noticiaarquivo

Rexistros 1 a 30 de 4239
03/02/2023

X Certame de Monólogos Cómicos en Lingua Galega

O Servizo de Educación do Concello da Coruña organiza a décima edición do Certame de Monólogos Cómicos en Lingua Galega, co obxectivo de fomentar o uso do galego e mellorar a competencia oral entre o alumnado de ESO, bacharelato e FP dos centros de ensino do Concello da Coruña. Establécense tres categorías segundo o nivel educativo, e outorgaranse tres premios (de 50, 30 e 20 euros) en cada unha das tres categorías. O prazo de inscrición remata o 17 de febreiro de 2023.

Para ampliar información preme aquí.
03/02/2023

Nova oferta de formación lingüística na Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo anuncia a nova convocatoria de cursos de formación en lingua galega, dirixidos á comunidade universitaria, para este segundo cuadrimestre do curso académico 2022/2023. Ademais dos cursos habituais en pasadas convocatorias (Iniciación á lingua galega; A calidade lingüística no teu TFG ou TFM; Linguaxe administrativa e xurídica; Os erros máis frecuentes na lingua galega; ou Redacción e estilo), como novidade nesta convocatoria inclúese o Ciclo de lingua e calidade, e mais o Curso de xestión do multilingüismo nas aulas. O prazo de inscrición será do 6 ao 17 de febreiro, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual bubela.uvigo.es.

Se precisas máis información, preme aquí.

03/02/2023

PuntoGal e a RAG convocan o VI Certame de Microrrelatos

Co obxectivo de reforzar a presenza do idioma galego e da identidade propias no mundo dixital, a Asociación PuntoGal e a Real Academia Galega, coa colaboración da revista Luzes, organizan a sexta edición do seu Concurso de Microrrelatos. Poden participar todas as persoas que o desexen, e para facelo deben presentar un relato en lingua galega, orixinal, inédito, de temática libre e cunha extensión máxima de 200 palabras (título incluído). Establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes, e outorgaranse tres premios por cada unha das categorías. O prazo de presentación dos textos remata o 28 de febreiro de 2023.
02/02/2023

O Boletín de Sumarios 2022 do CDSG accesible na web

O Boletín de Sumarios 2022 do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) é un produto documental do centro, que recolle os sumarios das publicacións periódicas recibidas na súa hemeroteca ao longo de 2022. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos.

Coas novas incorporacións, poñemos ao dispor do público 527 títulos de publicacións sobre sociolingüística, revistas escolares e de mostra de espazos en que o galego vai abrindo portas. Podes consultar o Catálogo completo de seriadas premendo aquí.
02/02/2023

Axudas para os SNL da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca unha liña de axudas, dirixida a concellos e outras entidades locais da provincia, para a creación, mantemento ou reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais durante o ano 2023. Poden optar a estas axudas os concellos da provincia de Pontevedra de ata un máximo de 50.000 habitantes ou ben as agrupacións de concellos, mancomunidades ou entidades locais menores da provincia. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no BOP de Pontevedra.
02/02/2023

Xornada lúdica e pedagóxica para a crianza en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística, o Concello de Allariz, a Deputación de Ourense, o Espazo Ben Común e a Confederación de ANPAS galegas organizan a xornada Medrar en galego, que terá lugar en Allariz o 25 de febreiro de 2023. O programa, dirixido a familias que deciden conscientemente criar os seus fillos e fillas en galego, inclúe obradoiros pedagóxicos de crianza, actividades de carácter lúdico (xogos, contos, música) e unha feira na que as empresas exporán os seus produtos en galego. Todas as actividades son gratuítas e de libre acceso.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
01/02/2023

Obradoiros de acollemento lingüístico en Santiago de Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela organiza dous obradoiros de acollemento lingüístico, dirixidos principalmente a persoas adultas procedentes doutras comunidades lingüísticas que queiran achegarse ao galego. Os cursos teñen unha duración de 36 horas, distribuídas en dúas sesións semanais. O prazo de inscrición remata o 23 de febreiro de 2023.
Podes obter máis información premendo aquí.
31/01/2023

Homenaxe musical a Fernández del Riego no Concerto das Letras Galegas

O xa tradicional Concerto das Letras Galegas, que organiza anualmente o Consello da Cultura Galega, terá lugar nesta décimo terceira edición o 16 de maio de 2023, no Teatro Afundación de Vigo. O programa musical xira arredor da figura homenaxeada nas Letras Galegas, que este ano será Francisco Fernández del Riego, e será interpretado pola Real Filharmonía de Galicia e o Coro de Cámara Rías Baixas. Como xa é habitual, estrearase unha peza, que neste caso será a Sinfonietta, composta por Brais González Pérez (Vigo, 1987) a partir de textos de Salvador García Bodaño e Xaime Isla Couto dedicados a Francisco Fernández del Riego.
Para ampliar esta nova, preme aquí.


