Biografía de Xerardo Agrafoxo
1952- NoiaDoutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. É autor de trinta libros sobre arqueoloxía, historia, didáctica e narrativa.
Entre as súas obras destaca a triloxía sobre a Guerra Civil cos seguintes títulos: 1936: A Guerra Civil en Lousame e Noia (Testemuñas dunha represión) (1995); 1937: A Guerra Civil en Lousame e Noia (O fusilamento de David Mariño Ramos) (1997); e 1938/1939: A Guerra Civil en Lousame e Noia (O triple crime de Marselle. A traxedia do Baleares) (1999). Despois escribiu o libro Memorias do Franquismo (A época do wolfram en Lousame. A corporación de Noia en Meirás) (2002).
No ano 2006, seguindo coa súa tarefa de historiar a vida do seu concello, publicou os volumes Crónicas dunha democracia (A transición política en Noia. Os dous mandatos de Díaz Fornas) e A revolta nacionalista (A Noia de Pastor Alonso. O goberno de Bieito González), dous libros que tiveron continuación cando saíu o último volume desta triloxía: Noia no cambio de século (2008).
No ano 2007 publicou Biografía de María Mariño (Editorial Galaxia) e María Mariño: Retrato dunha vida (Fundación Caixa Galicia). No ano 2019 saíu á luz Historia de Noia (Deputación da Coruña).
No eido narrativo é autor do libro de relatos eróticos O triángulo de Oscar Wilde, as novelas Unha viaxe no Ford T (Premio García Barros, 2004), O violinista de Malá Strana, A maleta de Vitoria Kent e as obras Viaxe á última revolución e O país sen fronteiras.