PERSOAS

----

Marcos Lorenzo

1970 A Coruña
Licenciado en Ciencias Económicas pola USC e diploma de estudos avanzados en Antropoloxía Social, con estadías de investigación en Colombia (EAFIT, Medellín) e Portugal (ISCT-IUL, Lisboa). Ten formación complementaria de posgrao en xestión cultural (UOC), cooperación internacional (USC) e urbanismo (EGAP). Na actualidade é consultor independente e asesor da Cidade da Cultura de Galicia, onde recentemente dirixiu o I Encontro Internacional de Economía e Cultura, así como, entre outras actividades, o ciclo de cultura contemporánea NEXOS. Ao longo da súa traxectoria profesional foi responsable da política cultural do Concello de Ferrol, director da empresa de xestión cultural e-Burbulla S.A., xerente da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia, coordinador de proxectos europeos na Fundación Galicia Emigración e fundador da empresa social Cidadanía S. Coop. Galega. Autor de diversas investigacións e ensaios, imparte docencia en materias relacionadas coa xestión de proxectos, a creatividade, a participación cidadá e o desenvolvemento territorial. No pasado ano 2014 promoveu o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural da USC, do que é profesor e titor. A súa última publicación é o estudo Cooperativismo e cultura: unha alianza necesaria (Xunta de Galicia, 2015). Exerceu cargos de responsabilidade no ámbito social, como presidente da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado EIXO e membro titular do Consello Galego de Cooperativas. Tamén é, desde 2011, patrón da Fundación Premios da Crítica Galicia. En 2004 recibiu o galardón Pueblo Nuevo ao mellor programa de integración de inmigrantes de España polo I Programa Español de Codesenvolvemento e, en 2012, o Premio Diario de Ferrol á mellor iniciativa cultural da cidade pola Semana de Poesía Salvaxe.