30/01/2023

Cursos de linguaxe administrativa e xurídica galega para o persoal da Administración pública

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vinte e sete cursos de linguaxe administrativa galega e tres de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Todos os cursos se desenvolverán na modalidade de teleformación. O prazo de presentación de solicitudes remata o 7 de febreiro de 2023.
Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
30/01/2023

En liña todos os vídeos da última edición do LGx15

O pasado 27 de outubro de 2022 tivo lugar en Santiago de Compostela a última edición do LGx15, unha iniciativa organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua na que diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego a través de charlas breves e amenas. Nesta edición os/as participantes foron Olaia Maneiro (Tanxugueiras), Pedro González Boquete, Fátima Barros, Beatriz Busto Miramontes, Padrorua e Fabiana Ambroa Ibarruri, Isaac González, Elsa Quintas Alborés e Guido Álvarez Parga. Podes ver todas as intervencións na canle de Youtube da CTNL.
30/01/2023

Coñece as canles gañadoras dos Premios Youtubeiras 2022

O xurado da sexta edición dos Premios Youtubeiras, un certame dirixido a potenciar a creación de vídeos en galego en Youtube, fixo públicas as canles gañadoras da edición de 2022. A gala de entrega dos premios tivo lugar no Pazo da Cultura de Carballo o pasado sábado, 28 de xaneiro de 2023, e nela foron galardoadas as seguintes canles: "Bembibre coas Tanxugueiras", de Xabi Gómez (Premio do Público); "Falemos do Reino de Galicia" (Premio Calidade Lingüística); "a Lobeira Today" (Premio Rede); "Pingando - Laura Veiga" (Premio Pioneiro); "Eduardita", de Piratas sen Parche (Premio Vídeo); "Histérikas Histórikas" (Premio Youtubeira/a Revelación); "Toxío" (Premio Canle); "Neeumatiko" (Premio Youtubeiro/a).
30/01/2023

A RAG presenta o programa de actividades na honra de Francisco Fernández del Riego

A Real Academia Galega fixo público o programa de actividades coas que vai homenaxear a Francisco Fernández del Riego, autor ao que se lle dedica neste 2023 o Día das Letras Galegas. Entre as iniciativas programadas, que se realizarán co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, a Deputación da Coruña, os concellos de Lourenzá e Vigo e a TVG, destacan a publicación do epistolario entre Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo (máis de 450 documentos conservados na Fundación Penzol e editados por Patricia Arias Chachero); a organización dun simposio sobre o autor homenaxeado, que terá lugar no outono; unha biografía teatralizada dirixida ao público infantil, que se presentará no marco do proxecto Primavera das Letras 2023; ou unha serie web de carácter documental sobre Fernández del Riego realizada pola produtora Miramemira.
No sitio web da RAG podes ampliar información sobre esta programación.
24/01/2023

Bota a andar unha nova edición do programa "21 días co galego e +"

Onte, 23 de febreiro de 2023, botou a andar unha nova edición do programa “21 días co galego e +” baixo o lema Falando por un mundo mellor. Nesta iniciativa, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, participan doce centros de ensino galegos con alumnado de idades comprendidas entre os 8 e 18 anos, que durante 21 días se comprometen a falar exclusivamente en galego, así como a desenvolver diferentes propostas didácticas deseñadas para reflexionar sobre os seus usos lingüísticos persoais e a situación xeral do idioma galego.

Podes manterte ao día do desenvolvemento do programa a través do seu blog.
23/01/2023

Programa de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia convocan o programa de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística, dirixido a centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán cada unha deles unha dotación económica de 2.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de marzo de 2023.
19/01/2023

Cursos de galego para non galegofalantes

O Centro de Linguas Modernas da USC presenta a oferta formativa para o segundo semestre do curso 2022/2023, na que se inclúen cursos de galego para non galegofalantes (niveis básicos A1 e A2) que se poderán realizar tanto no campus de Santiago, na modalidade presencial; coma no de Lugo, na modalidade en liña. Para realizar estes cursos non é necesario ser alumno/a da USC. O único requisito é ser maior de 16 anos. A matrícula estará aberta ata o vindeiro 6 de febreiro de 2023.

