Antonio Baltar Domínguez

----

Antonio Baltar Domínguez

1906 Santiago de Compostela | 1970 Bos Aires
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Antonio Baltar Domínguez

1906- Santiago de Compostela | 1970 Bos Aires
Médico comprometido cos valores culturais e políticos de Galicia Membro dunha estirpe de médicos –o seu pai, o padronés Ánxel Baltar Cortés, foi director do Hospital de Santiago e pioneiro en técnicas cirúrxicas, ademais de protector da familia Castelao, e o seu irmán Ramón, pai tamén de dous cirurxiáns, foi director do Sanatorio Baltar e do Gran Hospital de Santiago-, Antonio Baltar Domínguez naceu en Santiago en 1906, onde estudou Medicina, aínda que tamén o fixo en París atraído pola escola de Histopatoloxía e na Universidade Complutense de Madrid, onde se licenciou. No ano 1933, xa especializado en Histoloxía patolóxica, ingresa no corpo de Médicos Inspectores Municipais de Santiago e pouco despois, becado pola Junta de Ampliación de Estudios, viaxa a Berlín para estudar na Pathologisches Institut Universitäts Frauenklinik cos profesores R. Meyer e W. Stoeckel e a Breslau ao Neurologisches Institut. Entre 1934 e 1936 desempeñou o cargo de profesor auxiliar de Histoloxía e Anatomía Patolóxica da Universidade de Santiago, ao mesmo tempo que concentraba as súas inquedanzas na creación da “Agrupación al Servicio de la República” de Compostela e na elaboración dos seus escritos publicados da Revista P.A.N. (Poetas Andantes e Navegantes) co pseudónimo de Antón Martín.

Ao iniciarse a Guerra Civil, Antonio Baltar foi suspendido de emprego e soldo na Facultade de Medicina e vendo o futuro incerto que o agardaba por ter sido colaborador da República e declarado enemigode la patria preferiu exiliarse a América, onde a súa muller, Mireia Dieste, filla e sobriña respectivamente dos escritores Eduardo e Rafael Dieste, tiña casa familiar. Tras dous meses en Montevideo, o matrimonio trasládase a Arxentina e participa nas actividades dos intelectuais galeguistas exiliados. En 1937 revalidou o título de doutor en Medicina na Universidade da Prata e funda un sanatorio en Avellaneda co tamén santiagués Gumersindo Sánchez Guisande, catedrático de Anatomía que tivera que seguir o camiño paralelo do exilio en 1936, que dirixiu o tratamento clínico no tramo final da enfermidade de Castelao e, por designación do goberno da República no exilio, pronunciou o discurso necrolóxico na Chacarita.

De 1939 a 1947, Baltar organiza o Laboratorio de Anatomía Patolóxica do Centro Galego de Bos Aires, funda o Hogar Gallego para Ancianos en Donselaar, a 50 quilómetros da capital federal, institución que Baltar ideara para axudar aos compatriotas que envellecidos e desvalidos na Arxentina, ao mesmo tempo publicaba varios artigos sobre Ciencia e Cultura. Nunha das “Historias Verdadeiras” que publicou na revista Galicia Emigrante, agachado no pseudónimo Luis Estévez, explica el mesmo as razóns que o empuxaron a trasladarse á Patagonia a exercer como médico dos mineiros de Chos Malal, lugar illado do Neuquen, ao pé dos Andes: “O médico debe servir onde faga máis falla. En Buenos Aires haberá un médico por cada 300 habitantes, namentres que noutros sitios da Arxentina non chega a un por cada 1.000 kms cadrados. Como eu sempre tiven o anceio de rematar sendo médico rural na miña terra, e agora preséntaseme a ocasión de selo nesta onde atopei pan e liberdade”. Como lembra Núñez Búa (Revoeira, Homes, Feitos, Verbas, 1971): “Termando da saúde dos indios e mestizos, internándose nas serras por dous ou tres días para ir atender doentes, pasou tres anos a fío un médico galego que tiña feito cursos en universidades alemás, que se criou en pazos, que tiña na ría de Arousa, en Rianxo, praia de propiedade familiar con iate de recreo e que aos 24 anos tiña sido nomeado profesor da Universidade”.

