Xaquín Lorenzo Fernández

----

Xaquín Lorenzo Fernández

1907 Ourense | 1989 Facós (Lobeira, Ourense)
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Xaquín Lorenzo Fernández

1907- Ourense | 1989 Facós (Lobeira, Ourense)
Un dos grandes etnógrafos da cultura galegaXaquín Lorenzo Fernández, máis coñecido co hipocorístico de Xocas, naceu en Ourense, na rúa da Paz, o 23 de xuño de 1907. Foi fillo do caricaturista e militante socialista José Laurentino Lorenzo Álvarez, orixinario de Facós (Lobeira), e mais da viguesa Joaquina Fernández Barcia. O seu irmán Xurxo tamén foi debuxante, etnógrafo e colaborador da revista Nós, mais faleceu novo. Ambos os dous pasaban os veráns en Facós, e alí entraba en contacto coa realidade do rural e o campo galego.

Aprendeu a ler e escribir na propia casa, e despois foi á escola de Amador e Saturnino Villar. No Instituto do Posío foi alumno, entre outros, de Ramón Otero Pedrayo. En 1923 comezou os estudos universitarios por libre, tras matricularse na Universidade de Santiago en Filosofía e Letras. Mais, tras a morte do seu pai o 25 de novembro dese ano, a súa nai debe ir á Arxentina e Xaquín marcha a Lobeira, e ao falecer a súa avoa vai vivir a Vigo. En 1926 matricúlase para facer as probas de acceso á carreira de Dereito, pero non se presenta.

O 1 de maio de 1926 ingresa no Seminario de Estudos Galegos, cun traballo sobre o carro galego. Traballou principalmente na sección de Prehistoria, que dirixía Florentino López-Cuevillas, e mais na de Etnografía e Folclore, dirixida por Vicente Risco. Participou en catalogación de castros e no estudo dos concellos de Velle e Calvos de Randín. En 1932 pasou a ser membro da comisión directora do SEG, así como conservador do museo, e entre 1934 e 1936 foi conselleiro permanente da Institución.

En 1926 tamén publica o seu primeiro texto, «A fala galega», en El Pueblo Gallego (8-IX-1926). En 1927 chega a súa primeira colaboración en Nós, no número 42, con dous contos populares recollidos en Lobeira. Repetiría no número 44 con outros dous contos e uns apuntamentos de medicina rústica, e no número 58 co artigo «Un casamento en Lobeira», escrito xunto co seu irmán. No número 71, xa en 1929, publicou «Apuntes de Geografía lexigráfica galega. Algunhas verbas d'usanza corrente en Lovios (Ourense)».

Proseguiu a súa carreira como etnógrafo da man de Florentino López-Cuevillas, con quen en 1930 publicou o volume Vila de Calvos de Randín. Notas etnográficas e folkóricas, editado polo Seminario de Estudos Galegos.

Foi membro da Irmandade Galeguista de Ourense, e en 1931 subscribiu o manifesto fundacional do Partido Nazonalista Republicán de Ourense, constituído para concorrer ás Cortes Constituíntes. Despois integrouse no Partido Galeguista. Co tempo, participou na defensa do Estatuto de Autonomía.

No curso 1931-32 retoma os estudos universitarios, desta vez como alumno oficial na sección de Historia. Mais os enfrontamentos entre o profesorado e o alumnado galeguista fai que el e mais o seu irmán Xurxo trasladen o seu expediente académico a Zaragoza. Ao pouco de chegar, o 3 de abril de 1934, falece Xurxo por mor dunha septicemia. Xaquín remata a súa carreira en Zaragoza, acadando a licenciatura en Filosofía e Letras.

O 1 de agosto de 1936, logo do golpe de Estado, é chamado a filas. Incorpórase ás tropas do exército nacional, mais uns días despois, estando na fronte en Villablino, é ferido no ombreiro esquerdo. Tras estar no hospital de León e ser operado en Valladolid regresa á casa, e en novembro de 1939 incorpórase como profesor interino no Instituto do Posío. Porén, en 1942 Xocas foi apartado do ensino público, logo de que que en abril de 1941 o Juzgado Instructor Provincial de Responsabilidades Políticas lle incoase expediente polos seus antecedentes políticos. Pasou entón a dar clase no colexio privado Cardenal Cisneros. Chegou a ser director do centro, e traballou nel até que se xubilou en 1981.

