Que é

----

Que é

O Arquivo da Emigración Galega (AEG) é un centro de documentación e investigación sobre o fenómeno da emigración galega dende unha perspectiva multidisciplinar.
Foi creado en 1992 pola Sección de Cultura Galega no Exterior do Consello da Cultura Galega, para ser un lugar de encontro, centro documental e de información para todas aquelas persoas interesadas no estudo do fenómeno migratorio. O Arquivo dende os seus inicios ten como fin prioritario a recuperación documental e gráfica do patrimonio cultural xerado pola colectividade galega asentada fóra de Galicia, para salvagardar e difundir o dito patrimonio, que se pon a disposición tanto do persoal investigador especializado no estudo dos fluxos migratorios, como das persoas interesadas por calquera outro motivo.
Para coñecer a historia do noso país e a nosa realidade é clave difundir e pór en valor os procesos migratorios do noso pobo. O AEG é un centro de documentación, investigación e difusión referencial para promover estudos e investigacións de carácter científico que axuden a un mellor coñecemento dos distintos aspectos relacionados co fenómeno da nosa emigración. Para iso leva a cabo diferentes actividades, como a organización de encontros, xornadas, congresos, exposicións etc. e a publicación de estudos científicos, biografías de persoeiros sobranceiros e obras literarias de escritores e escritoras relacionadas coa emigración e o exilio galego.
A través da sinatura de convenios, o AEG colabora con varias institucións e organizacións tanto do resto de España como doutros países, co mesmo interese de difundir o patrimonio derivado do fenómeno migratorio e a repercusión deste nas súas comunidades.

Obxectivos específicos:

- Recuperar os fondos arquivísticos, gráficos e documentais, conservados nas sociedades de emigrantes, nos arquivos particulares dos protagonistas do proceso migratorio ou en institucións e organismos, para a súa salvagarda e difusión na sociedade galega.
- Crear unha biblioteca especializada en movementos migratorios de carácter rexional, nacional e internacional que estará a disposición dos investigadores e persoas interesadas.
- Difundir os resultados de estudos realizados sobre o fenómeno migratorio a través da publicación de obras de interese científico e divulgativo. A edición da revista Estudos Migratorios (1995-2011) foi unha canle importante para a publicación de numerosos artigos sobre a emigración dos galegos e galegas; xa rematada a súa edición, hoxe pode consultarse na Mediateca do CCG, así como todas as publicacións promovidas dende o AEG.
- Organizar actividades como exposicións, congresos ou xornadas, co fin de crear un espazo de diálogo produtivo coa asistencia de investigadores e persoas interesadas polo fenómeno migratorio dende unha perspectiva interdisciplinar.
- Establecer unha relación fluída de intercambio con centros de documentación e investigación, tanto no ámbito nacional como internacional.
- Proporcionar información a outras institucións sobre a emigración galega.

Recomendamos: