Biografía de Aquilino Iglesia Alvariño
1909- Abadín | 1961 Seivane de Vilarente (Abadín)Poeta culto, de corte clásico, influenciado polo saudosismo e as vangardas
Naceu no seo dunha familia labrega, o 12 de xuño de 1909, no pequeno lugar da Pedrosa, na parroquia de Seivane de Vilarente, non moi lonxe de Abadín. Estudou as primeiras letras na escola da Graña, preto da súa casa, e con catorce anos ingresou no seminario de Santa Catalina, en Mondoñedo, onde nos seguintes oito anos realizaría os nove cursos que lle permitiron recibir ordes menores.
Con apenas dezaseis anos publicou os primeiros versos, e a partir de 1926 colabora asiduamente en diversas publicacións periódicas como el Heraldo de Vilalba, Vallibria ou Vida Gallega. En Mondoñedo, onde recibe unha sólida formación, traba amizade cos mozos Álvaro Cunqueiro e Xosé María Díaz Castro, e asiste aos faladoiros que organiza Manuel Ledo Bermúdez, o Pallarego, aos que tamén acoden Trapero Pardo, Díaz Jácome e Lence-Santar. En 1927 asume a praza de profesor da escola da Graña de Vilarente, onde o noso poeta estudara sendo neno, e coñece a outra das grandes voces poéticas de Mondoñedo, Antonio Noriega Varela. A amizade e o trato fraternal co poeta da Montaña levarán a Iglesia Alvariño á casa de Ramón Otero Pedrayo, en Trasalba, onde Noriega exercera como mestre antes de instalarse na Graña.
Lector impenitente, con vinte e un anos publica o seu primeiro poemario, Señardá (1930), influenciado polo saudosismo portugués e a obra de Noriega Varela, custeado por Ledo Bermúdez e distribuído por Álvaro Cunqueiro. Reúne unha colección de cincuenta sonetos formalmente moi coidados nos que se transmite certa visión pesimista da vida.
En 1931 Aquilino deixa o seminario para facer o servizo militar en Ferrol. Alí cadra co mozo Ricardo Carballo Calero, que o convence para que pronuncie unha conferencia no Centro Obreiro de Cultura. O texto, titulado «Noriega Varela, poeta da Montaña», publicouse no número 110 da revista Nós. Antes Iglesia Alvariño publicara os poemas «No berce negro da noite» (15-III-1931), «In angore gaudium…» (25-VII-1931), «Meu corazón…» (15-III-1932), «Corazón ó vento» (15-IX-1932). Despois, asinará os versos «Poema» (13-IX-1933), «Cando teña 300 anos de alén» (13-I-1934), «Estuario interior» (X-1934) e «Na outa terra de estrelas» (VII-XII-1935); e as recensións sobre dous poemarios: O silenzo axionllado de Carballo Calero (X-1934) e Triángulo isósceles de Francisco de Fientosa (I-1935).
Rematado o servizo militar en 1933, e decidido a abandonar o seminario, instálase en Santiago de Compostela onde comeza traballando para Ánxel Casal como corrector da editorial Nós. Pouco despois, en setembro do 32, acepta a dirección de A Nosa Terra, xornal no que el mesmo colabora. Nestes anos ingresa no Partido Galeguista e na Federación de Mocedades Galeguistas. Como galeguista de corte cultural, na III Asemblea do Partido oponse ao pacto coas forzas políticas españolas e a partir do ano seguinte mantense dentro do PG defendendo posturas semellantes ás de Otero Pedrayo.
En xuño de 1933 deixa a dirección de A Nosa Terra e acepta, grazas á mediación do seu amigo Francisco Fernández del Riego, un posto no colexio León XIII de Vilagarcía de Arousa, propiedade doutro membro do PG, Xosé Núñez Búa. O mozo, que acababa de publicar o seu segundo libro de poemas, Corazón ao vento (1933), afronta con entusiasmo as clases de Latín e Literatura Española nas que substitúe outro vello amigo seu, Xosé Crecente Vega. Este entusiasmo nótase tamén na súa poesía, menos desesperanzada e máis vitalista.
Acabado de chegar a Vilagarcía, participa activamente na vida cultural da vila e publica Nenia. Elexías verdadeiras de Antón Villar Ponte, Manuel Antonio, Luís Amado Carballo e un pequeno caderno con traducións dos seus alumnos do colexio, La canción del siglo. Residirá nesta vila do Salnés durante case quince anos, alí casará e alí nacerán os seus tres fillos. Alí vive tamén o inicio da Guerra Civil e, tras o exilio de Núñez Búa, merca o colexio León XIII xunto a Jesús Garrido, antigo secretario do PG vilagarcián.
Nos difíciles anos da posguerra o colexio sérvelle a Iglesia Alvariño para ofrecer un posto de traballo a algúns dos seus coñecidos antes da guerra, moitos deles represaliados e, a maioría, simpatizantes do ideario galeguista. Referímonos, por exemplo, a Xosé M.ª Díaz Castro, Celestino Noya, presidente da Deputación de Lugo en 1936, e mesmo a Francisco Lamas, alcalde republicano de Lugo, amigo persoal de Lorca, que tras ser liberado do terrible cárcere de San Cristóbal de Pamplona se instala en Vilagarcía.
