María Díaz Rey

----

María Díaz Rey


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de María Díaz Rey


Licenciada en Historia da Arte con Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas pola Universidade de Santiago de Compostela. Perita xudicial en Antigüidades (APPJ, Barcelona) e especialista en Taxación e Peritaxe de Obras de Arte (IArt, Madrid). Cursou estudos de Xestión Cultural na Escola de Xestión de Porto. Posgraduada co Certificado de Aptitude Pedagóxica pola Universidade de Vigo, actualmente traballa como docente nesta cidade, onde imparte Xeografía e Historia en Educación Secundaria.
Traballou durante dez anos á beira de Isaac Díaz Pardo no Instituto Galego de Información (IGI), do Grupo Sargadelos, realizando labores de xestión cultural, conservación, edición, investigación, catalogación, comunicación e coordinación do programa de exposicións das galerías Sargadelos de Barcelona, Madrid e Milán, alternando a promoción de artistas novos con outras exposicións de creadores consagrados como Maruja Mallo, Arturo Souto, Eugenio Granell, Laxeiro, Urbano Lugrís ou Lamazares, entre outros.
Entre 2012 e 2019 dirixiu a galería About Art (Pontevedra, Lugo) e realizou labores de comisariado de exposicións en colaboración con institucións como Cidade da Cultura de Galicia, CGAC, Museo Provincial de Lugo, Pazo da Cultura, Universidade de Vigo, Concello de Pontevedra, Fundación Alexandre Bóveda, Vello Cárcere de Lugo, 55 Bellechasse Galerie Paris & Miami, FRAME Art Fair, Fundación Novoneyra ou Fundación Eugenio Granell, así como proxectos en colaboración con outros espazos como Li`le Big Galerie Paris, Zen Foto Gallery Tokio, Casa de Espanha en Porto, Lionesa Internacional e Concello de Lugo, entre outros.
Publicacións: Antonio Baltar, o compromiso do exilio (Ed. do Castro, 2002); Noticia sobre Fernando Barros Pumariño (Ed. do Castro, 2004); Noticia sobre Leoncio Virgós (Ed. do Castro, 2006); Arte e compromiso social da cultura galega (coautora, Ed. do Castro, 2005); Tres mesas redondas sobre arte e compromiso (coautora, Ed. do Castro, 2005); na Gran Enciclopedia Galega elaborou as entradas “Exilio” e “Arturo Souto”, e nas Actas do Congreso Interdisciplinar Eugenio Granell o relatorio “Eugenio Granell a través dás súas cartas con Isaac Díaz Pardo” (Fundación Granell, Santiago de Compostela, 2006).

María Díaz Rey nas actividades do CCG