Miguel Bendamio

----

Miguel Bendamio

1873 Ares | 1938 A Habana
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Miguel Bendamio

1873- Ares | 1938 A Habana
Un emigrante aresán en Cuba Miguel Bendamio Montero (1873-1938) naceu en Ares. Emigrou a Cuba contra finais da década de 1880. Traballou por un tempo na fábrica de tabacos La Cruz Roja, propiedade de dous inmigrantes tamén galegos: Jesús Vales Leira, de Pontedeume, e Ramón Allones, de Corcubión, ambos os dous directivos do Centro Galego e doutras sociedades. Aos poucos anos, Bendamio converteuse no representante e home de confianza dos donos. Máis tarde estableceuse pola súa conta, como propietario da sociedade de importación M. Bendamio y Cía, e acadou unha posición relativamente acomodada.
Miguel Bendamio tivo así tempo e recursos para dedicarse á promoción do asociacionismo galego na Habana e participou no 1904 de xeito proactivo na fundación da Alianza Aresana de Instrucción, constituída en abril de 1904 por 46 aresáns residentes na Habana, os Estados Unidos e México, con orixe nun pedimento de axuda por parte do cura párroco de Ares para os ausentes contribuíren a reedificar a igrexa parroquial. Á iniciativa sumáronse decontado numerosos mariñeiros aresáns emigrados, co fin de dotar á sociedade de SS. MM.  La Amistad de Ares dunha escola primaria para os seus asociados e os nenos e nenas  pobres do concello. A Alianza Aresana contaba, tres anos despois, con 257 socios, e botou a andar un establecemento de primeiro ensino en Ares en xullo de 1904, do que construíu un primeiro edificio escolar no 1908. A súa andaina posterior, con certo peso de membros da masonaría entre os seus directivos, orientouse por roteiros laicos e demócratas.
No 1918-19 Bendamio era vicepresidente da Alianza Aresana e no 1920 ocupou a súa presidencia. Ademais, tamén foi membro da Asemblea de Apoderados do Centro Galego da Habana, en representación do partido Renovación y Defensa Social. Anos despois, no 1936-37, aínda sería vogal da directiva da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia. Porén, pouco tempo puido exercer pois faleceu ao ano seguinte; os seus restos repousan na Habana.
Ademais do seu labor no tecido societario galego da Habana, Miguel Bendamio era un conspicuo xornalista e mesmo literato amador, e converteuse nun dos facedores de opinión máis salientados da colectividade galega da Habana. Xa no 1895 figuraba a súa sinatura como correspondente da guerra hispano-cubana nas páxinas do semanario La Tierra Gallega, dirixido polo escritor e xornalista Manuel Curros Enríquez. Dende 1902 colaborou tamén no semanario galaico-habaneiro Galicia;  nesa tribuna escribiu sobre diversos temas, entre eles a necesidade da autonomía para Galicia, partindo dun sentimento inequivocamente rexionalista, demócrata e anticaciquil. Aínda nos anos trinta, Bendamio enviaría varias colaboracións sobre a historia recente da colectividade galega en Cuba para a revista Galicia en Madrid.
Parte desas concepcións evidenciáronse igualmente na súa novela Cómo se llega a millonario. Novela corta del ambiente aresano (A Habana, Imprenta Fouce y Guerra, 1925). Nela, a través da andaina dun emigrante aresán de éxito que chegara a forxar unha fortuna como petroleiro nos Estados Unidos, logo de pasar por Cuba e México, Bendamio levaba a cabo unha vindicación da figura do bo indiano, que investiría no porvir da súa terra mediante a súa colaboración coa obra das sociedades de instrución.
Proba igualmente daquel circio compromiso rexionalista foi a súa participación dende 1905 nos labores da comisión xestora da Asociación Iniciadora y Protectora de la Real Academia Gallega, a partir da cal nacería pouco despois a Real Academia Galega na cidade da Coruña. Porén, Bendamio non daría xamais o salto ao galeguismo político e non participou da xeira das Irmandades da Fala, ficando á marxe dos grupos que seguiron o esteiro do novo nacionalismo na capital cubana, como a Xuntanza Nazonalista Galega da Habana fundada no 1920.

Publicacións nas que participou Miguel Bendamio