Raúl Soutelo

----

Raúl Soutelo

1968 Amoeiro
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Raúl Soutelo

1968- Amoeiro

Doutor en Historia con premio extraordinario pola Universidade de Vigo (2012) coa tese titulada “Emigración, cambio social e politización na Galicia rural: 1880-1960. Unha perspectiva local e microsocial”, que dirixiron os catedráticos Jesús de Juana López (UVigo) e Xosé M. Núñez Seixas (USC).


Exerce como profesor de Xeografía e Historia no IES Campo de San Alberto de Noia e como profesor asociado de Didáctica das Ciencias Sociais na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Forma parte da comisión técnica do Arquivo da Emigración Galega (Consello da Cultura Galega) e do grupo HISPONA, que dirixe o profesor Núñez Seixas (USC). Ten publicados varios libros e artigos académicos sobre historia social de Galicia na época contemporánea: Galicia nos tempos de medo e fame. Autarquía e mercado negro no primeiro Franquismo, 1936-1959 (IDEGA da USC, 2000); As cartas do destino. Unha familia galega entre dous mundos, 1919-1971 (Galaxia, Vigo, 2004, Premio Manuel Murguía de Ensaio Histórico da Deputación da Coruña, en coautoría con Xosé M. Núñez Seixas); Labregas, emigradas, estraperlistas e represaliadas. Experiencias de vida e lembranzas de mulleres na Galicia rural (IX Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, 2005); Emigración de retorno e dinámicas sociopolíticas locais na Galicia rural: unha microanálise dende Valga, 1890-1950 (Premio Xesús Ferro Couselo de Investigación Local do Concello de Valga, 2007); As migracións nas sociedades contemporáneas: os desafíos na Galicia actual (Sotelo Blanco-Xunta de Galicia, 2008, coordinador xunto con Xosé Manuel Cid Fernández e Xoán Carlos Domínguez Alberte).


As súas achegas máis recentes ás temáticas migratorias son: Emigración negocios e política na Galicia rural: Coles, 1880-1950 (Deputación de Ourense, 2013) e Emprendedores rexos en tempos duros. A integración dos galegos en Venezuela e no Brasil durante o século XX (en coautoría con Mª Xosé Vázquez Lojo, Deputación de Ourense, 2015). Ten no prelo os libros titulados Salceda nos tempos da emigración a América (Deputación de Pontevedra, 2017, en coautoría con Mª Xosé Vázquez Lojo) e Entre Ourense e América. A emigración nos proxectos de vida de diferentes tipos de familias na Galicia rural: 1880-1960 (Deputación de Ourense, 2017). Recentemente publicou o ensaio O Son que coñeceu Ramón Caamaño. Xentes e espazos dentro e fóra do marco fotográfico (Premio Murguía de Ensaio, 2017, en coautoría con X. M. Vázquez Lijó).

Publicacións nas que participou Raúl Soutelo

Portada de As  Irmandades da Fala no seu tempo
LIBRO. ACTAS

As Irmandades da Fala no seu tempo

: perspectivas cruzadas
Portada de  Amarras de tinta
LIBRO. ACTAS

Amarras de tinta

Emigración transoceánica e escrita popular na Península Ibérica: séculos XIX-XX
Portada de  De América para a casa
LIBRO

De América para a casa

Correspondencia familiar de emigrantes galegos no Brasil, Venezuela e Uruguai (1916-1969)