Caterina Varela

----

Caterina Varela


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Caterina Varela


Formada en danza, artes gráficas e visuais. Codirixe, xunto a Alexis Fernández, a compañía de danza La Macana, coa que levan creando proxectos escénicos que gozan dunha importante proxección e recoñecemento internacional dende hai máis de dez anos. O seu traballo foi premiado en distintas ocasións dentro dunha traxectoria na que manteñen vínculos profesionais con diferentes artistas, teatros e redes nacionais e internacionais.
É coordinadora do proxecto de Programación Expandida TRCDanza dende o ano 2014, unha iniciativa pioneira de mediación cultural e creación de públicos vinculada ao programa anual de danza do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, da man do seu programador, Paulo Rodríguez.
Forma parte do Colectivo RPM, composto por artistas cunha ampla traxectoria na creación contemporánea de Galicia. O traballo deste colectivo pon o foco no desenvolvemento de proxectos para a mellora do contexto das artes vivas no territorio galego. Unha das principais liñas de traballo é o programa Residencias Paraíso, un programa de residencias artísticas para as artes do movemento en Galicia que se constrúe en diálogo con numerosos teatros da nosa contorna e que cumpre en 2020 a súa cuarta edición. Dende 2019 tamén coordina a través do Colectivo RPM a Aula de Danza da Universidade da Coruña.
Combina o seu facer artístico co activismo cultural, formando parte activa de numerosas causas colectivas do sector da danza e das artes vivas en Galicia.