Doazóns

----

Doazóns

Os fondos do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega proceden da xenerosidade de particulares, institucións públicas e privadas, discográficas, editoriais e músicos que entenden o noso proxecto como a iniciativa máis salientable para a recuperación, conservación e difusión do patrimonio sonoro galego. Estas achegas procedentes de diferentes eidos permítennos unha constante ampliación e complementariedade dos nosos fondos documentais.
Na permanente procura de gravacións sonoras, alégranos comprobar como particulares e institucións mostraron unha gran sensibilidade histórica ao anticiparse a rexistrar as palabras e as músicas -algunhas converteranse en acontecementos- que nos axudan a conformar e a entender o noso país e a nosa cultura.

A nómina de doadores para co Arquivo Sonoro de Galicia é amplísima e procede de distintos puntos xeográficos. Preto de trescentos nomes (particulares, institucións, discográficas e músicos), aos que lles agradecemos, de novo, a súa desinteresada colaboración.

O Arquivo Sonoro de Galicia fai unha chamada xeral a calquera grupo, particular e institución que desexe contribuír a este labor de recuperación do patrimonio sonoro galego.

As condicións de cesión acomódanse ás pretensións do doador (material de consulta restrinxida, material de acceso libre, permisos de uso…). As gravacións que chegan ao Arquivo Sonoro de Galicia son dixitalizadas para unha conservación óptima e gárdanse en dependencias coas condicións axeitadas, de humidade e temperatura, para este tipo de material tan vulnerable. Posteriormente, os documentos sonoros catalóganse e quedan dispoñibles para a consulta presencial dos estudosos. As dependencias do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega localízanse na Cidade da Cultura.



Un exemplo de doazóns recibidas polo Arquivo Sonoro de Galicia é esta extraordinaria conferencia impartida por Ramón Otero Pedrayo na Arxentina en 1947, e cedida polo Centro Galego de Bos Aires.




Recomendamos: