Cristina Sánchez

----

Cristina Sánchez


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Cristina Sánchez


Profesora titular de Filosofía do Dereito da Universidad Autónoma de Madrid desde o ano 2005. Na súa traxectoria académica desenvolveu dúas liñas de investigación fundamentais: o estudo do pensamento da filósofa Hannah Arendt, sobre a cal publicou un dos primeiros libros no mundo de fala hispana sobre esta autora, Hannah Arendt. El espacio de la política (Madrid, Centro de Estudios Políticos y Constitucionales, 2003). Posteriormente, desenvolveu a tematización do seu pensamento, achegándoa ás cuestións actuais. A outra liña de investigación entronca coa filosofía feminista contemporánea, e máis concretamente coa teoría crítica. Interesoulle especialmente a cuestión da cidadanía das mulleres e as exclusións do espazo público; así, publicou capítulos de libros e artigos sobre Seyla Benhabib ou Iris Marion Young e o libro Feminismos. Debates teóricos contemporáneos (Alianza, Madrid, 2001). É codirectora da Colección Calíope. Estudios Feministas y del Género Iberoamericanos, da Editorial Plaza y Valdés. Nos últimos anos investiga os problemas do mal político, asociado a temas de construción de memorias colectivas e reparacións. A análise do totalitarismo e do Holocausto ocupa algunhas das súas últimas publicacións. Foi investigadora principal de dous proxectos de investigación financiados polo Ministerio de Economía e Competitividade, na súa convocatoria anual do Plan Nacional de Investigación: o primeiro deles (2012-2016) é Los residuos del mal en las sociedades postotalitarias. Respuestas desde una política democrática (FFI2012-31635); o segundo, en marcha na actualidade (2016-2020), titúlase Violencias políticas y género: Imaginarios, escenarios y resistencias (FEM2016-76101-R). Arestora, no marco dese proxecto traballa sobre a violencia sexual en conflitos armados desde o marco teórico da teoría feminista contemporánea. Recentemente publicou monografías sobre Hannah Arendt e Simone de Beauvoir, e editou libros sobre o problema do mal contemporáneo (Cartografías del mal, Plaza y Valdés, 2017, e Confrontando el mal, Siglo del Hombre, 2018). É directora do Instituto Universitario de Estudios de la Mujer da Universidad Autónoma de Madrid desde 2016.

Cristina Sánchez nas actividades do CCG

Hannah Arendt