Biografía de Belén Rubio Armesto
Catedrática de Estratigrafía do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo desde o ano 2009 e vicerreitora de Investigación desde xuño de 2018. Profesora na Universidade de Vigo desde o ano 1991, con cinco quinquenios de docencia, impartiu docencia en grao, máster e doutoramento nas titulacións de Ciencias do Mar, Bioloxía, Química e Enxeñaría de Minas. Foi ademais coordinadora do mestrado en Oceanografía. Dirixiu cinco teses de doutoramento e trece teses de licenciatura ou traballos fin de mestrado e grao.
Como investigadora, con catro sexenios de investigación, pertence ao grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental (http://geoma.net). O seu labor investigador aborda o estudo da sedimentoloxía e quimioestratigrafía de ambientes costeiros e mariños profundos (esteiros, rías, chairas mareais, plataforma continental, noiros e zonas mariñas profundas). Pódese sintetizar nas seguintes liñas de investigación: 1) Evolución histórica da contaminación e impacto ambiental das actividades antrópicas, 2) estudo de indicadores xeoquímicos e mineralóxicos da evolución postsedimentaria con especial fincapé na determinación de fases xeoquímicas, 3) evolución paleoambiental e paleoclimática en rexistros sedimentarios desde o Plistoceno Superior á actualidade, 4) innovación na adquisición de datos xeoambientais con desenvolvemento de novas ferramentas.
Preto de mil catrocentas citas totais (Scopus) e un índice H de dezanove, ten publicados máis dun centenar de traballos científicos (artigos en revistas, capítulos de libros etc.), dos que cincuenta son en revistas do Journal of Citation Reports (JCR). Participou en máis de corenta proxectos de investigación (oito deles como investigadora principal) tanto a nivel rexional e nacional coma europeo, algúns deles como os relacionados coa catástrofe do Prestige ou a exploración xeolóxica do Gran Burato. Participou en máis dunha ducia de campañas oceanográficas e ten máis de duascentas contribucións a congresos.
No ámbito da xestión, foi decana da Facultade de Ciencias do Mar durante cinco anos (2013-2018) e membro do Consello de Goberno. Foi tamén a secretaria da Conferencia de Decanos de Ciencias do Mar desde a súa constitución en 2015 até xuño de 2018. Ademais, foi secretaria de departamento durante máis de doce anos. Participa habitualmente na xestión de actividades de I+D+i, como a organización de congresos (nacionais e internacionais), e foi a coordinadora do último Simposio Internacional de Ciencias do Mar (ISMS-2018). Participa activamente en procesos de avaliación de proxectos do Plan Nacional, avaliación do profesorado (ANECA-Experta externa e vogal Comisión Acreditación-ACADEMIA) e persoal investigador. É tamén revisora habitual de artigos en revistas do JCR, do eido das xeociencias e as ciencias ambientais.