Seguiu colaborando en diversas publicacións. En 1939 publicou na revista alemá Volkstum und Kultur der Romanem o artigo «Die Bremse am galizischen Wagen» («O freo no carro galego»), e en 1943 saíu o texto «Das Bauerhaus im unterem limiabecken (Prov. Orense, Spanien)» en Volkstum und Kultur der Romanem. Nos anos seguintes escribiu no Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense, os Cuadernos de Estudios Gallegos, Revista de Guimarães ou Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, entre outras. Escribiu o tomo 2 da Historia de Galiza (Bos Aires, 1962), obra coordinada por Otero Pedrayo e sufragada por Manuel Puente. Ese volume, o segundo dos tres que compoñen o conxunto, leva o título de «Etnografía: cultura material».

Ingresou na Real Academia Galega o 16 de setembro de 1951, en Celanova, a proposta de Florentino López-Cuevillas, Vicente Martínez-Risco e mais Ramón Otero Pedrayo. O seu discurso, La casa gallega, foi respondido polo propio Otero Pedrayo. Á súa vez, Xocas respondeu en 1965 o discurso de ingreso de Xesús Taboada Chivite, O culto das pedras no noroeste peninsular.

Desde 1964 formou parte do Pedrón de Ouro, e en 1983 foi nomeado presidente de honra. En xullo de 1976 foi un dos fundadores do Padroado do Museo do Pobo Galego. Sinalado expresamente por Otero Pedrayo como a persoa idónea, foi elixido para a presidencia, que ocupou ata a súa defunción. A esta institución legou parte do seu arquivo e biblioteca, así como os seus dereitos de autor para contribuír ao seu sostemento.

En 1961 recibiu a Encomenda de Afonso X o Sabio, e en 1964 formou parte do Pedrón de Ouro. En 1982 concedéuselle o Premio Otero Pedrayo, e en foi nomeado fillo Predilecto da Provincia de Ourense. En 1984 recibiu a Medalla Castelao, e en 1989 púxoselle o seu nome ao CPI de Bande.

Faleceu na súa casa de Facós o 18 de xullo de 1989. No ano 2004 foille dedicado o Día das Letras Galegas.

Obra
-Vila de Calvos de Randín. Notas etnográficas e folkóricas (con Florentino López-Cuevillas; Seminario de Estudos Galegos, 1930).
-A muller no cancioneiro galego (Nós, 1932).
-O Tardo: (Notas de mitología popular galega) (Imprensa Portuguesa, 1934).
-A arte popular nos xugos de Galicia. (Imprensa Portuguesa, 1935).
-Galicia. Parroquia de Velle (con Cuevillas e Vicente Fernández Hermida; Seminario de Estudos Galegos, 1936).
-La casa gallega (discurso de ingreso na RAG, 1951).
-O culto das pedras no noroeste peninsular (Real Academia Galega, 1965).
-As casas dos mortos (Junta de Investigações do Ultramar, 1965).
-Cantigueiro popular da Limia Baixa (Galaxia, 1973).
-A casa (Galaxia, 1983; Biblioteca Básica da Cultura Galega).
-A terra (Galaxia, 1983; Biblioteca Básica da Cultura Galega).
-O mar e os ríos (Galaxia, 1983; Biblioteca Básica da Cultura Galega).
-Os oficios (Galaxia, 1983; Biblioteca Básica da Cultura Galega).
-A Nosa Señora do Viso (Fundación Otero Pedrayo, 1983).
-Refraneiro galego. (Castrelos, 1983).
-Castro de Cameixa: campañas 1944-46. Dirección Xeral de Cultura e do Patrimonio Histórico- Artístico, Santiago de Compostela 1986.
-Enredos (Museo do Pobo Galego, 1992).
-O carro no folclore de Galicia (Museo do Pobo Galego, 2003).
-Da casa rural á casa vilega (Galaxia, 2004).
-O mar terra adentro (Consello da Cultura Galega, 2004).
-De varia etnográfica (La Voz de Galicia, 2004).

