María Solar

----

María Solar

Biografía de María Solar


Xornalista e escritora. Traballa como coordinadora dos programas de cultura da CRTVG e é presentadora do cultural Zigzag Fin de Semana na TVG. Desde moi nova centrouse na comunicación, aínda que a súa formación abrangue as ciencias e as letras, dúas paixóns que habitualmente mestura nos seus libros tanto de ficción como divulgativos. É licenciada en Bioloxía (USC) e en Xornalismo (SEK Segovia), diplomada en Maxisterio (USC), especialista en Información Ecolóxica e Ambiental (Universidade Politécnica de Madrid). Membro do comité consultivo da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Desde hai máis de 20 anos é xornalista da CRTVG tanto na Televisión de Galicia como na Radio Galega. Para TVG presentou programas de todos os xéneros e formatos, como o cultural ZigZag Diario (dúas veces Premio Mestre Mateo ao mellor programa de TV), os magacíns A Revista Fin de Semana ou En pé de festa, o programa de ciencia Ciencianosa, entre moitos outros. Na Radio Galega podemos destacar os oito anos dirixindo e presentando o magacín da tarde As tardes da Galega ou o programa de libros Chamando á Terra.
Na escrita diríxese a todos os públicos, desde o infantil aos adultos, e trata tanto ficción como divulgación. A súa obra, escrita orixinalmente en galego, está traducida a castelán e catalán e no ámbito internacional ao polaco, portugués, filipino, italiano ou chinés. Conta con numerosos recoñecementos tanto á traxectoria, por exemplo o Premio de Creación Literaria Ínsua dos Poetas 2019, como a obras concretas, conseguindo con O meu pesadelo favorito o Premio Lazarillo de Creación Literaria 2014, incluído na prestixiosa lista White Ravens 2016 da biblioteca de Múnic, na que seleccionan anualmente os mellores libros infantís do mundo, Libro do ano 2015 na revista Fervenzas Literarias e premio ao Mellor Libro Infantil-Xuvenil na I Gala do Libro Galego. A verdadeira historia da mosca da tele recibiu o Premio Frei Martin Sarmiento 2014; galardón que xa obtivera en 2013 con Vou ter un irmán!!! Con Teño uns pés perfectos entrou de novo na prestixiosa lista White Ravens 2017. No mesmo ano, As horas roubadas foi elixida mellor novela para adultos no Premio Frei Martin Sarmiento. En 2018 Os nenos da varíola foi recoñecida como mellor obra xuvenil na III Gala do Libro Galego.

María Solar nas actividades do CCG