Fondos documentais

----

Fondos documentais

Unha das finalidades do Arquivo da Emigración Galega é a recuperación e salvagarda do patrimonio cultural da emigración galega, centrándose na recompilación da documentación existente, ben no seu soporte orixinal, ben mediante a súa dixitalización. A súa intención é, ademais, constituír un centro ou banco de referencias documentais (gráficas, bibliográficas, estatísticas, sonoras, literarias e artísticas) sobre o fenómeno migratorio nas súas diversas modalidades ao longo das súas distintas etapas, indicando a localización exacta de todos os materiais para axilizar a súa consulta.
Os fondos documentais do AEG clasifícanse en:

Documentación de organismos oficiais españois, como as Fontes Municipais que se conservan nos concellos galegos. Localizamos as fontes que existen practicamente en todos os concellos (censos, padróns, listas de quintas, documentación relacionada con obras financiadas pola emigración etc.). Destaca a recuperación dos chamados "Libros de Emigrantes", nos que aparece o rexistro dos emigrantes dun concello durante un período de tempo e dos que contamos con copia dos libros dos seguintes municipios: Dumbría, Vedra, Brión, Ribeira, Barreiros, Alfoz, Cervo, Lalín e O Carballiño.

• Tamén se pode atopar copia das fichas pertencentes á Delegación Provincial da Coruña da Comisión Católica Española de Migraciones de gran parte dos galegos que emigraron a través deste organismo dende 1957 ata os anos 70.

Documentación de organismos oficiais dos países receptores dos emigrantes galegos, entre as que cómpre destacar a base de datos elaborada polo Centro de Estudios Migratorios Latinoamericanos co rexistro de todos os españois que entraron polo porto de Bos Aires no período desde 1882 até 1928. E contamos coa copia dixital das fichas de emigrantes de varios consulados de España en Brasil (São Paulo, Salvador de Bahia e Santos).

Documentación societaria da diáspora galega. Unha das tarefas prioritarias do AEG é a salvagarda da documentación xerada pola colectividade galega emigrada, tanto de tipo particular como societario. Os galegos e galegas caracterizáronse por manter os lazos como grupo étnico e cultural nas sociedades de acollida. Moi pronto crearon asociacións e centros galegos nos que atopaban axuda e amparo en caso de necesidade, pero tamén a defensa da súa cultura e a posibilidade de reproducir os costumes festivos ante a sociedade de acollida. O funcionamento destas entidades é clave para coñecer a nosa emigración pero tamén, debido á súa forte imbricación coa sociedade nai, para estudar moitos aspectos do desenvolvemento do noso país (político, cultural, económico...).



Un dos principais labores do Arquivo é a recuperación, conservación e custodia da documentación xerada pola nosa emigración. Este fondo documental abarca a maior parte das sociedades galegas creadas na emigración (tanto en América como en Europa e mesmo España). Comprende libros de actas das xuntas directivas, libros de socios, libros de contabilidade, memorias sociais, estatutos, libros de correspondencia e folletos, en diversos formatos (orixinais, dixitalizados ou con copia xerográfica).

Recomendamos: