Histórico: Participación de Isabel Riveiro nas actividades do CCG

----

Isabel Riveiro

Biografía de Isabel Riveiro


A súa liña principal de investigación é o estudo do ecosistema peláxico. Entre os aspectos máis relevantes do seu traballo inclúense a transferencia de compostos na cadea trófica e as estratexias reprodutivas do zooplancto e os pequenos peixes peláxicos, como a sardiña. Iniciou a súa carreira investigadora cunha bolsa predoutoral para o estudo das estratexias reprodutivas de pequenos peixes peláxicos. Despois do doutoramento, centrado na estratexia reprodutiva da sardiña, traballou contratada para o estudo da transferencia de toxinas mariñas no ecosistema peláxico no marco dun proxecto europeo do 7º programa marco e na separación de stocks de peixes segundo a composición bioquímica. Durante este período realizou varias estadías de investigación no estranxeiro, o que lle permitiu incorporarse máis tarde, de novo, á universidade cun contrato de reincorporación de persoal doutor ao sistema universitario, Programa Parga Pondal. Entre os anos 1999 e 2008 foi profesora das materias de Ecoloxía, Métodos de Mostraxe en Ecoloxía na licenciatura de Ciencias Biolóxicas e Zooplancto na licenciatura de Ciencias do Mar. Así mesmo, neste período impartiu o curso de doutoramento Métodos Estatísticos para o Estudo de Interaccións Tróficas.


Desde 2009 é funcionaria do IEO dentro do departamento de pesqueiras ICES e participa nas campañas de avaliación de especies peláxicas no noroeste español. Así mesmo, é a responsable española da avaliación de sardiña ibérica (8c-9a) no Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) desde 2010 e desde 2017 a coordinadora internacional do stock (WGHANSA do ICES). Neste contexto, coordinou intercambios e obradoiros internacionais de lectura de otólitos.


No que se refire á formación, impartiu durante máis de 10 cursos docencia universitaria (primeiro, segundo e terceiro ciclo) e desde a súa incorporación ao IEO participou como docente no Máster de Oceanografía e no Máster de Bioloxía Mariña da Universidade de Vigo e do Campus do Mar.


Participou en máis de 20 proxectos de investigación competitivos e publicou 28 artigos en revistas no JCR, numerosos documentos de traballo e informes técnicos de grupos de traballo internacionais, un libro e dous capítulos de libro.


No conxunto de proxectos tivo a ocasión de participar en máis de 60 campañas oceanográficas para o estudo do ecosistema peláxico. No apartado de divulgación participou na organización de encontros de investigadores, conferencias, obradoiros científicos, xornadas de publicidade da actividade científica e charlas (colexios, institutos etc.), orientadas a dar a coñecer a actividade dos investigadores e investigadoras do mar e a promover a sustentabilidade.


 

Isabel Riveiro relator/a...

Carmela Porteiro

As que achegan a ciencia aos océanos