Sabela Mendoza

----

Sabela Mendoza


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Sabela Mendoza


Xestora cultural, centra o seu traballo nas artes escénicas e na creación contemporánea, especialmente no estudo da danza e na análise de políticas culturais. Licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo, Máster en Xestión Cultural pola Universidad Carlos III e Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual pola Universidad de Castilla-La Mancha e o Museo Reina Sofía. Formada en danza clásica e contemporánea.
En 2008 comezou a traballar como coordinadora de proxectos culturais, tanto en institucións públicas e privadas como de forma independente. Foi asistente de publicacións e logo coordinadora xeral do Centenario da Residencia de Estudiantes (2008-2010), responsable de proxectos culturais da empresa iconi (2011-2015) en Matadero Madrid e directora do Festival Internacional Ilustratour (2013-2015). Neses anos colaborou con distintas institucións como coordinadora de exposicións e itinerancias (AECID, Instituto Cervantes, AC/E, Instituto de la Mujer, Casa Encendida, Matadero Madrid, Museo ABC, Museo Patio Herreriano, entre outras). En 2016 e 2017 colaborou con Hablar en Arte como consultora-asesora de artes escénicas para a Oficina Cultural de Taiwán en España. En xuño de 2016 estreou "El público está aquí’, un estudo performativo e de escritura sobre o espectador e a mirada (presentado no Museo Reina Sofía, Teatro Pradillo de Madrid, Museo Universitario del Chopo en Ciudad de México e Teatro Solís en Montevideo). Entre 2017 e 2018 coordinou “Charco”, un novo programa de residencias de arte contemporánea, como parte do equipo da empresa Consultarte na Coruña. Neste tempo, continúa a compaxinar proxectos como profesional independente e colabora con outros axentes locais relacionados coas artes vivas, como o colectivo RPM. Realiza a curadoría da Temporada 2018-2019 do Teatro Pradillo de Madrid con Anto Rodríguez e Silvia Zayas. En 2018 traballa como xerente da Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, e en 2019 entra no equipo de Curtocircuíto como coordinadora xeral do festival.
Recentemente puxo en marcha 'De corpos presentes', plataforma galega para as artes performativas contemporáneas. Actualmente coordina tamén o “Taller de público(s)” no Teatro Rosalía Castro da Coruña, ao tempo que colabora co coreógrafo Javier Martín na produción e mediación dos seus proxectos, xa dende 2016. É vicepresidenta da asociación Emprendo Danza, realiza un labor de análise de políticas culturais e deseño de propostas para a mellora do sector. Imparte conferencias e charlas en diferentes foros e participa como xurado de certames de danza contemporánea. Escribe sobre danza en revistas especializadas e no seu blog acuerpodebaile.com.

Sabela Mendoza nas actividades do CCG