Fondo Dorothé Schubarth e Antón Santamarina

----

Fondo Dorothé Schubarth e Antón Santamarina

Dentro dos fondos etnomusicolóxicos do Arquivo Sonoro de Galicia, cómpre subliñar a conservación de todas as gravacións que deron lugar ao Cancioneiro Popular Galego, coautoría de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, que é a obra fundamental do folclore musical galego.
Fondo Dorothé Schubarth e Antón Santamarina

Consulte a lista de Fondos de Dorothé Schubarth

Dorothé Schubarth, nada en 1944 en Basilea, é unha musicóloga e compositora suíza. Estuda en Colonia e Múnic. En 1971 ocupa a cátedra de Harmonía e Contrapunto na Academia de Música de Lucerna. O seu labor investigador céntrase nunha intensa procura das formas e orixes da música popular europea, especialmente nos Balcáns e no Cáucaso, en Alemaña e Francia. Froito deste amplo traballo de recolleita é a publicación O canto popular na Europa en 1978.

Neste mesmo ano achégase a Galicia. Atraída pola inmensa riqueza da música de tradición oral galega, o que ía ser só unha estadía vacacional convértese nun longo período de cinco anos. Entre 1978 e 1984, coa axuda dunha bolsa da Fundación Barrié, percorre a nosa terra e mestúrase coas nosas xentes, introducindo un punto de vista “emic” (o do informante), sen parangón ata o momento. A súa empatía, tamén recoñecible no uso que ela mesma fai da nosa lingua e que aínda mantén, permítelle un intenso traballo de recolleita que abrangue 38 zonas xeográficas galegas e limítrofes.



"E ó San Antonio non lle rezaban algo...". Maroxo (Arzúa). Recollida de Salomé, 74 anos. ASG-SCSA-CD/0022.
Foto: Documental Dorothé na vila


Máis gravacións no Mapa Sonoro de Galicia


Os traballos de transcrición das letras do material recollido son froito da colaboración imprescindible de Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Románica da USC e membro da Real Academia Galega. Finalmente, en 1984, a Fundación Barrié publica o Cancioneiro Popular Galego, obra magna sobre a nosa música. En palabras do musicólogo Padre Calo, “un libro ao que non é aventurado cualificar como a máxima achega xamais intentada cara á conservación e coñecemento do folclore musical de Galicia”.

Cómpre destacar que Dorothé Schubarth introduce parámetros de clasificación musical e metodoloxías de traballo descoñecidos en Galicia ata ese momento e dignifica o papel das e dos informantes, sacándoos do anonimato en que estaban. Por outra banda, o seu material serve para o estudo das variantes dialectais e os usos do galego.

A finais dos anos 90, Dorothé Schubarth deposita no Consello da Cultura Galega as casetes orixinais, os 248 CD coa súa dixitalización e 19 carpetas con transcricións e notas manuscritas. Este material está dispoñible para consultas presenciais nas instalacións do Arquivo Sonoro de Galicia.


Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Recomendamos: