Lino Novás

----

Lino Novás

1903 Mañón | 1983 Nova York
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Lino Novás

1903- Mañón | 1983 Nova York
Referente das letras cubanas O feito de que un dos principais escritores cubanos do século XX nacese en Mañón demostraría de vez a importancia da emigración galega. En efecto, logo de levar unha vida igual á de moitos emigrantes, Lino Novás converteuse nun dos narradores cubanos máis coñecidos e con máis éxito. Velaquí a súa historia.

Lino Novás Calvo naceu na parroquia de San Mamede das Grañas do Sor (Mañón) o 24 de setembro de 1903. Fillo natural de María Calvo Rego; o seu pai, Lorenzo Novás, non o recoñecería até 1909. Recibiu as primeiras letras na súa parroquia natal, ao tempo que se dedicaba aos labores do agro. No entanto, as dificultades económicas da familia obrígano a seguir o camiño da emigración. Xa que logo, en 1912 marcha a Cuba, país no que residía un tío materno.

Ao igual que o resto dos emigrantes galegos, Lino Novás desempeñou unha grande variedade de oficios: dependente de fonda, recadeiro, empregado da limpeza, chófer, carboeiro ou obreiro nunha fábrica de chapeus. Ao mesmo tempo ía aumentando a súa formación. Estudou inflés nunha escola nocturna, idioma que chegou a dominar. En 1926 marchou a Nova York, cidade na que permanecería oito meses. As súas colaboracións literarias comezaron en 1927 na Revista de Avance, organo da vangarda artística cubana. Posteriormente tamén colaboraría coa Revista de La Habana e coa revista Social. Por outra parte, comezou a traballar na libraría Minerva, feito que lle permitiu acceder a unha grande variedade de libros.

En 1931 o semanario gráfico Orbe, que pertencía á empresa do Diario de la Marina, envíao como corresponsal a Madrid. Antes de estabelecerse na capital española visita a súa aldea natal, desde onde enviou varias crónicas que se publicaron en Orbe en agosto de 1931. Xa en Madrid conseguiu entrevistar para o seu semanario a relevantes figuras da cultura española como Fernando de los Ríos, Antonio Marichalar, Eugenio D’Ors ou Carmen de Burgos. Ademais, enviou numerosas reportaxes sobre a vida cultural e social de Madrid. Na capital de España colaborou en publicacións como Revista de Occidente, La Gaceta Literaria, El Sol e La Voz. En Madrid iniciouse tamén no mundo da tradución, oficio no continuaría despois de volver a Cuba. En 1933 publicou a novela Pedro Blanco, el negrero, que obtivo críticas moi eloxiosas da presa madrileña. Tamén en 1933 cesou como corresponsal de Orbe polo que se ten que dedicar en exclusiva á tradución para poder sobrevivir.

Co comezo da Guerra Civil Lino Novás sitúase de lado da República. Colaborou co semanario Ayuda, voceiro do Socorro Vermello Internacional. En 1940, vía Francia, retornou a Cuba, desta volta como exiliado. En 1940 intégrase na redacción de Hoy, xornal vencellado ao Partido Socialista Popular, neste diario publicou a súa columna “Una hora del mundo”. Posteriormente, colaboraría coas revistas Ultra e Bohemia, desta última foi xefe de información entre 1954 e 1960. En 1940 casou coa xornalista e poeta Herminia del Portal. Publicaría na Illa os libros de narracións: La luna nona y otros cuentos (1942), No sé quien soy (1945) e Cayo Canas (1946). Foi galardoado co Premio Hernández Catá (1942) polo seu relato “Un dedo encima” e o Premio Nacional de Literatura (1943) polo seu libro La hora nona y otros cuentos. En 1945 obtivo o premio de xornalismo Enrique José Varona polo seu artigo “Una América sin patitos feos”, publicado no xornal Información. En 1948 recibiu outro premio xornalístico, desta volta o Eduardo Varela Zequeira pola súa reportaxe “Guerra de nervios en Santa Lucía”, que aparecera na revista Bohemia. Na Habana exerceu como xornalista e profesor de francés. Continuou ademais o seu labor de tradutor, vertendo ao castelán autores como Hemingway, Steinbeck, Lawrence ou Faulkner. En 1959 publica en México o volume de contos El otro cayo, que reúne textos de La luna nona y otros cuentos y Cayo Canas.

A mediados de 1960 solicitou asilo na embaixada de Colombia na Habana. Viaxou a Miami e máis tarde a Nova York. En 1967 foi nomeado profesor de Literatura Hispanoamericana na Universidade de Syracuse. En 1970 publicou Maneras de contar, volume de relatos. En 1973 sufriu un ataque cerebral do cal se recuperou en parte, aínda que non puido seguir dedicándose á docencia. Morreu en Nova York o 24 de marzo de 1983 aos oitenta anos de idade.

Co gallo do centenario do seu nacemento, en 2003, a editora Ediciós do Castro publicou o volume El comisario ciego y otros relatos. Cira Romero, editora desta obra e grande coñecedora da súa vida e da súa obra, confirma a Lino Novás como un dos precursores do "realismo máxico" e un dos pais do boom literario latinoamericano.

Publicacións nas que participou Lino Novás

Portada de  Lino Novás Calvo
LIBRO. ACTAS

Lino Novás Calvo

: «Ese lugar de donde me llaman»

Materiais de Lino Novás

Documento

Fragmento dun conto de Lino Novás Calvo

Reproducimos un fragmento do conto de Lino Novás Calvo Un encuentro singular. O texto foi publicado na revista Gaceta Literaria (Madrid, n.º 113, setembro de 1931). Máis tarde apareceu no seu libro Maneras de contar (1970).