Histórico: Participación de Pablo Carrera nas actividades do CCG

----

Pablo Carrera

Biografía de Pablo Carrera


Doutor en Bioloxía pola Universidade da Coruña, comezou a súa carreira profesional no Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía no ano 1989 logo de ter feito embarques na frota de altura galega. No ano 1992, logo de acadar a praza de técnico superior (investigador), trasládase ao Centro da Coruña, onde permanece até o ano 2002, cando retorna a Vigo en calidade de director do Museo do Mar de Galicia. Ocupará este posto até finais do ano 2011, cando retorna ao IEO, neste caso ao Centro Oceanográfico de Vigo, onde continúa a traballar.


Alén da súa formación académica, liderou máis de 30 campañas de prospección acústica e participou noutras 20. Como experto en dinámica de peixes peláxicos formou parte de máis de 20 grupos de traballo de avaliación de recursos peláxicos, con responsabilidades en sardiña e, posteriormente, en xarda, complementados tamén con outros tantos grupos específicos sobre deseño e análise de datos de campañas. No tocante a publicacións, ten 15 do primeiro cuartil con máis de 570 citacións; máis de 40 documentos de traballo e comunicacións a congresos nacionais e internacionais.


No eido patrimonial e cultural, durante a súa etapa como director do Museo do Mar de Galicia  coordinou 23 proxectos culturais e exposicións e impartiu 25 conferencias. Continúa ligado ás accións de salvagarda patrimonial dentro da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (CULTURMAR), participando activamente nas actividades organizadas por este colectivo que engloba a máis de 40 asociacións, nomeadamente o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, sendo membro do Consello Cultural da Asociación European Maritime Heritage. Finalmente, cómpre destacar a súa colaboración coa Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira (AGALCARI).


 

Pablo Carrera relator/a...

Carmela Porteiro

As que achegan a ciencia aos océanos