A organización do SEG

Presentamos cinco aspectos clave da organización e o traballo do Seminario de Estudos Galegos.
A organización do SEG

Os socios

Para pertencer ao SEG os candidatos teñen que presentar unha investigación inédita sobre algún tema galego. Despois exíxenlles algún traballo anual obrigatorio, amais das colaboracións que voluntariamente queiran achegar e das que lles sexan encomendadas. Os investigadores ingresan coa lectura en castelán, en galego ou noutro idioma dun traballo; os creadores, coa lectura dun texto literario poético, narrativo ou teatral. Algúns destes textos serán editados en distintas publicacións como o Boletín de la Real Academia Gallega ou a revista Nós e no seu anuario Arquivos, que editará seis números ata 1936, ano en que é interrompido polo golpe de estado. Tocante aos artistas, presentan e entregan un dos seus produtos: un debuxo, pintura, escultura ou fotografía, que pasaba a integrarse no seu museo. Estes homes e mulleres, galegos ou de fóra (portugueses, franceses), que ingresaban eran os socios activos do SEG, pero amais había socios protectores (persoas ou institucións) que achegaban unha cota mínima. Os socios activos podían ser asemade protectores.

A organización

Segundo os Estatutos aprobados o 16 de novembro de 1930, formaban parte do SEG os socios activos e os protectores. O SEG organizábase en seccións integradas polos socios activos, o seu número era competencia do Consello Director e á fronte de cada sección estaba un director. Os directores de sección eran designados polo Consello Director e o seu labor era orientar os traballos da sección e informar dos estudos realizados polos socios que estaban baixo a súa dirección. Os órganos directores eran a Comisión Directora e o Consello Director. A Comisión Directora integrábana un presidente, un secretario xeral, un secretario de actas, un depositario e un contador. Cos Estatutos, aprobados o 16 de novembro de 1930, esta organización engade novas funcións e atribucións para un funcionamento máis eficaz.

A financiación

A lingua e a cultura galegas sempre estiveron desamparadas por parte do poder e das institucións establecidas en Galicia. As investigacións e as creacións literarias xeralmente eran debidas á xenerosidade e á entrega dos seus creadores. Só ás veces os premios dos certames permitían algunha retribución e a publicación do texto presentado ao concurso. Xeralmente a cultura galega era axudada pola filantropía dos galegos, principalmente dos emigrados, fosen ricos (poucos) ou pobres. O pobo galego, en xeral, foi solidario coa súa cultura, por iso axudou individualmente ou creou asociacións protectoras para eses distintos fins. Delas beneficiouse a Real Academia Galega coa Asociación Protectora da Habana (1905) e o SEG coa Asociación Protectora de la Cultura Gallega en Montevideo en 1928 e con outras pro-Seminario en Bos Aires e Cuba. Estas asociacións organizaban festivais e outros actos e vendían libros, e o recadado enviábano á sede do SEG. Amais, estaba a axuda dos socios protectores, que achegaban recursos, aos que se sumaban subvencións dalgúns concellos e dalgunhas deputacións. Con esta sempre escasa financiación a xeración de 1923 tentou desenvolver o seu cobizoso proxecto.

Investigar e divulgar

A xeración de 1916, a das Irmandades da Fala, é o primeiro colectivo unido por un boletín, A Nosa Terra, que tenta desenvolver un proxecto en común. É unha empresa cultural e política que actúa en equipo. A esta súmase a da revista literaria Nós desde 1920, que logo incorpora a etnografía nas súas páxinas. Asemade xurdiron a editorial Céltiga en Ferrol, e Lar e logo Nós na Coruña. O SEG será o segundo colectivo que se sumará aos anteriores para rescatar, investigar e divulgar a cultura galega principalmente en galego. Por iso tentarán empregar esa lingua e literatura e mesmo tratarán de elaborar unhas normas ortográficas. Eles percorren Galicia e desenvolven campañas de campo para recadar ese patrimonio. O seu era un labor colectivo e interdisciplinario, no que cada un se encargaba da área de investigación na que era máis competente.

Publicacións

O labor de pescuda do SEG foi inmenso xa que tentou cos seus escasos recursos e medios catalogar toda Galicia. Toda esa copiosa información acababa en fichas e rexistros gráficos. No arquivo do SEG recollíanse eses datos e imaxes enviadas polos colaboradores aos que lles solicitaban información (mestres, funcionarios, cregos, carteiros…) ou que enviaban as súas achegas. Amais estaban as investigacións que os socios efectuaban, que se recollían en traballos e nas nas fichas de catalogación bibliográfica, etnográfica e artística. Non todo o que atesouraban se puido editar. Editaban no Boletín da RAG, en Nós na prensa e logo no seu anuario Arquivos. Amais editaron libros co selo do SEG. Nese labor de divulgación tentaron que as súas publicacións chegasen, por intercambio ou por venda, ás universidades e aos centros de investigación. Grazas ás visitas a Galicia deses investigadores europeos e americanos ao SEG, ás viaxes ao estranxeiro dalgúns socios activos e, sobre todo, ao intercambio de publicacións, a voz de Galicia comezaba a ser escoitada.

Por Miguel Anxo Seixas Seoane


Warning: mysql_free_result(): 18 is not a valid MySQL result resource in /var/www/html/consello/html/www/paxina-area.php on line 298