Carmela Porteiro Lago

----

Carmela Porteiro Lago

1950 Santiago de Compostela

Biografía de Carmela Porteiro Lago

1950- Santiago de Compostela
Criada nunha familia na que había un verdadeiro compromiso de as mulleres accederen a estudos superiores e cun vínculo moi estreito na súa infancia e mocidade co importante científico Tomás Batuecas, Carmela Porteiro estudou Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela.

Logo de se licenciar, vencellaríase desde os seus inicios ao Instituto Español de Oceanografía (IEO), que se afincaría en Vigo, a súa cidade de acollida desde moi nova. Nesa institución especializouse na avaliación e xestión de recursos mariños vivos, ámbito que a levou a ser a primeira muller en ocupar a vicepresidencia do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES).

Como investigadora do IEO dirixiu desde os primeiros momentos equipos de investigación e expedicións a bordo de buques oceanográficos como o Cornide Saavedra ou o Thalassa, ademais de representar a España en numerosos comités de organismos nacionais e internacionais coma a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), STCEF (Comité Científico, Técnico e Económico para a Pesca da Comisión Europea) ou a estadounidense NOAA (Administración Nacional Oceánica e Atmosférica).

A figura de Carmela Porteiro amosa o camiño difícil que, aínda despois da pioneira Ángeles Alvariño, percorreron as mulleres de ciencia en Galicia durante o último terzo do século XX, etapa en que abriron espazos laborais para as investigadoras que habían de acceder a mundos de homes e moi pouco adaptados a elas, como é o caso da Oceanografía e a Bioloxía pesqueira, coas súas longas viaxes e expedicións.

A día de hoxe, tras esa vía aberta por pioneiras coma Porteiro, a investigación sobre os recursos mariños conta xa con numerosas investigadoras que achegan coñecemento e cultura a este ámbito desde unha maior normalidade. Alén diso, Carmela Porteiro desenvolveu un papel esencial no asesoramento internacional para a xestión pública dos recursos mariños e pesqueiros, unha aplicación da ciencia oceanográfica a través da recollida de datos estatísticos a miúdo descoñecida pero imprescindible para que a explotación e consumo dos recursos dos mares se realice dun xeito sustentable.

Carmela Porteiro Lago nas actividades do CCG