Entre 1952 e 1953 exerce de secretario na Dirección Xeral de sanidade do Sur (Baía Branca). Ao ano seguinte é nomeado catedrático de Anatomía Patolóxica na Universidade de Cuyo (Mendoza), onde dirixiu o Laboratorio Anatomopatolóxico, pero en 1954 abandona a cátedra por atraerlle máis o aspecto social que desde o Ministerio de Sanidade pode exercer como director xeral de Sanidade de Cuyo na rama de medicina sanitaria e a loita anticancerosa. Logo traballou como patólogo en Bos Aires e aínda se especializou en Medicina Social da Organización Mundial da Saúde. Entre 1961 e 1964 coordinou un Plan Integral de Saúde de San Juan e estudou a organización da medicina social dos Andes Centrais e das serras pampánicas. Nos anos posteriores traballou na Coordinación Sanitaria Rexional en Córdoba.

Nos seus trinta anos de exiliado, o seu traballo profesional e científico non o arredou da constante preocupación polos valores culturais e do futuro político e social de Galicia. Relacionouse intimamente cos intelectuais galegos exiliados na Arxentina, sobre todo con Rafael Dieste con quen, máis alá da relación familiar polo casamento con Mireia, o unía unha grande amizade desde a mocidade, cando coincidían en Rianxo, onde a familia Baltar construíra unha casa de solaz sobre os cantís de Tanxil, presidida por unha monumental escultura granítica da Virxe de Guadalupe, labrada por Francisco Asorey. Así, en 1956 presidiu a Asociación Gallega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA), que organizou cursos de xeografía, historia, lingua e literatura galega, unha homenaxe a María Casares, coloquios sobre os problemas de Galicia coas intervencións de Paz Andrade, Rafael Dieste, Alberto Vilanova, Núñez Búa, Ramón de Valenzuela, unha velada necrolóxica dedicada a Carlos Maside, promoveu a exposición de Díaz Pardo en 1957 no Centro Lucense e, en 1959, un coloquio sobre A parroquia galega, dirixido por Otero Pedrayo. Como iniciativa da AGUEA, tamén dirixiu, xunto a Luís Seoane, a editorial Citania que nas súas coleccións “Martín Sarmiento”, “Idacio”, “Mestre Mateo”, “Dolmen de Dombate” e “Herba de namorar” publicou importantes libros de Parga Pondal, Paz Andrade, Cruz Gallástegui, González López, Díaz Pardo, Blanco Amor, Fernández del Riego, Luís Seoane, etc.

Pouco despois da celebración do Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires en 1956, organizado polo Consello de Galiza, no que presentou un relatorio titulado A Emigración Galega e a Cultura, Antonio Baltar viaxa a Galicia co encargo da AGUEA de poñer en marcha un proxecto que, como continuador do Seminario de Estudos Galegos, se dedicase á investigación socio económica. As xestións de Baltar non foron ben acollidas polos intelectuais do interior e, ademais, a policía aconselloulle aos familiares de Baltar que, para evitar problemas, o convencesen de que abandonase Galicia. Tamén colaborou estreitamente con Díaz Pardo e Seoane no proxecto do Laboratorio de Formas de Galicia que incluía a restauración de Sargadelos e a creación dun Museo Galego de Arte Contemporánea. Baltar, que fora nomeado por Carlos Maside presidente da comisión de testamentarios da súa obra, tratou de que o Museo promovido polo LF no Castro de Samoedo (Sada) incorporase a maior parte da súa obra, o que deu lugar a que este Museo leve o apelativo de Carlos Maside.

Antonio Baltar Domínguez morreu dun paro cardíaco en setembro de 1970 no Hospital Ribadavia de Bos Aires, a onde o trasladaran poucas horas desde Córdoba para ser intervido. “A mi me ha quedado una gran tristeza, pero de esas tristezas que construyen”, díxolle Eladio Dieste ao seu irmán Rafael en carta datada en Montevideo poucos días despois da morte do amigo e marido da sobriña de ambos.

Materiais de Antonio Baltar Domínguez