Manuel Borja-Villel

----

Manuel Borja-Villel


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Manuel Borja-Villel


Manuel Borja-Villel (Burriana, 1957) licenciouse en Historia da Arte na Facultade de Xeografía e Historia da Universidad de Valencia en 1980. En 1981-1982 foi Special Student na Yale University. En 1981-1983 recibiu unha bolsa Fullbright. En 1987 realizou un Master of Philosophy do Departamento de Historia da Arte da City University de Nova York. En 1988-1989 obtivo a bolsa Kress Foundation Fellowship para Historia da Arte e, en 1989, o doutoramento en Filosofía no Departamento de Historia da Arte da Graduate School da City University de Nova York.

Foi director da Fundació Antoni Tàpies de Barcelona desde a súa inauguración, en xuño de 1990, até xullo de 1998. Nesta Fundación organizou exposicións como Els límits del museu e La ciutat de la gent, así como mostras dos artistas Louise Bourgeois, Brassaï, Marcel Broodthaers, Lygia Clark, Hans Haacke e Krzysztof Wodiczko, entre outros.

Desde o mes de xullo de 1998 até xaneiro de 2008, foi director do Museu d’Art Contemporani de Barcelona (MACBA). Entre as exposicións que presentou no MACBA destacan as dedicadas a Vito Acconci, El Lissitzky, Öyvind Fahlström, Peter Fischli & David Weiss, Robert Frank, David Goldblatt, Luís Gordillo, Raymond Hains, Richard Hamilton, William Kentridge, Perejaume, Michelangelo Pistoletto, Gerhard Richter, Martha Rosler, Antoni Tàpies, entre outros. Algunhas exposicións de tese que organizou no dito Museo son: Antagonismos, Campos de fuerzas. Fases del cinético, Arte y Utopía. La acción restringida, Teatro sin teatro e Bajo la bomba. El jazz de la guerra de imágenes transatlántica. 1946-1956.

Desde xaneiro de 2008 é director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. Xunto coa busca de novas formas de institucionalidade, unha parte importante do seu programa no Museo Reina Sofía céntrase no desenvolvemento e a reorganización da colección, cambiando o método de presentación das obras. Entre as últimas exposicións que programou destacan: Mario Merz. El tiempo es mudo (2019), Poéticas de la democracia. Imágenes y contraimágenes de la transición (2018), Dadá ruso. 1914-1924 (2018), Piedad y el terror en Picasso. Camino a Guernica (2017), Lee Lozano. Forzar la máquina (2017), Marcel Broodthaers. Una retrospectiva (2016), Ficciones y territorios, arte para pensar la nueva razón del mundo (2016), Aún no. Sobre la reinvención del documental y la crítica del modernismo (2015), Un saber realmente útil (2014) e Playgrounds. Reinventar la plaza (2014), entre outras moitas.

En 2021 presentou a completa reordenación da Colección do Museo Reina Sofía, un conxunto dunhas 2000 obras, moitas delas incorporadas grazas a adquisicións da Fundación do Museo e de numerosas doazóns e depósitos. Na nova presentación, a Colección chega ata o momento actual e inclúe unha importante representación da arte de América Latina dos séculos XX e XXI, ademais de abordar temáticas novas como o exilio ou a ecoloxía, e incrementar de forma significativa a presenza de mulleres artistas. Así mesmo, integrouse a arquitectura no discurso expositivo, de xeito transversal.

Manuel Borja-Villel nas actividades do CCG