Histórico: Participación de Teresa Rodríguez Montañés nas actividades do CCG

----

Teresa Rodríguez Montañés

Biografía de Teresa Rodríguez Montañés

León, 1965.


Doutora en Dereito. Escritora, investigadora, consultora nacional e internacional. Experta en dereito penal e dereitos humanos. Na actualidade é catedrática de Dereito Penal da Universidad de Alcalá (UAH). Con anterioridade foi, durante doce anos, letrada do Tribunal Constitucional español.


É autora de catro monografías e máis de corenta artigos, tanto en temas estritamente penais como en cuestións relativas á xurisdición constitucional e dereitos fundamentais. As súas liñas de investigación inclúen delitos de perigo, delincuencia económica, criminalidade empresarial, terrorismo, tortura, aborto, violencia de xénero, liberdade de expresión e tráfico de seres humanos.  Durante os últimos dez anos traballou activamente na loita contra o tráfico de seres humanos, non só no ámbito académico, senón colaborando activamente con policía, fiscalía e organizacións non gobernamentais a nivel nacional e internacional. Foi investigadora nos proxectos europeos «The fight against trafficking in human beings in EU: promoting legal cooperation and victims’ protection» e «Psychological Health Impact of THB for sexual exploitation on female victims. Consequences for stakeholders» (PHIT); é membro do programa «Regional Implementation Initiative against Trafficking in Human Beings», que se reúne periodicamente en Viena, e dirixe o Curso de experto na loita contra o tráfico de seres humanos, título propio da UAH e o único curso de posgrao universitario na materia. Desde o ano 2016 comezou a investigar nun novo proxecto denominado «Business and human trafficking», centrado no papel e a responsabilidade das empresas e o mundo dos negocios na prevención e erradicación do comercio de seres humanos e as novas formas de escravitude contemporánea. 

Teresa Rodríguez Montañés [Relator/a] en

CICLO PENSARMOS

Teresa Rodríguez Montañés

A trata de seres humanos e escravitudes do século XXI