PERSOAS

----

Manuel Núñez Singala

1963 Lugo
É licenciado en Filoloxía Hispánica, subsección de Galego-Portugués, pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, e desde o ano 1988, é director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. Con anterioridade foi bolseiro do Instituto da Lingua Galega, bolseiro na Unidade de Tradución do Parlamento de Galicia e traballou como tradutor do Diario Oficial de Galicia na Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia, onde foi funcionario interino do grupo A. Foi coordinador da Comisión Técnica de Linguaxes de Especialidade do Consello da Cultura Galega. É membro do Comité directivo de Realiter (Rede Panlatina de Terminoloxía), unha entidade internacional á que están adheridas máis de cen institucións e organismos de corenta países, e da Comisión Central de Avaliación dos Certificados de Lingua Galega (CELGA). É coautor das seguintes obras: Vocabulario do Medio Físico, Xunta de Galicia, 1988; O galego e a información, Editorial Lea, 1996; O idioma na Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Santiago, 1998; Niveis de competencia en lingua galega, Centro Ramón Piñeiro-Xunta de Galicia, 2006; Lingua e futuro, Edicións Laiovento, 2009; A avaliación da competencia do alumnado de 4º da ESO nos idiomas galego e castelán, ICE-Universidade de Santiago de Compostela, 2010. Foi tamén coordinador das seguintes publicacións: Mellorando os Servicios (2 volumes), Universidade de Santiago de Compostela, 1997; Curso de lingua galega para non galegofalantes, Xunta de Galicia-Everest, 2000. Así como autor de artigos en revistas especializadas, e de comunicacións e relatorios en numerosos congresos e xornadas, nacionais e internacionais. No terreo da creación literaria ten publicadas as seguintes obras individuais: O achado do castro, Sotelo Blanco Edicións, 1991 (teatro); Mar de fondo, Editorial Galaxia, 1997 (narrativa); Comedia bífida, Editorial Galaxia, 2007 (teatro); En galego, por que non, Editorial Galaxia, 2009 (ensaio); Planificación estratéxica, Edicións Laiovento, 2009 (teatro); Menú de enganos, Editorial Galaxia, 2010 (narrativa); Instrucións para tomar café, Editorial Galaxia, 2014 (narrativa).