo. Na capital arxentina presentará o libro “Luís Seoane, entre Galicia y la Argentina” nun coloquio previsto para o 21 de marzo no Museo de Arte Latinoamerixcano de Buenos Aires (MALBA). En Montevideo inagurará a exposición “Os Adeuses. 73 imaxes da emigración galega (1957-1963” o día 23 no Patronato da Cultura Galega e, finalmente, o día 26 de marzo en Sao Paulo, no Instituto Itaú Cultural, dirixirá un seminario sobre “Institucións e cooperación cultural”.
14/03/2012

Un avance da mostra Asociacionismo cultural en Galicia 1961-1975





Ricardo Gurriarán, comisario da mostra Asociacionismo cultural en Galicia 1961-1975 que o CCG inaugurará esta primavera no Museo do Pobo Galego explícanos as claves do proceso de produción e amósanos unha escolma dos materiais que se exhibirán.
13/03/2012

O Consello da Cultura Galega colaborará coa Asociación de Empresas e Profesionais da Conservación e Restauración de Bens Culturais

O Consello da Cultura Cultura Galega, a través da súa Sección de Patrimonio e Bens Culturais, colaborará coa Asociación de Empresas e Profesionais da Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (CRG) na valorización do patrimonio artístico e cultural galego. Con esa finalidade promoverá accións e foros para fomentar o coñecemento e a divulgación do legado atesourado por Galicia, a terceira comunidade autónoma de España en riqueza artística.
09/03/2012

A presenza do galego nas Redes Sociais é "escasa e insuficiente", segundo o avance do estudo presentado por Fernando Ramallo nos Encontros para a Normalización Lingüística

A mocidade e o seu uso das redes sociais suponen para o idioma galego unha oportunidade evidente con todo por facer, xa que a presenza do galego percíbese “escasa e insuficiente”. Así o reflicte o avance dun informe que está a elaborar Fernando Ramallo, profesor da Universidade de Vigo, que hoxe presentou un avance nos XIV Encontros para a Normalización Lingüística. O informe parte dunha enquisa entre 1.295 estudantes de bacharelato, ciclos e universidade e foi encargado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. A atención ao comportamento da mocidade galega nas redes sociais dominou a segunda e última xornada dos Encontros organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega e celebrados na Cidade da Cultura de Galicia coa asistencia de máis de cen investigadores e xestores lingüísticos.
08/03/2012

“A normalización do galego debe ser un reto para a sociedade e non só para os poderes públicos”, di Henrique Monteagudo

A normalización do galego debe ser un reto para o conxunto da sociedade e non só para os poderes públicos. Así a ve o sociolingüista e académico Henrique Monteagudo, que hoxe abriu os XIV Encontros para Normalización Lingüística organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cutlura Galega. No acto inaugural o presidente da instituciòn, Ramón Villares, apostou “pola vía do consenso para revertir unha situación que é reversible”. Pola súa parte, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, afirmou que a mocidade “é un dos ámbitos prioritarios para a dinamización da nosa lingua”. Nos Encontros, que mañá rematarán no auditorio da Bilbioteca de Galicia da Cidade da Cultura, participan máis de cen investigadores e xestores lingüísticos que reflexionan e debaten sobre as distintas vías de relación entre lingua galega e mocidade.
07/03/2012

8 e 9-M na Cidade da Cultura: Os XIV Encontros para a Normalización Lingüística analizarán a problemática relación lingua galega-mocidade

Máis de cen investigadores e xestores lingüísticos, case o 75 por cento mulleres, participarán nos “XIV Encontros para a Normalización Lingüística” organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega. Coordinados por Henrique Monteagudo e Susana Mayo, os Encontros desenvolveranse os días 8 e 9 de marzo no auditorio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e centraranse fundamentalmente na problemática relación entre a lingua galega e a mocidade. O acto inaguural terá lugar o xoves día 8 ás 10 horas presidido po Ramón Villares, presidente do CCG, ao que acompañarán Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, Henrique Monteagudo, coordinador, e David Barro e Valentina Formoso en representación das Coordinadoras de Normalización da lingua.
06/03/2012

A Consellería de Cultura e Educación e o Consello da Cultura Galega asinaron un protocolo de colaboración para impulsar a normalización lingüística

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a normalización lingüística, que permitirá ampliar e compartir na Rede os servizos e os recursos deseñados e implementados desde o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (www.consellodacultura.org/arquivos/cdsg/). Destacan a Biblioteca para a Normalización Lingüística e a plataforma d-Lingua para a promoción do galego. Ramón Villares agradeceu a continuidade da colaboración iniciada pola Consellería en 2010 e Jesús Vázquez Abad afirmou que o acordo complementa outras liñas de cooperación como a dos XIV Encontros para a normalización lingüística que o Consello da Cultura celebrará os días 8 e 9 de marzo na Cidade da Cultura de Galicia.
01/03/2012

Ramón Villares, Benxamín Casal e Claudio Rodríguez Fer presentaron en Lugo o libro "Luís Seoane entre Galicia e Arxentina"

A Galería Sargadelos, (Praza de Santo Domingo, 4 de Lugo) acolleu o 29 de febreiro ás 20 horas a presentación do libro EMIGRANTE DUN PAÍS SOÑADO. LUÍS SEOANE ENTRE GALICIA E ARXENTINA, editado polo Consello da Cultura Galega. O libro subliña a “dobre cidadanía” que marcou a biografía de Luís Seoane “combinando unha idea concibida desde Galicia coa achega dunha perspectiva propiamente arxentina”, en palabras de Ramón Villares, quen alén da dimensión artistica salientou a figura do intelectual "un ideólogo cun proxecto cultural para modernizar Galicia".
Na presentación xunto con Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e editor do libro, interviron Benxamín Casal, presidente da Editorial Galaxia e o profesor da USC e escritor Claudio Rodríguez Fer.
24/02/2012

140 inscritos nos XIV Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Centro de Documentación Sociolingüstica do Consello da Cultura

Son 140 as persoas pre-inscritas para participar nos XIV Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega. Coordinados por Henrique Monteagudo e Susana Mayo, os Encontros desenvolveranse os días 8 e 9 de marzo no auditorio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e centraranse fundamentalmente na relación entre a lingua galega e a mocidade. O programa e os trámites para a matriculación poden consultarse en www.consellodacultura.org
17/02/2012

“Xigantes ou ananos? Celso Emilio e o debate sobre a emigración galega”, no Consello da Cultura o 24 de maio

O Consello da Cultura Galega celebrará o vindeiro 24 de maio a xornada “Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración galega”. Tres relatorios e unha mesa redonda abordarán a biografía político-intelectual de Celso Emilio (Celanova, 1912-Vigo, 1979) no marco dos actos conmemorativos do seu centenario. Coordina a xornada o profesor Xosé Manoel Núñez Seixas.
16/02/2012

Empresas do sector da cultura capean mellor os impactos da crise económica

Empresas do sector da cultura presentan unha boa capacidade de adaptación en tempos de crise económica. Así o reflicten os datos presentados hoxe polo Observatorio da Cultura Galega, do Consello da Cultura Galega, no Encontro Internacional Economía e Cultura, que se celebra na Cidade da Cultura de Galicia. Segundo este estudo, elaborado a partir do Índice de Rendemento do Trinomio Economía+Cultura+Creatividade (IRTECC), estas empresas “son produtivas e eficientes, ofrecen servizos e produtos atractivos, teñen potencial de crecemento e semellan comportarse mellor que as incluídas noutros indicadores”, explicou Hakam Casares, coordinador do Observatorio. O relatorio pode verse completo en:
http://observatorio.consellodacultura.org/
14/02/2012

O CCG dixitaliza a conferencia "Orixe e formación da cidade de Ourense" de Xesús Ferro Couselo

Publicada orixinalmente en 1996 polo Arquivo Sonoro de Galicia co gallo do Día das Letras Galega dedicado ao polígrafo Xesús Ferro Couselo, e dentro da súa iniciativa de dixitalización da colección As Nosas Voces, poden consultar dentro da Mediateca do CCG a conferencia "Orixe e formación da cidade de Ourense", impartida por este autor en 1968.

