Antón Paz Míguez

----

Antón Paz Míguez

1911 A Pobra do Caramiñal (A Coruña) | 2003 Bos Aires (Arxentina)

Biografía de Antón Paz Míguez

1911- A Pobra do Caramiñal (A Coruña) | 2003 Bos Aires (Arxentina)
Un narrador da emigración.
Antón Paz Míguez nace na Pobra do Caramiñal o catro de xuño de 1911. No ano 1929 emigra á Arxentina, á cidade de Rosario en primeiro lugar e logo instalarase en Bos Aires. Na cidade porteña traballa como empregado de comercio e participa nas actividades da colectividade galega colaborando na prensa da emigración e establecendo relacións co nacionalismo galego. Volve a Galicia no ano 1935 e contacta con Ánxel Casal e Suárez Picallo, o que o levará a publicar na editorial Nós, en febreiro de 1936, a súa novela Da emigración. Notas d’un galego, na que narra a vida do emigrante galego en América. Esta obra será un dos últimos volumes saídos do prelo de Nós antes da Guerra Civil e ten a portada ilustrada por Castelao. A obra, que ten visos de ser autobiográfica aínda que non estea escrita en primeira persoa senón en terceira, conta as penurias ás que teñen que facer fronte os galegos no estranxeiro, mesturándoas con numerosas reflexións sobre a política e economía de Galicia, que fan que os seus habitantes teñan que marchar na procura da prosperidade. O protagonista, que abandona a súa terra en busca de fortuna, é dobremente castigado pois non logra o seu obxectivo, a riqueza ansiada, e dicide volver a Galicia cando a rapaza que ama está a piques de casar con outro home.

En marzo de 1936 o autor galego regresa á Arxentina. Volve por última vez a Galicia no ano 1971 nunha curta visita.

Posteriormente, no ano 1992, publica en Ediciós do Castro a obra O Adán que non quixo voltar ô Paradiso (1992), que xunto coa novela Da emigración. Notas d’un galego compoñen toda a súa produción novelística escrita en lingua galega. Esta novela tivo unha primeira versión en castelán cos títulos Proceso al Riachuelo e logo co de El fabricante de juguetes, que non se publicaron. Nesta nova obra o autor aborda unha vez máis o tema da emigración, vertendo algunhas ideas que xa son constantes no seu pensamento. Trátase dunha novela na que narra a vida dun galego afincado en Bos Aires e dá conta con detalle da situación e problemas da nación arxentina ao longo da súa historia, así como do drama do emigrante, que pasa a ter dúas patrias, polo que sempre se vai sentir un desarraigado.

O autor pobrense escribiu tamén obras en castelán como Galicia, tierra de peregrinar (1988), publicada en Bos Aires, e as aínda inéditas El restaurador de la O.C.A., El regreso a la isla e Los amigos, ambas as dúas de teatro (Mariño Davila 1998/1999: 214). Permanecen inéditos tamén moitos poemas, ademais de ensaios históricos en castelán sobre o papel dos galegos no continente americano, como o titulado Ellos hicieron América.

Faleceu en Bos Aires no ano 2003.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
  • MARIÑO DÁVILA, Esperanza (1998/1999): “Antonio Paz Míguez ou o Adán que non quixo voltar”, Revista de Lenguas y Literaturas Catalana, Gallega y Vasca, 6, pp. 213-216.
  • PAZ MÍGUEZ, Antonio (1930): “Galicia y la emigración”, Céltiga, 128, p. 28.
  • PAZ MÍGUEZ, Antonio (1936): Da emigración. Notas d’un galego, Santiago de Compostela, Editorial Nós. 
  • PAZ MÍGUEZ, Antonio (1992): O Adán que non quixo voltar ô Paradiso, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro. 
  • VV.AA. (1995): Diccionario da Literatura Galega, I, Editorial Galaxia, Vigo. 

Publicacións nas que participou Antón Paz Míguez

Artigos

PAZ MíGUEZ, A. (4/1930) Galicia y la emigración. Céltiga. (128), 28.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela;
Mencións: