Francisco Bellot Rodríguez

----

Francisco Bellot Rodríguez

1911 Madrid | 1983 Madrid
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Francisco Bellot Rodríguez

1911- Madrid | 1983 Madrid
O introdutor da socioloxía vexetal en Galicia Primeiros anos

Fillo dun farmacéutico que tiña botica na rúa Hortaleza e, posteriormente, un pequeno laboratorio no arrabalde de Usera, pasou a súa nenez na capital española e estudou o bacharelato no Instituto de San Isidro. En 1931 comezou a carreira de Ciencias pero por problemas económicos da familia tivo que reorientar os seus estudos cara á de Farmacia, que rematou na Universidade Complutense en 1933. A súa temperán afección pola botánica, que cultivou inicialmente de mans do seu pai, orientouno cara a cátedra do profesor Cuatrecasas, quen o nomeou en 1934 profesor auxiliar da Facultade de Farmacia.

A Guerra Civil pasouna no bando republicano co Exercito de Levante, no Hospital de Cañizar (Cuenca), en diferentes farmacias militares e, finalmente, no Parque de Medicamentos. Rematada a guerra foi recluído no campo de concentración da Praza de Touros de Valencia, de onde saíu grazas ao apoio de dúas influentes familias valencianas de tradición farmacéutica e botánica: os Salvador e os Gamir. Despois do correspondente expediente de depuración foi rehabilitado como auxiliar temporal da cátedra de Botánica descritiva na Facultade de Farmacia. En 1941 leu a tese de doutoramento e foi nomeado profesor adxunto e, posteriormente, en 1943, obtivo por oposición as cátedras de Botánica Descritiva das Facultades de Farmacia de Santiago e Granada, elixindo a primeira delas. Nestes primeiros anos publicou traballos de taxonomía vexetal e flora, como os que realizou xunto con Salvador Rivas sobre a flora da provincia de Madrid. Tamén amosou xa o seu interese pola historia da botánica española, coas biografías de Gómez Ortega e Carles Pau.

Catedrático en Santiago

Os seus primeiros traballos foron os de consolidación do Xardín Botánico da Facultade de Farmacia, do que foi nomeado director en 1945, así como o de rematar os estudos iniciados en Madrid. As súas primeiras publicacións sobre botánica galega, en 1945, foron “Contribución a la flora gallega” e “Primeros resultados del análisis polínico de las turberas gallegas” (coa colaboración de Ernesto Viéitez). Seguindo a liña clásica de estudos florísticos publicaría os traballos relativos a “Mantissa stirpium gallaeciae” (1950), “Anotaciones a la flora criptogámica gallega” (1951) e “Ophrys atrata Lindl. en Galicia” (1951), incluídos nos Trabajos del Jardín Botánico de Santiago, revista que viña de fundar Bellot ao abeiro da Universidade compostelá no ano 1950. Como compendio dos traballos que levaba realizando de actualización da flora galega publicou tamén nos Anales del Jardín Botánico de Madrid:”Sinopsis de la vegetación de Galicia” (1950) e “Adiciones a la flora gallega” (1951).

Bellot tiña coñecementos sobre a socioloxía vexetal desde os comezos da súa formación botánica antes da guerra, pois seguira os cursos de xeobotánica de Caballero, como el mesmo sinala,: «Nosotros, primeramente seguimos a Huget del Villar, influídos por Caballero» pero despois da guerra «ya en la Universidad de Santiago, al leer a Braun-Blanquet en su obra Plant Sociology nos dimos cuenta de la ventaja de su método» e «convencimos a Rivas Goday para que en sus trabajos utilizase la técnica fitosociológica» (Bellot, 1976). Nesta conversión cara a fitosocioloxía da escola de Montpellier (SIGMATA) semella que tivo tamén un papel decisivo a visita que Braun-Blanquet realizou a Santiago no seu paso cara a Portugal (na primavera dos anos 1948 e 1949): «Nosotros en Galicia, después de conocer a Braun-Blanquet en su paso por Santiago, camino de Portugal, decidimos seguir su metodología en el estudio de Galicia». Segundo Izco (1981), Bellot, o mesmo que Rivas, tiveron unha primeira etapa, de 1941 a 1946, na que os coñecementos fitosociolóxicos os baseaban na sistemática do español Huguet del Villar, e foi a partir dese primeiro lustro cando cambiaron «definitivamente de rumbo hacia el método fitosociológico sigmatista». En calquera caso, o primeiro traballo publicado en Galicia de fitosocioloxía coa nova sistemática de Braun-Blanquet foi o realizado por Bellot sobre “Las comunidades de Pinus Pinaster Sol en el occidente de Galicia” (1949), que saíu nos Anales de Edafología y Fisiología Vegetal.

