Competencias

----

Competencias

En función da lei de creación, a Lei 8/1983, do 8 de xullo, o Regulamento de organización e funcionamento aprobado pola Xunta de Galicia (Decreto 162/2008, do 10 de xullo, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do Consello da Cultura Galega) así como as Normas de funcionamento interno do Consello da Cultura Galega (aprobadas no Pleno do 29 de novembro de 2009), as competencias do Consello da Cultura Galega son:


a) Fomentar a lingua e a cultura galegas en canto creacións orixinais do pobo galego, e entendidas non só como unha herdanza que cómpre conservar e transmitir, senón como un patrimonio que cada xeración debe arrequentar.

b) Investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, tentando facer accesible a toda a cidadanía de Galicia os produtos máis valiosos tanto da cultura propia coma da universal.

c) Analizar cantas cuestións se refiran ao patrimonio cultural galego, nas súas diversas facetas e niveis, atendendo á súa preservación, ao seu estudo, á súa valorización e á súa difusión.

d) Promover actuacións culturais adecuadas aos seus fins, tales como a organización de congresos, seminarios, conferencias ou exposicións, a creación de grupos de pescuda, reflexión ou debate, o establecemento de arquivos ou centros de documentación, a elaboración de estudos ou informes, ou a realización de publicacións.

e) Asesorar e consultar os poderes públicos da Comunidade Autónoma, especialmente a Xunta e o Parlamento de Galicia, mais tamén as deputacións e concellos, e outras institucións.

f) Elevar aos poderes públicos da Comunidade Autónoma informes e propostas a prol da defensa e promoción dos valores culturais galegos.

Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Recomendamos: