PERSOAS

----

Álvaro Seivane


Naceu o 29 de xullo de 1952 en Ribeira de Piquín (Lugo). Fillo de Xosé Manuel Seivane Rivas, gaiteiro e artesán, tivo, dende moi novo, contacto co mundo da música tradicional e da artesanía. De mente inqueda e curiosidade innata, Álvaro Seivane simultaneaba a escola con horas de lecer no obradoiro do seu pai, empapándose dos segredos diarios do tratamento das madeiras e o uso das ferramentas. En 1967 matricúlase na rama de automobilismo, especialidade de mecánica, no Instituto Politécnico As Mercedes de Lugo. No ano 1972 trasládase a Barcelona, estuda Mestría Industrial e inicia Enxeñaría. Establécese alí durante catorce anos, traballa no sector industrial (deseño e construción de útiles e prototipos), no que adquire unha experiencia moi valiosa que aplicaría no futuro á artesanía, e compaxina o seu traballo coa construción de gaitas no seu obradoiro creado a imaxe e semellanza do de seu pai. Dende alí abastecerá os centros galegos de Cataluña e Europa. En 1986, decide regresar a Galicia co proxecto de crear xunto co seu pai e irmán o Obradoiro de Gaitas Seivane, o que anima a todos a unirse de novo. En 1994, en contra do proverbial minifundismo galego, toda a experiencia adquirida por cada un deles súmase para formar, en Cambre (A Coruña), o actual Obradoiro de Gaitas Seivane. Así, partindo dun oficio que era practicamente individual e con prazos de entrega moi longos, créase unha empresa familiar pioneira en Galicia, con máis capacidade de produción, coa pretensión de modernizar os tradicionais sistemas construtivos e, sobre todo, de investigar seria e profundamente todos os aspectos relacionados coa gaita, como o estudo de novas tonalidades, o perfeccionamento da afinación e os avances técnicos. As súas inquietudes investigadoras dan como resultado en 2005 a creación do pallón sintético Seipal ou o punteiro de ton regulable Seitor, entre outros achados. Álvaro e a súa familia, sen perder nunca de vista a tradición, modernizan o proceso de fabricación, contribúen á normalización das medidas das gaitas e á estandarización das palletas, o que permite unha optimización do proceso produtivo e unha homoxeneidade tímbrica en todos os seus instrumentos. Actualmente, o Obradoiro de Gaitas Seivane é a primeira empresa galega na produción, comercialización e exportación de gaitas e estímase que entre un 85 e un 90 por cento das gaitas galegas modernas que circulan e soan por todo o mundo son produto directa ou indirectamente da “Escola Seivane”, en canto que foron construídas tomando como base os resultados empíricos do obradoiro ao longo da súa historia. O obradoiro, dirixido actualmente por Álvaro e Xosé Seivane, vende gaitas a todo o mundo. A súa páxina web www.seivane.es foi pioneira e segue a ser un referente, acadou o Premio Innova do Ministerio de Industria no ano 2006. Álvaro Seivane participou activamente en todos os movementos que levaron a mellorar a gaita e levala ao alto nivel de consideración de hoxe en día. Álvaro, na compañía da súa familia, conseguiu facer do apelido Seivane un sinónimo de calidade e esmero. Como parte do Obradoiro de Gaitas Seivane, recibiu diferentes premios e recoñecementos ao seu labor e influencia no eido da gaita galega. Cabe destacar en 2013 o Premio Nacional de Artesanía ao obradoiro pola súa traxectoria, e a Medalla Castelao outorgada pola Xunta de Galicia no ano 2014.