Para ampliar información, preme aquí.
19/01/2023

Volve o Club de Debate con máis gana de leria

Xa está en marcha unha nova edición do Club de Debate, un proxecto colaborativo, promovido polos servizos de normalización lingüística de diferentes concellos galegos, que ten como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Poden participar equipos mixtos de entre 4 e 10 mozos/as de 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos. Haberá diferentes premios nas fases de zona e o equipo que gañe a fase final será premiado cunha viaxe en grupo. O prazo de inscripción remata o 31 de xaneiro de 2023.
18/01/2023

Incorporamos ao Álbum de Galicia a biografía de Salvador Pérez Froiz

Desde hoxe xa podes consultar no Álbum de Galicia a biografía de Salvador Pérez Froiz (Gondomar, 1956 - Oroso, 2011), asinada polo tamén lingüista e compañeiro seu de traballo na TVG, Antón Dobao. Salvador Pérez Froiz foi un “filólogo do inmediato” cuxo labor foi fundamental na corrección dos usos lingüísticos na televisión pública galega e, sobre todo, na estandarización e difusión do léxico especializado vinculado cos deportes. Tamén foi o primeiro e único xefe do Servizo de Normalización Lingüística da CRTVG, un proxecto que nace e 2007 e finalmente, como ben nos relata Dobao, queda a medias.
O texto biográfico presentámolo acompañado doutros recursos documentais (galería fotográfica, documentos de interese, recursos en liña...), que permiten achegarse desde diferentes ópticas ao traballo e á vida de Salvador.
18/01/2023

Ofrenda floral Galeusca das linguas a Rosalía e Castelao

A Mesa pola Normalización Lingüística, Euskalgintzaren Kontseilua e A Plataforma per la Llengua, entidades asociativas de defensa e promoción das linguas galega, vasca e catalá, organizan a “Ofrenda floral Galeusca das linguas a Rosalía e Castelao”, un acto de homenaxe a estes dous insignes escritores polo “valor referencial que teñen Rosalía e Castelao, cada un no seu tempo, na reivindicación da normalización da lingua galega e, por extensión, de todas as linguas propias dos seus países”. O acto terá lugar o vindeiro domingo 22 de xaneiro ás 12 h no Panteón de Galegos Ilustres (Santiago de Compostela), e contará coas intervencións dos representantes das tres entidades organizadoras e coas actuacións musicais de Uxía e Os Trinquetes.

Para ampliar información, preme aquí.
16/01/2023

Convócanse as probas de avaliación en competencias clave

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convoca probas de avaliación en competencias clave, que dan acceso ás accións formativas dos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 de cualificación profesional. Entre as competencias clave requiridas para acceder a estes certificados está a “comunicación en lingua galega”. O prazo de presentación de solicitudes para participar nas probas é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.
13/01/2023

O Dicionario da Real Academia Galega medra e actualiza a súa tecnoloxía

Preto de 400 cambios ofrece neste 2023 o Dicionario da Real Academia Galega, entre novas entradas, novas acepcións e modificacións de redacción das definicións.

Ademais, as persoas usuarias, que fixeron en 2022 case 35 millóns de consultas, contan tamén cunha nova aplicación para dispositivos móbiles, tanto para Android coma para iOS, que simplificará o acceso ás futuras actualizacións.
13/01/2023

Convocatoria de axudas para os SNL municipais da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica as bases do programa de subvencións dirixidas ás entidades locais da provincia, para a creación, mantemento e reforzo dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) durante o ano 2023.

Poderán participar todos os concellos da provincia da Coruña de 5000 ou máis habitantes, ou agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima. Así mesmo, tamén poden solicitar as axudas os concellos da Corunña, Santiago de Compostela e Ferrol, mais unicamente para persoal técnico de reforzo do SNL xa creado.

