Anabel Rodríguez

----

Anabel Rodríguez


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Anabel Rodríguez


Na actualidade é directora executiva e vicepresidenta do Padroado da Fundación para a Economía Circular, unha fundación plural e independente, que ten como obxecto promover e desenvolver a economía circular apoiándose, entre outros, no rigor técnico e a interlocución entre administracións, empresas, eido científico e sociedade, buscando constantemente espazos comúns de entendemento. O seu ámbito de actividade esténdese por España, Europa e América Latina, incluíndo territorios insulares.


Licenciada en Ciencias Químicas pola Universidad de Alcalá de Henares (rama industrial) e Máster en Política e Xestión Medioambiental pola Universidad Carlos III de Madrid. 


A súa traxectoria profesional, de máis de 20 anos de experiencia no ámbito do medio ambiente e a sustentabilidade, comezou en 1997 como técnica de proxectos ambientais no Instituto Tecnolóxico de Enxeñaría Ambiental. Foi directora de Proxectos de contido técnico, económico e estratéxico no Club Español dos Residuos. Posteriormente, e durante máis de 10 anos, traballou no Instituto para a Sustentabilidade dos Recursos, onde chegou a ocupar o cargo de directora executiva para a Información e Coñecemento.


Como experta en temas sobre sustentabilidade, medio ambiente e economía circular, impartiu e imparte clases e charlas en numerosos obradoiros, conferencias e congresos, tanto no ámbito nacional como internacional. Como directora da Fundación para a Economía Circular dirixe, participa e asesora tanto a administracións como a entidades do sector público e privado, a través de estudos, documentos de opinión e grupos de traballo, e grazas á súa experiencia na materia sobre temas que inclúen estratexias de economía circular, estratexias e plans de xestión de residuos (residuos municipais e/ou específicos como, por exemplo, RAEE, residuos de construción e demolición, biorresiduos, téxtil, plásticos…), instrumentos económicos e fiscalidade ambiental, elaboración de indicadores de economía circular, plans de prevención de residuos, iniciativas de ecoconsumo, ciclo de vida de produtos e materiais, xestión sostible de recursos ou cidades sustentables.


É membro da International Solid Waste Association (ISWA).

Anabel Rodríguez nas actividades do CCG