Os estudos sobre flora e vexetación galega continuaron con diferentes notas e adicións á flora galega, que supoñían a primeira achega importante e nova neste campo despois dos traballos fundamentais do Padre Merino. Bellot foi o impulsor dos estudos de xeografía botánica galega, primeiro con unha serie de estudos monográficos sobre a vexetación de Santiago (1956) e Betanzos (1956) que tiñan a novidade de ir acompañados do correspondente estudo dos solos da zona, realizado por Muñoz Taboadela, e despois por estudos exclusivos de vexetación, como os de Caldas (1963). Neste mesma liña foi moi importante a realización dos mapas agrobiolóxicos de Galicia, incluídos nun programa que abranguía toda España, promovido polo CSIC, e financiado polo Banco de España. Os estudos de vexetación das catro provincias galegas supuxeron a oportunidade de aplicar en Galicia por primeira vez técnicas con sensores remotos (fotografía aérea) e a posibilidade de que se realizara, tamén por primeira vez, a cartografía botánica de Galicia (a escala 1.200.000). Publicáronse os mapas de A Coruña (1967) e Pontevedra (1986) e ficaron inéditos os de Ourense e Lugo.

Foron tamén moi importantes, polo carácter aplicado que tiñan, os estudos sobre a vexetación dos prados galegos promovidos pola empresa Nestle nos anos cincuenta nun programa de estudo da mellora da produtividade pratense de Galicia. Pero, sobre todo, tivo especial transcendencia o estudo promovido en 1958 pola Fundación Martín Escudero a partir dun concurso público sobre “A mellora da alimentación do gando vacún e incremento da produción de pastos e forraxes de Galicia”. Neste traballo, realizado en colaboración con Ernesto Viéitez, propoñían as mellores mesturas e tratamentos para a implantación de praderías artificiais. Así mesmo, na cartilla editada en 1963 figura un catálogo das boas e malas herbas dos prados galegos. Os seus últimos traballos de investigación aplicada estiveron dedicados á transformación dos brezais en pastos, como o que publicou na homenaxe que a Revista de Economía de Galicia lle fixo a Gallástegui: “Los brezales gallegos. Su transformación en pastizales” (1962). Finalmente, publicou, con outros autores, o Estudio Agrobiológico de la Provincia de La Coruña (1967), no que é responsable directo dos estudos de clima e vexetación.

Esta preocupación de Bellot pola investigación aplicada ficou recollida en diferentes escritos e conferencias, do que foi un exemplo pioneiro o realizado en colaboración con Muñoz Taboadela sobre “La Universidad y el Campo” para o Congreso Económico Sindical de Lugo (1955).

Desde un punto de vista didáctico e de divulgación publicou unhas claves para a determinación de criptógamas (Criptogamita elemental: claves para la determinación de las criptógamas, A Coruña, 1949) e unha cartilla sobre Plantas medicinales de Galicia (Lugo, 1952). No relativo a historia da botánica, dedicou o discurso de apertura do curso 1956-57 a Pourret, Colmeiro, Planellas y Antonio Casares Gil: la escuela botánica compostelana. Así mesmo, colaborou, con artigos de moi variado espectro, na prensa galega.

A formación do seu equipo de colaboradores comezou en 1949, coa entrada de Bartolomé Casaseca Mena como profesor axudante, seguida da de Ramón Álvarez (1954) e Mª Cruz Mato (1957). Creou a Sección de Santiago do Instituto de Botánica do CSIC “Antonio José Cabanilles” e concedéronlle varias bolsas para realizar viaxes de estudo en Inglaterra, Portugal e Francia. Foi nomeado académico correspondente da Real Academia de Farmacia e da Real Academia Galega (1970) e recibiu diferentes premios científicos, algúns moi singulares dentro do ámbito galego, como o “Alfredo Brañas” da Casa de Galicia de Bos Aires (1957).

Catedrático en Madrid

No ano 1964 ganou por concurso a Cátedra de Fitografía e Xeografía Botánica da Universidade Complutense de Madrid. Ese mesmo ano foi nomeado director do Real Xardín Botánico e Conselleiro de Número do CSIC, e en 1967, numerario da Real Academia de Farmacia. En 1974, cesou a petición propia como director do Botánico por discrepancias coas política de reestruturación deste organismo, maiormente co intento de instalar nel o Museo de Goya. Así mesmo, dimitiu e devolveu as medallas como conselleiro do CSIC e numerario da RAF. A partir deste momento, segundo Castroviejo (1983), «su conducta cambia bruscamente y, si antes había obtenido distinciones y cargos oficiales, a partir de entonces adopta una actitud beligerante contra los representantes de la ciencia oficial… lo que le acarrea un paulatino aislamiento, que sería ya total con su jubilación».

De todas maneiras, o traslado a capital non supuxo o esquecemento da botánica galega, pois en 1966 publicou seu compendio sobre “La vegetación de Galicia”, traballo importante e fundamental do que Izco et al. (1999) sinalan que «ha sido de referencia inexcusable para el estudio de la vegetación del territorio, no solo para los especialistas en este campo sino, lo que es más importante, ha sido fuente constante para geógrafos, sociólogos, zoólogos y otros especialistas cuando han tenido que hacer mención a la vegetación como apoyo a sus trabajos». Así mesmo, publicou sobre a Phragmitetea en Galicia (1964), notas sobre a vexetación galega (1968), sobre a vexetación de Cuntis (1974), sobre o bosque caducifolio galego (1979) e sobre fitoterapia supersticiosa en Galicia (1980).

Ademais, realizou estudos botánicos sobre outras zonas españolas, como os da provincia de Salamanca (1966), da Alcarria (1979) , Cantabria (1979) e Cuenca (1982). En 1978 publicou o libro El tapiz vegetal de la Península Ibérica. Non decaeu seu interese pola historia da botánica e da farmacia, temas sobre os que publicou diferentes estudos e, asíi mesmo, o seu talante crítico ficou reflectido en artigos de opinión como “Las ciencias naturales en España: 1939-1979. Una política científica funesta” (1979).

Valoración científica

Os vinte anos da estancia de Bellot en Santiago supuxeron o relanzamento dos estudos sobre a botánica galega que desde os tempo de Merino ficaran practicamente estancados. A súa chegada representa, non só o anovamento metodolóxico dos estudos de flora e vexetación, senón sobre todo, o converter a Galicia na adiantada española dos traballos sobre a nova socioloxía vexetal de Braun-Blanquet. Con todos os reparos que hoxe, e mesmo no seu tempo, se lle poden apoñer a estes novos métodos de estudo, na altura da posguerra europea e, sobre todo no ámbito botánico mediterráneo, supoñían unha autentica revolución metodolóxica e, mesmo conceptual, no eido dos estudos botánicos. E neste senso, Bellot e recoñecido como o botánico español que máis se preocupou por espallar estes métodos. No relativo á xeografía botánica, os traballos da escola compostelá de botánica representan tamén a chegada a Galicia das técnicas de estudo mediante sensores remotos do medio natural, que así mesmo serían tamén aplicados no eido dos solos por Taboadela e Guitián. Tamén, xunto con Ernesto Viéitez, considérase o introdutor das análises polínicas en Galicia. Finalmente, é destacable o seu estudo sobre a escola botánica compostelá, que representa un achegamento pioneiro a historia dos botánicos galegos.




Bibliografía:




Fontes impresas:

BELLOT, F. e VIÉITEZ, E. (1945): Primeros resultados del análisis polínicos en turberas galaicas, Anal. Inst. Esp. Edafol., II, 4.

BELLOT, F. (1949): Las comunidades de Pinus pinaster Sol en el occidente de Galicia, Anal. Edaf. y Fisiol. Veg., VIII, I : 75-119.

BELLOT, F. (1951): Sinopsis de la vegetación de Galicia, Anal. Jard. Botánico Madrid, X.

BELLOT, F. (1951): Plantas medicinales de Galicia, Lugo: Col. Farmacéuticos.

BELLOT, F. (1956): Pourret, Colmeiro, Planellas y Antonio Casares: La Escuela Botánica Compostelana, Discurso Apertura Curso 1956-57, Santiago:Universidad.

BELLOT, F. (1966): La vegetación de Galicia, Anal. Inst. Bot. A.J. Cabanillas, XXIV, 1.

BELLOT, F. (1976): Breve historia de los métodos de descripción y clasificación de la vegetación, Anal. R. Ac. Farm., XLII, 1: 61-79.

BELLOT, F. (1978): El tapiz vegetal de la Península Ibérica, Barcelona: Ed. Blume.

BELLOT, F. (1979): Las Ciencias Naturales en España: 1939-1979. Una política científica funesta, Tiempo de Historia, 60: 30-47.


Bibliografía secundaria:

ÁLVAREZ, R., BARRERA, I. (1981): Datos biográficos y bibliográficos del profesor Bellot Rodríguez, Trab. Dep. Botánica y F. Veg., 11: 17-24.

CASADO DE OTAOLA, S. (1966): Los primeros pasos de la ecología en España, Madrid: Min. Agric. Pesca y Alim.

CASTROVIEJO, S. (1983):”In Memoriam”. Francisco Bellot Rodríguez, Anal. Jard. Botánico Madrid, 40 (1): 3-4.

DÍAZ-FIERROS, F. (2002): As Ciencias Naturais e a Farmacia. Francisco Bellot Rodriguez (1911-1983) e Manuel Muñoz Taboadela (1917-1963), Un Centenario, unha profesión, (Coord. Sanmartin, S.), A Coruña: Col. Of. Farmaceúticos.

DÍAZ-FIERROS, F. (2006): A cuestión ambiental en Galicia, Vigo: Ed. Galaxia.

IZCO, J. (1981): Aportación de la botánica a las ciencias de la vegetación, Anal. Jard. Botánico Madrid, 37 (2): 373-391.

IZCO, J., AMIGO, J. e GARCÍA-SAN LEÓN, D. (1999): Análisis y clasificación de la vegetación leñosa de Galicia (España), Lazaroa, 20: 29-37.

MÁIZ ELEIZEGUI, R. (1964): Historia de la Enseñanza de Farmacia en Santiago. Cien años de vida de la Facultad (1857-1957) , Santiago: Facultad de Farmacia.

Publicacións nas que participou Francisco Bellot Rodríguez

Portada de  Álbum da ciencia
LIBRO

Álbum da ciencia

: 30 nomes e as súas achegas