As solicitudes presentaranse de forma telemática na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da súa plataforma de tramitación electrónica (SUBTeL), no prazo de trinta días naturais a contar desde o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP da Coruña a través da Base de Datos Nacional de Subvencións.
11/01/2023

O galego e o deporte únense na serie de vídeos Adestra a túa lingua

Co propósito de proporcionarlles aos adolescentes respostas ás súas dúbidas á hora de practicar deportes, Suseia SCG produce sete vídeos breves que se agrupan na iniciativa Adestra a túa lingua.

Ademais de información deportiva, abordan mitos sexistas e tratan de normalizar o emprego de termos técnicos en galego que son pouco populares e coñecidos.
11/01/2023

En liña o Calendario científico escolar 2023

A Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña volven colaborar co CSIC para publicar en galego o Calendario Científico Escolar.

Ademais das efemérides dos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía que se vinculan a cada día do ano, o calendario conta cunha guía didáctica orientada ao ensino primario e o secundario obrigatorio. Ambos os recursos ofrécense en edición dixital descargable.
10/01/2023

Proxector celebra o seu aniversario publicando un especial sobre quecemento global

Cando se cumpre un ano da nova etapa de Proxector, resultado da colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Consello da Cultura Galega, publícase o seu especial número 12: Quecemento global. Ameazas e oportunidades.

A día de hoxe, esta páxina ofrece xa 1016 audiovisuais para a docencia, clasificados en 32 áreas de coñecemento, e un espazo para os especiais que se van elaborando cada mes en función de efemérides e acontecementos de interese.

09/01/2023

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Ourense

O Concello do Ourense publica as bases reguladoras da convocatoria
dos procesos selectivos, mediante concurso, para a provisión
das prazas incluídas na oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal. Entre as prazas ofertadas inclúese unha de normalizador/a lingüístico/a (persoal funcionario, subgrupo A1).

Os/as aspirantes deben estar en posesión do grao en Filoloxía Galega ou equivalente. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo no Boletín Oficial da Provincia do 31 de decembro.
09/01/2023

Nova web sobre os materiais galegos do ALPI

O Instituto da Lingua Galega publica a páxina web Os materiais galegos do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica. Nela ofrece información sobre o proxecto ALPI, mapas elaborados a partir dos datos galegos, imaxes dos cadernos de campo e fotografías.
30/12/2022

Resólvense as axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a resolución da convocatoria de subvencións destinadas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego. Podes consultar a listaxe de entidades beneficiarias, xunto co importe concedido, premendo aquí.
30/12/2022

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Pontedeume

O Concello do Pontedeume publica as bases xerais e específicas que rexerán os procesos selectivos correspondentes ás prazas de estabilización de emprego temporal. Entre as prazas ofertadas inclúese unha de normalizador/a lingüístico/a (persoal laboral, grupo II). O proceso selectivo será o concurso de méritos. As persoas que non superen o proceso selectivo incluiranse nunha bolsa de persoal laboral temporal específica. Os/as aspirantes deben estar en posesión do grao en Lingua e Literatura Galegas; ou da licenciatura en Filoloxía Galego Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugues). O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo das bases xerais e específicas premendo aquí:
-Bases xerais.
-Bases específicas.
30/12/2022

Praza de “mestre/a - normalizador/a lingüístico/a” no Concello de Santa Comba

O Concello de Santa Comba publica as bases xerais e específicas que rexerán os procesos selectivos para cubrir as prazas incluídas na oferta de emprego público extraordinario para a estabilización de emprego temporal. Entre as prazas ofertadas inclúese unha coa denominación “Mestre/a –LFH- (Normalizadora lingüística, impartición ESA)” (persoal laboral, grupo I). O proceso selectivo será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura de Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués); do grao en Lingua Galega, ou de calquera outra licenciatura/grao da área de humanidades ou ciencias xurídicas, sempre que dispoñan do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días soltos, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo das bases premendo aquí.
29/12/2022

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello do Grove

O Concello do Grove publica a convocatoria para cubrir as vacantes do persoal laboral fixo, no marco do proceso de estabilización do emprego temporal. Entre as prazas convocada inclúese unha de normalizador/a lingüístico/a (persoal laboral, grupo II). O proceso selectivo será o concurso de méritos. Os/as aspirantes deben estar en posesión da titulación de diplomatura ou grao. Para aquelas persoas que non superen o proceso selectivo, prevese a súa inclusión en bolsas de persoal laboral temporal específicas para as prazas convocadas. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

Podes consultar o texto completo da convotoria e mais das bases premendo aquí:
-Anuncio da convocatoria.
-Bases da convocatoria.