Acceda á Mediateca
08/02/2012

Bartolomé Clavero reflexionou sobre a importancia da consideración do dereito á cultura propia como esencial e de alcance xeral

Se o dereito, esencial, á cultura propia non se ten cualificado ata hoxe como dereito humano de alcance xeral é porque a orde internacional segue tendo o seu último fundamento nos Estados e non nos Dereitos. Así argumentou o profesor Bartolomé Clavero, catedrático de Historia do Dereito e das institucións, da Universidade de Sevilla e membro do Foro Permanente das Nacións Unidas para as cuestións indíxenas, no seminario interdisciplinar “Os sentidos das culturas”, do Consello da Cultura Galega. A conferencia co título "¿Cómo é que non hai un dereito humano á túa cultura propia?” iniciou o sexto ano dun ciclo de reflexións e debates coordinado polo profesor Ramón Maiz.
01/02/2012

Dieste, Piñeiro, Suárez Picallo e Meilán nas novas dixitalizacións da colección As Nosas Voces

O Consello da Cultura Galega incorporou nestes días á Mediateca da institución a dixitalización de novos volumes da colección As Nosas Voces, que editou o Arquivo Sonoro de Galicia na década dos 90. Son valiosas achegas sonoras coa voz de Rafael Dieste, Ramón Piñeiro, Ramón Suárez Picallo e Manuel Meilán que pode consultar na Mediateca do CCG.
01/02/2012

Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo visitaron o Consello da Cultura Galega

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo Suárez, visitaron esta tarde o Consello da Cultura Galega. Foron recibidos polo presidente da institución, Ramón Villares, con quen mantiveron unha reunión de traballo, á que tamén asistiron Francisco Díaz Fierros e Rosario Álvarez, vicepresidentes, e o xerente Marcelino Fernández Santiago. Neste primeiro encontro institucional falouse, entre outros temas, da colaboración por parte do Consello da Cultura Galega, primeira institución cultural e órgano estatutario de carácter asesor e consultivo dos poderes públicos de Galicia.

19/01/2012

O Consello da Cultura Galega dixitaliza as conferencias de Ramón Otero Pedrayo en América

Dentro da iniciativa para a dixitalización da colección As nosas voces, editada nos 90 polo CCG en cassete, é a quenda de Ramón Otero Pedrayo en América (I), publicada polo Arquivo Sonoro de Galicia en 1993. O volume recolle a intervención de Don Ramón Otero Pedrayo nun acto con emigrantes da colectividade galega de Bos Aires, e pódese descubrir a vibrante oratoria do profesor ourensán.


Escoite a conferencia na Mediateca
17/01/2012

O CCG redixitaliza conferencias e intervencións de Blanco Amor en América

Continuando co proceso de dixitalización e incorporación de fondos antigos do CCG, damos a coñecer a dixitalización do primeiro volume da colección As Nosas Voces, do Arquivo Sonoro de Galicia. Orixinalmente publicada como cassete, a dixitalización contén 45 minutos de conferencias e intervencións de Eduardo Blanco Amor. Pode consultar a gravación na Mediateca do CCG.
16/01/2012

O Consello da Cultura Galega lamenta a morte de Manuel Fraga Iribarne

O Consello da Cultura Galega lamenta a morte de Manuel Fraga Iribarne, ex Presidente da Xunta de Galicia. De acordo coa Lei do Consello da Cultura Galega, Manuel Fraga foi tamén Presidente de Honra desta institución durante todos os anos que exerceu o seu cargo como xefe do Executivo galego, entre 1990 e 2005. O actual Presidente do CCG, Ramón Villares, valorou positivamente a relación de Fraga coa institución e salientou o seu apoio manifestado ao participar de forma regular nas súas sesións plenarias e nalgunhas das súas actividades. Considerou tamén decisiva a intervención de Manuel Fraga, canda o Presidente do CCG Xosé Filgueira Valverde, para que o Consello se instalase na sede actual, no Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela, en 1994, xa que ata ese momento non tivera unha sede fixa.



XX Aniversario do Consello da Cultura Galega. Franciso Díaz-Fierros, José María García Leira, Manuel Fraga, Alfonso Zulueta, Ramón Castromil e Henrique Monteagudo. Foto: CCG
05/01/2012

O Consello da Cultura Galega manifesta o seu fondo pesar polo falecemento do histórico intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo

O Consello da Cultura Galega manifesta o seu fondo pesar polo falecemento do histórico intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo e desexa transmitir o seu pésame á súa familia. Membro fundacional do Consello da Cultura Galega, Díaz Pardo participou na propia xénese desta institución como membro da Comisión Asesora da Cultura Galega creada polo Decreto do 17 de febreiro de 1982 e encargada da preparación do texto que deu orixe á Lei de Creación do Consello da Cultura Galega do 8 de xullo de 1983.