Martín Sarmiento no Día do Naturalismo Galego

----

Martín Sarmiento no Día do Naturalismo Galego

Este nove de marzo celébrase por primeira vez o Día do Naturalismo Galego. Diferentes entidades apoiaron a conmemoración anual deste día, a coincidir co aniversario do seu nacemento, o 9 de marzo de 1695. É lóxico, pois, que neste ano 2023 sexa o propio Martín Sarmiento o protagonista da celebración. A coincidir coa publicación de todos os volumes da monumental Obra de 660 pliegos de Sarmiento, o CCG quere celebrar o traballo deste pioneiro presentando unha escolma de traballos do frade ao redor da natureza e a botánica.
Martín Sarmiento no Día do Naturalismo Galego
A importancia dos nomes



Durante toda a súa vida, o Padre Sarmiento recolleu minuciosamente o nome dos vexetais, rexistrando as súas variantes e os cambios dos nomes entre os diferentes territorios. Imbuido de espírito científico, a descrición dunha especie era inseparable da súa denominación e identificación precisa. A lingua era fundamental como parte deste proeso. Estes dous documentos teñen gran relevancia para coñecer como a lingua galega definía o contorno natural no século XVIII e que cambiou desde entón.

Sarmiento, Martín: Borrón de varios nombres gallegos de vegetables.
(Arquivo da Fundación Medina Sidonia, Tomo X, fol. 3-25v)



Sarmiento, Martín: Catálogo de voces vulgares y en especial de voces
gallegas de diversos vegetables.
(Arquivo da Fundación Medina Sidonia, Tomo X, fol. 27- 39)




A prosperidade a través da natureza

Martín Sarmiento, como moitos intelectuais do seu tempo, estaba convencido de que a agricultura e a xestión do medio podía ser moi mellorada a través dun preciso coñecemento técnico e científico. Con iso, conseguiríase unha maior prosperidade, riqueza e benestar xeral da poboación. No Proxecto de formar un sistema de botánica e unha historia vexetal, o frade bieito ofrece unha metodoloxía para sistematizar ese coñecemento con utilidades para numerosos oficios, desde labradores, mariñeiros, boticarios, panadeiros, carpinteiros ou cirurxiáns, entre moitos outros. Outro fermoso documento é o Xardín medicinal de pobres, no que Sarmiento ofrece un método para implementar unha horta de baixo custe con prantas beneficiosas para a saúde, destinadas ás capas máis humildes da poboación.

Sarmiento, Martín: Apuntamientos para un Proyecto de formar en España un sistema de Botánica y una Historia de sus vegetables en menos de tres años.
(Arquivo da Fundación Medina Sidonia, Tomo X, fol. 198-207v)



Sarmiento, Martín: Jardín Medicinal de Pobres.
Madrid, 1762. (Arquivo do Mosteiro de Silos, MS.73, fol.13-18)




A sustentabilidade do medio


Como moitos galegos da súa época, Sarmiento estaba preocupado polo sustentabilidade do exercicio da pesca e o impacto humano na poboación de especies como a sardiña ou os atúns. Neste documento esboza para o Duque de Medina Sidonia o impacto das almadrabas na poboación atuneira do Estreito, non sen antes ponderar o esforzo do Duque en ler dez páxinas autógrafas "de esta letra" que se pode ver na imaxe superior.

Sarmiento, Martín: Sobre atunes y almadrabas.
Madrid, 1757. (Fundación Penzol)


Recomendamos: