Biografía de Rafael Dieste
1899- Rianxo | 1981 Santiago de CompostelaEscritor republicano e galeguista exiliado Rafael Dieste inclinouse desde moi novo polo engado da literatura e filosofía. Educado nos valores da cultura republicana comezou a despuntar axiña como escritor desexo renovar o sistema literario galego. Andando os anos trinta do século XX integrouse na cultura española ao ingresar nas Misións Pedagóxicas. Pasou a guerra civil nas trincheiras das milicias republicanas colaborando coa Alianza de Intelectuais Antifascistas. Logo dela comezou un longo exilio repartido entre Bos Aires, Cambridge e Monterrei, que durou ata 1961. Malia todos os inconvenientes, foi creando unha importante e sólida obra literaria, estruturada arredor da ética e da solidariedade humana, tanto en narrativa como en teatro, ensaio e poesía.
Neno nunha casa de adultos -o menor de sete irmáns ao que o maior lle levaba 23 anos- e de nai uruguaia, Rafael Dieste naceu en 1899 en Rianxo, a vila mariñeira na que tamén naceron Castelao e Manuel Antonio. Rematados os primeiros estudos en Rianxo matricúlase por libre en Maxisterio.
En 1917, tal vez debido a esa arela familiar de convivir coas dúas beiras do Atlántico, Rafael viaxa a Tampico (México) coa idea de vivir a emigración e axudar ao seu irmán Antonio no seu negocio, pero regresa a Galicia en menos dun ano pagándose a pasaxe co importe dun premio literario, convocado polo Casino Español de Zampico. De regreso reanuda os cursos de maxisterio, publica os seus primeiros contos na revista Galicia Nueva de Vilagarcía e na compostelá Cuentos Nuevos. En 1921 comeza en Santiago o servizo militar, pero a raíz do desastre de Annual destacaron o seu rexemento a África para participar na guerra colonial nas montañas do Rif.
Tampouco esta vez lle fixo caso a Manuel Antonio, que pleno de simpatía por Abd-el-Krim, o instaba a desertar, e dedicou os ratos libres a editar con Xosé Mª Brea Segade e Xesús Romero Suárez unha revista mecanografada en galego titulada Charamuscas.
Coa cartilla de licenza militar na man decide forxarse como escritor na cotidianidade xornalística. Así, en 1923 comeza a colaborar en Faro de Vigo, Galicia e El Pueblo Gallego e foi secretario da Asociación da Prensa de Vigo. Son os seus uns artigos de gran calidade a través dos que se expresa estética e ideoloxicamente como republicano e galeguista. Con algúns dos contos que viran a primeira luz nestes diarios, en 1926, pagándoa do seu peto sae a edición de Os arquivos do trasno, o mesmo ano no que saen Cousas de Castelao. En 1927, coa lectura de A Fiestra valdeira ingresa no Seminario de Estudos Galegos, participa na Festa da Prosa Galega, tamén do SEG, e publica A Fiestra Valdeira, considerada unha obra mestra no seu xénero. A primeira representación da Fiestra tivo lugar en Rianxo o 15 de decembro de 1935, nunha función dirixida polo propio autor e interpretada polo grupo teatral de mariñeiros, amas de casa e estudantes que alí funcionaba.
En 1930 decide marchar a Madrid para relacionarse cos cenáculos literarios, pero a súa plena integración na cultura española produciuse en 1932 ao ingresar nas Misións Pedagóxicas, inspiradas no pensamento educativo da Institución Libre de Enseñanza. Rafael era xefe de equipo das Misións e creou e dirixiu o Teatro Guiñol para o que escribiu e improvisou numerosas farsas. En Galicia celebrouse a misión máis longa, desde agosto a decembro de 1933, e en Malpica fixo Dieste a primeira actuación cos monicreques. En recompensa polo seu traballo nas Misións, a Junta de Ampliación de Estudios concedeulle unha bolsa de viaxe que fixo por Francia, Bélxica, Holanda e Italia para analizar as correntes teatrais máis novidosas.
O compromiso republicano do matrimonio Dieste-Muñoz perdurou durante toda a guerra civil a través do labor cultural realizado na zona republicana. Ao inicio mesmo da contenda subscribiron o manifesto fundacional da Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura e o chamamento “aos intelectuais do mundo enteiro pola vitoria total do pobo”, dirixiu o Teatro Español e desenvolveu un papel xornalístico de primeira orde en El Mono Azul, El Buque Rojo, Hora de España e Nova Galiza. E xa entre Valencia e Barcelona Hora de España. Instalado en Barcelona en 1937, Dieste recibe o encargo de Castelao de dirixir Nova Galiza, revista na que firmou por primeira vez co pseudónimo Félix Muriel e que contén practicamente toda a súa obra bélica en galego. En 1939 ingresou na segunda liña do Exército do Leste como comisario e elaborou a folla para soldados El Combatiente del Este. Desmoronada a resistencia tivo que refuxiarse en Francia e iniciar a viaxe do exilio que, como un “columpio incesante”, os levou a Bos Aires, Londres, Cambridge, Monterrei e novamente Bos Aires.