Fóra das aulas o poeta participa en faladoiros cos seus amigos, entre os que figuran o enxeñeiro inglés Charles Lessner, afillado de Marx, Mariví Villaverde e Ramón de Valenzuela, o pintor Pesqueira e Severino González Lazán, propietario dunha pequena libraría en Vilagarcía, a Celta. Na trastenda deste lugar e aproveitando talvez as vellas máquinas do xornal agrarista Galicia Nueva, que ocupara aquel mesmo local antes da guerra, imprimiuse en 1947 Cómaros verdes, o primeiro poemario galego relevante tras o violento silencio imposto pola Guerra Civil.
En xaneiro de 1949, tras aprobar as oposicións que o convertían en catedrático de Latín, Aquilino abandona Vilagarcía de Arousa. Instálase durante uns meses en Lugo e moi pouco despois en Pontevedra, onde residirá ata 1954. Alí colabora con Celso Emilio Ferreiro na posta en marcha da colección Benito Soto. Hoxe sabemos que foi el quen se ocupou da publicación de catro dos volumes: o de Cunqueiro, amigo da infancia, o de Carballo, amigo desde os tempos do servizo militar, o de Manuel María a quen coñece en Lugo cando este aínda é estudante, e o de Luis Pimentel a quen tamén trata en Lugo. O traballo destes anos confirma a Iglesia Alvariño como un dos autores que máis traballou a prol da recuperación da nosa lingua tras o alzamento militar do 36.
O 16 de abril de 1949 ingresa na RAG con «A lingua dos poetas de Lugo», un discurso que responde Otero Pedrayo. Ese mesmo ano preséntase ao concurso de tradución que organiza Bibliófilos Gallegos cunha tradución dos Carmina de Horacio. Gañan o certame Celestino de la Vega e Ramón Piñeiro coa tradución do Cancioeiro da poesía céltica de Julius Pokorny, o que provoca malestar no poeta de Seivane, que entende que non foi unha tradución directa, como pedían as bases, senón que Celestino traducira do alemán ao castelán e Piñeiro do castelán ao galego.
Instalado en Compostela, inicia un período de moito traballo e intenso estudo. Mentres prepara a súa tese de doutoramento, colabora co Instituto Padre Sarmiento e segue elaborando e ordenando as papeletas dun dicionario ao que leva dedicados moitos anos. En 1960, publica De día a día (1960) e un ano despois, Lanza de soledá. Ademais, en 1961, aparecen na editorial Galaxia, o poemario Nenias (1961) e A comedia da oliña, unha tradución da coñecida obra de Plauto.
Aquilino Iglesia Alvariño morreu repentinamente o 29 de xullo de 1961.
Obra
Poesía
Señardá (1930)
Corazón ao vento (1933)
Contra el ángel y la noche (1941)
Cómaros verdes (1947)
De día a día (1960)
Nenias (1961)
Lanza de soledá (1961)
Leva o seu cantare (1964)
Traducións
Horacio, Carmina (1951)
Plauto, A comedia da oliña (1962)
Ensaios
cite>Noriega Varela, poeta da montaña (1969)
A lengua dos poetas do Norte de Lugo (1964)
Bibliografía
Arias Chachero, Patricia (2019): «A aventura de editar na posguerra e dalgunhas relacións de Aquilino Iglesia Alvariño cos homes da Benito Soto», Boletín da Real Academia Galega. A Coruña, nº 380, pp. 261-276.
Iglesia Alvariño, Aquilino (2011): Poemas castellanos 1936-1937; Lejana voz; Otros poemas. Seivane (Abadín): A Pedrosa. (Ed. non venal co gallo do cincoentenario do finamento do autor e en homenaxe á súa muller, Dolores Ferreirós Santos).
Rodríguez, Luciano (2009): O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
Publicacións nas que participou Aquilino Iglesia Alvariño
«Da fonte máis fonda»
Historia do vocabulario e outros escritos sobre o idioma galegoOfrenda lírica á nena Silvia Santiago Conde no día da súa Primeira Comuñón
7 de setembro, 1960Publicacións periódicas
Opinión Gallega (1945-) .
Artigos
IGLESIA ALVARIñO, A. (6/1944) Cando teña 300 anos de Alén. Acción Gallega. 2ª (12), 8.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
IGLESIA ALVARIñO, A. (7/1944) Era o Solpor. Acción Gallega. 2ª (17), 3.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
IGLESIA ALVARIñO, A. (7/1944) Tres estampas. Acción Gallega. 2ª (17), 16.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (7/1949) Galicia cada treinta días. Galicia [Bs As 1926]. (436), 14 .
(1/1958) Balance cultural gallego de 1957. Voz de Breogán, La. 1ª (2), 6.
Ver noticia Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1959) Un diccionario gallego. Galicia [Bs As 1926]. (506), 15.
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1960) Guía de escritores lucenses. Galicia [Bs As 1926]. (512), 17 .
MAGARIñOS, A. (1/1977) Prensa galega (1931-1936) : "Resol" e "Ser". Teima. (6), 30-31.
Ver artigo