Victoria Besada Montenegro

----

Victoria Besada Montenegro


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Victoria Besada Montenegro


Na actualidade é directora do Centro Oceanográfico de Vigo (COV) do Instituto Español de Oceanografía (IEO).


Durante os últimos 30 anos desenvolveu o seu traballo de investigación no Grupo de Contaminación Mariña do COV, centrado, principalmente, na avaliación e caracterización de contaminantes químicos en mostras ambientais no contexto de diferentes proxectos de investigación relacionados cos estudos da contaminación das nosas costas, nun ámbito nacional pero tamén nun contexto internacional.


Dentro do grupo de investigación participou e coordinou diversos proxectos de carácter multidisciplinar financiados pola Unión Europea, o Plan Nacional de I+D+i, a Xunta de Galicia e o IEO, ademais de intervir en proxectos relacionados coa avaliación do impacto ambiental e/ou seguimento de vertidos mariños como os do Casón, Aznalcóllar, Mar Exeo ou Prestige.


Ao ser o IEO un organismo científico asesor do Goberno, a súa actividade investigadora xerou un gran número de informes de asesoramento científico-técnico en temas relacionados coa contaminación e os impactos ambientais, ademais de publicacións en revistas de alto impacto. Así mesmo, realizou múltiples presentacións de comunicacións a congresos internacionais e nacionais, alén de intervir en charlas divulgativas en numerosas ocasións.


Representando a España forma parte de diversos grupos de traballo e comités internacionais relacionados co estudo da contaminación mariña nos ámbitos do ICES, OSPAR ou a Comisión Europea. Ademais, tanto a nivel nacional como internacional, participa na implementación das diferentes fases correspondentes á Directiva Marco da Estratexia Mariña Española.


En representación do IEO, participa nas actividades vinculadas ao Campus do Mar formando parte, actualmente, da Comisión Executiva e Académica do Programa de Doutoramento DO*MAR do Campus do Mar. Vogal e responsable da Área de Investigación Mariña en Galicia no Instituto de Cultura, Ciencia e Tecnoloxía (ICCT).


Colaborou activamente en proxectos de cooperación internacional para países de América Latina e o Caribe desenvoltos polo Organismo Internacional de Enerxía Atómica. Leva a cabo actividades de docencia en diversos cursos ou másteres de graduados en Química, Bioloxía e Ciencias do Mar e coopera na formación de bolseiros e bolseiras de diversas institucións e programas. 


Participa e lidera múltiples campañas de investigación oceanográfica desenvoltas nas augas do Atlántico, nos diversos buques oceanográficos do IEO.


Como directora do COV, ademais das tarefas de xestión, organización e coordinación de actividades relacionadas co centro, implicouse activamente en diversas accións de divulgación científica, como conferencias en diversas entidades, colexios, asociacións etc., e intervén tamén en múltiples entrevistas de prensa, radio e televisión.


 

Victoria Besada Montenegro nas actividades do CCG