Fondos inéditos

----

Fondos inéditos

O Arquivo Sonoro de Galicia conserva a máis importante colección de documentos sonoros inéditos, históricos e actuais, relacionados con Galicia. Este grande apartado aglutina todos os audios que son únicos e exclusivos, están rexistrados directamente da fonte e non dispoñen de duplicados impresos. A diferenza das edicións discográficas, non están suxeitos a ningún tipo de produción previa nin difusión comercial posterior.

Este grande apartado aglutina todos os audios que son únicos e exclusivos, están rexistrados directamente da fonte e non dispoñen de duplicados impresos A diferenza das edicións discográficas, non están suxeitos a ningún tipo de produción previa nin difusión comercial posterior


Visita de Castelao ao programa de radio Recordando a Galicia. Aparecen Tacholas, Maruxa Boga, Alfredo Aróstegui, Castelao e Enrique González. 21 de xullo de 1946. Fondo: Arquivo da Emigración Galega.


O valor patrimonial dos fondos inéditos é inestimable xa que abrangue todo tipo de materias do coñecemento, teñen unha procedencia xeográfica moi diversa e cobren un amplo período.

Segundo os contidos, pódese establecer a seguinte clasificación:

ARQUIVO DA PALABRA:

Este apartado está formado por miles de voces de destacados persoeiros da nosa cultura e da nosa vida social e política. Conferencias, actos culturais diversos, entrevistas, actos políticos etc. compoñen este apartado. Pronunciadas na emigración, no exilio ou en Galicia, onte ou hoxe, son un amplo abano de opinións, de erudicións, de estudos sobre a nosa personalidade diferenciada e sobre temas universais pero sempre dende unha perspectiva galega. O documento máis antigo que se conserva no ASG corresponde á voz de Castelao, gravada nunha fonopostal en 1941 e recuperada polo Arquivo Sonoro de Galicia a finais dos anos 90 en Bos Aires.

As voces de Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Blanco-Amor, R. Dieste, Ossorio Tafall, Paz-Andrade, Suárez Picallo, Vilanova, Valenzuela, Piñeiro, Fernández del Riego, Casares, por citar voces centrais da nosa cultura, son algúns exemplos do que se pode escoitar. Tamén cómpre destacar as gravacións procedentes do Centro Galego e do Centro Galicia de Bos Aires que recollen as Xornadas Patrióticas Galegas realizadas co gallo do Día de Galicia e onde destaca anualmente un persoeiro convidado procedente de Galicia. Nestes documentos sonoros é tan importante o contido erudito coma a emotividade que desprenden e que lles confire un alcance histórico-sociolóxico e lingüístico moi valioso para o estudo de nós.



Ramón Suárez Picallo. Despedida a Ramón Otero Pedrayo. Xornadas patrióticas galegas. Bos Aires. 15 de agosto de 1959. Colección Centro Galego de Bos Aires.




O Consello da Cultura Galega, de acordo coa súa sensibilidade e a súa perspectiva histórica, rexistra todos os actos que se desenvolven na súa sede e/ou nos que participa, dende hai máis de vinte anos. Isto permítenos ter testemuñas dunha visión poliédrica e enriquecedora da nosa cultura.
Pódese consultar parte dos fondos inéditos no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas de Galicia.



Afonso D. Rodríguez Castelao. Mensaxe gravada en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse no Teatro Solís de Montevideo o 8 de outubro de 1941.

A fonopostal foi un servizo das oficinas de Correos orixinado en 1939 en Arxentina, que permitía rexistrar a voz e enviar a gravación, nun soporte de acetato con forma de disco. Foi moi empregado entre a colectividade galega da emigración, xa que permitía transmitir dun xeito moi próximo as emocións.





ETNOGRAFÍA:

Disponse dun pequeno fondo etnográfico recollido polo propio arquivo no ano 1992 (400 casetes) e varias coleccións particulares cedidas ao ASG, entre elas os 306 casetes do Concello de Moaña.



Lenda da Costureira. Voz de Concepción Portela.



A raposa e o galo. Voz de José González Bernárdez.







ETNOMUSICOLOXÍA:

O Arquivo Sonoro de Galicia dispón das gravacións orixinais (248 CD acompañados das súas transcricións) realizadas por D. Schubarth e A. Santamarina e que deron lugar ao Cancioneiro Popular Galego. Tamén se conserva a importante doazón de P. Carpintero, con máis de 300 horas de gravacións, e da Asociación A Regionalista de Teo.

MÚSICA:

Disponse de gravacións e/ou maquetas de composicións musicais galegas non editadas que se conservan no arquivo a disposición de estudosos.

PROGRAMAS RADIOFÓNICOS:

Consérvanse distintos programas emitidos na emigración galega: Recordando a Galicia, Galicia Hoxe, Sempre en Galicia, Las exquisiteces del gallego. Procedentes de Galicia, hai distintos programas de Da terra e dos tempos e tamén cabe destacar o amplo fondo de RNE das emisoras galegas, preto de 6000 documentos sonoros, que está dispoñible para a súa escoita (previa cita).

Consulte o fondo de RNE

Procedencia dos fondos inéditos:

Este valioso fondo documental sonoro vaise recompilando grazas á enorme xenerosidade de particulares e institucións públicas e privadas, que a través de doazóns nos axudan a preservar o patrimonio sonoro galego.
Se vostede posúe algunha gravación que considera susceptible de ser conservada, pregámoslle que contacte co ASG. Non importa en que formato estea. Procuraremos o xeito de dixitalizala e facilitarémoslle unha copia nun formato actual.

Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Recomendamos: