Francisco Nieto

----

Francisco Nieto


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Francisco Nieto


Desde os dezaseis anos traballa na radio lucense. É membro da Asociación Nacional de Profesionais de Radio e Televisión desde 1982. É membro do Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia. É membro fundador do grupo de música folk ‘Fuxan os Ventos’ e anteriormente, xunto a Rodrigo Romaní (ex Milladoiro) e Xosé Manuel González (membro fundador do ‘Movemento Popular da Canción Galega) formou o grupo ‘Sendas del Folk’.
Forma parte do grupo de cine afeccionado ‘Punto de Mira’ con diversos premios en Galicia.
Forma parte do xurado de ‘Cancións para Rosalía’, organizado polo Padroado Rosalía de Castro, foi representante da provincia de Lugo no xurado do certame ‘Xacobeo Pop’Rock’, membro de xurado en cinco edicións na elección de ‘Lucenses do Ano’ e seleccionado co programa ‘O Recanto da cultura’ para os premios Galicia de Xornalismo.

Conferenciante nas ‘Primeiras Xornadas de Radio Escolar’, organizadas pola Xunta de Galicia, participa nas ‘Xornadas sobre o presente e o futuro da radio en Galicia’, organizadas polo Instituto de Estudos da Comunicación en Santiago. Imparte charlas e conferencias sobre ‘A música en Galicia en diversas localidades (Ribadeo, Sarria, Lugo, Melide, Santiago, etc). Participa na Organización da Semana da Radio Española, organizada pola Deputación Provincial de Lugo, sendo moderador da mesa redonda ‘La Radio en España’, na que participan Fernando Delgado, Manolo Sicart, Constantino Cabanas e Lino Ventosinos.
É coautor do libro dedicado a Ánxel Fole ‘Paseante en Lugo’, editado polo diario El Progreso e autor biográfico do libro ‘Luis Ríos, el Pinturero’. Así mesmo, está preparando o libro sobre a historia da música (orquestras, bandas e conxuntos) e os locais de ocio na provincia de Lugo desde principios do século XX e un libro sobre a vida social na provincia de Lugo.
Colaborador literario con entrevistas, reportaxes e artigos de opinión nos diarios El Ideal Gallego e El Progreso, é presentador de diversos festivais de música e arte celebrados en Lugo e provincia.

Ó longo da súa carreira profesional ten realizado máis de medio cento de programas radiofónicos. Na actualidade pertence á plantilla de profesionais da emisora Radio Lugo-Cadena Ser, onde dirixe, tódolos días de luns a venres ás sete da tarde, o programa Club de Opinión, onde participan dúas ducias de personalidades lucenses como tertulianos de temas de actualidade.
Desde hai cinco tempadas dirixe e presenta os sábados entre as doce do mediodía e as dúas da tarde o programa "Esto me suena", dedicado á música das décadas dos 50, 60 e 70 xunto con datos e anécdotas históricas de ditas décadas.