Bibliografía
Álvarez Blanco, Rosario (coord.) (2004): Xaquín Lorenzo Xocas. Día das Letras Galegas 2004. Santiago de Compostela: Universidade.
González Pérez, Clodio (2004): Xaquín Lorenzo Fernández «Xocas» 1907-1989. Noia: Toxosoutos.
Valcárcel López, Marcos (2004): Xaquín Lorenzo. Vida e obra. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
Vázquez Monxardín, Afonso (2004): Xoaquín Lorenzo Fernández "Xocas". A fidelidade á Galicia soñada. Vigo; Ir Indo.

Publicacións nas que participou Xaquín Lorenzo Fernández

Portada de  Agasallo de cores para Xaquín Lorenzo
LIBRO. CATáLOGO

Agasallo de cores para Xaquín Lorenzo

Homenaxe realizada polos alumnos/as de plástica e visual de 4º da ESO do IES Rosalía de Castro
Portada de O mar terra adentro
LIBRO

O mar terra adentro

Portada de  Xaquín Lorenzo
LIBRO. CATáLOGO

Xaquín Lorenzo

O fotógrafo
Portada de  Identidade e territorio: centenario de Otero Pedrayo
LIBRO. ACTAS

Identidade e territorio: centenario de Otero Pedrayo

Actas Simposio Internacional de Antropoloxía (Santiago de Compostela, 10-11-12 de novembro de 1988)

Homenaxe de Galicia a Don Ramón Otero Pedrayo

Publicacións periódicas

Aviso Listado automático de documentación relacionada con nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Anduriña (1962-) .
Portavoz del Lar Gallego de Sevilla
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;

Artigos

OTERO PEDRAYO, R. (4/1954) Nuestra campesina y marinera. Opinión Gallega. 1ª (148), 1.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Mencións: Xaquín Lorenzo Fernández ;
(4/1954) Del memorable acto en el Centro Orensano. Opinión Gallega. 1ª (148), 1.
Ver noticia Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Mencións: Perfecto López ; Xaquín Lorenzo Fernández ; Manuel Puente ;
(2/1977) As oríxes do teatro galego : As máscaras. Teima. (11), 32.
Ver artigo
Mencións: Xaquín Lorenzo Fernández ; Vicente Risco ; Nicolás Tenorio y Cerero ;
ÁLVAREZ POUSA, L. (5/1977) Carlos Velo, nacionalista galego : Por Galicia nun venres santo. Teima. (24), 18-21.
Ver artigo
Mencións: Francisco Franco ; Antonio García Varela ; Bernardino Graña ; Xaquín Lorenzo Fernández ; Vicente Risco ; Xosé Luís Méndez Ferrín ; Friedrich Nietzsche ; Ramón Otero Pedrayo ; Reimundo Patiño ; Manuel Peña Rey ; Castelao ; Luís Soto Fernández ; Miguel de Unamuno ; Carlos Velo ; Santiago Álvarez ; Xosé Hermida ; Ramón de Valenzuela ; Eugenio Montes ; Florentino L. Cuevillas ; Manuel B. Cossío ;
CONDE MURUAIS, P. (7/1977) O Corpiño : Clínica psiquiátrica do mundo rural. Teima. (31), 20-22.
Ver reportaxe
Mencións: Xaquín Lorenzo Fernández ; Vicente Risco ; Agustín Montoto ; Xesús Taboada Chivite ; Carmelo Lisón Tolosana ; Xosé Chao Rego ; Virxe María ; Xesucristo ; Juan José Cebrián Franco ; Víctor Lis Quibén ; Maxín González Montoto ; María Bermúdez Liste ; Elvira Cabaleiro Fernández ; Jesusa Suárez ; Edelmira Brandariz ; Milagros Rodríguez ; Manuela Borragueiros ; Dorinda Mayo ; Divina Fuentes Godoy ; María Teresa Forno Río ; Ángel Rouco ; Alfredo Pardo Neira ;