En febreiro de 1939 Rafael Dieste, entre unha tormenta de vento, cruza a pé os Perineos nevados e foi recluído no campo de concentración de Saint-Cyprien. Pouco despois, embarca coa súa esposa no porto holandés de Rotterdam rumbo a Montevideo. En xullo inician a etapa arxentina do seu exilio. En Bos Aires os Dieste traballaron na editorial Atlántida e fixan o café Tortoni como lugar de reunión cos amigos, exiliados galegos na súa maioría, onde poñen en marcha proxectos culturais e editoriais moi importantes. Rafael, que por esta época escribía case exclusivamente en lingua española, colaborou con narrativa breve ou ensaio nas revistas, tanto galegas (De mar a mar, Correo Literario, Galicia, Resol), coma extragalegas (El Pensamiento Español, Argentina Libre, Alfar.
En 1948 os Dieste emprenden unha viaxe pola Europa asolada trala Segunda Guerra Mundial co encargo de facer un informe sobre a arte europea para o goberno uruguaio, pero entrementres aceptou o ofrecemento de desempeñar o lectorado de español na Universidade de Cambridge (1949-1952), onde pasou moitas horas escudriñando na biblioteca en busca de orientación nas súas investigacións xeométricas. En 1952 abandonan Inglaterra e instálase en Monterrei como profesor de Lingua e Literatura españolas. Dous anos máis tarde retornan a Bos Aires e reintégrase ao seu traballo na editorial Atlántida, participa na fundación da Agrupación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA) e nas inquedanzas e proxectos que arredor de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo desembocan na creación do Laboratorio de Formas de Galicia. Pero cada vez con máis ansiedade, pola súa cabeza rola a angueira de retornar a Galicia. O cónsul Marcelo Fraga Iribarne xestionoulles o pasaporte e o 21 de agosto de 1961, tras máis de 20 anos itinerantes, desembarcan no porto de Vigo. O “columpio incesante” do exilio quedaba compensado pola satisfacción do regreso a Itaca, pero as miserias da vida cultural e política da Galicia daqueles anos ensimesmou máis aínda a Dieste e mantívose dignamente distante, fiel a si mesmo e ao seu sentido ético da vida. Unha das poucas concesión que fixo foi o ingreso como numerario da Real Academia Galega cun discurso sobre A vontade de estilo na fala popular (1971). Rafael Dieste morreu o 11 de outubro de 1981 e en 1995 a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.
Publicacións nas que participou Rafael Dieste
LIBRO. FACSíMILE
Charamuscas, 1923
Unha revista galega na Guerra de África: estudios e transcriciónPublicacións periódicas
Aviso Listado automático de documentación relacionada con nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Miliciano Gallego, El (1936-1937) .
Órgano del Cuarto Batallón de la Primera Brigada Mixta de Líster
Galicia Libre (1937-) .
Semanario popular informativo
Nova Galiza (1937-1938) .
Boletín quincenal dos escritores antifeixistas
Aquí…Galicia! (1960-) .
Órgano de la Peña Cultural Gallega "Rosalía de Castro"
Artigos
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (12/1934) Orientacións. Necesidade dun teatro galego. Galicia [Bs As 1930]. 2ª (396), 2.
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (1/1935) Proeles. Tres xeneracións literarias. Galicia [Bs As 1930]. 2ª (397), 3.
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (7/1954) Rafael Dieste. Galicia Emigrante. (2), 5, .
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (2/1963) Noticiario Gallego. Galicia [Bs As 1926]. (529), 15 .
MAGARIñOS, A. (1/1977) Prensa galega (1931-1936) : "Resol" e "Ser". Teima. (6), 30-31.
Ver artigo
MONTERO SANTALHA, J. (5/1977) Os 80 anos de Rodrigues Lapa. Teima. (24), 30-31.
Ver artigo
(7/1977) Escolma Teima. Teima. (31), 33.
Ver recensión
CATOIRA, M. (8/1977) Narrativa : A teoría corpuscular. Teima. (35), 31.
Ver recensión
GARCíA, X. (2/1979) O caro portugués: Resposta á Tribuna nº 41, «Galego e/ou portugués». Nosa Terra, A. (48), 12.
Ver carta Fonte da dixitalización: Fundación A Nosa Terra;