Inmaculada Real López

----

Inmaculada Real López


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Inmaculada Real López


Profesora na Universidad Complutense de Madrid. Doutora en Historia da Arte pola UNED (2015) coa tese titulada Museos e iniciativas para la recuperación histórico-artística del exilio republicano español. Tamén realizou o mestrado de Conservación Preventiva de Obras de Arte e Bens Culturais na Universidad Complutense de Madrid (2008).
Foi investigadora docente na Université de Rouen Normandie, onde estivo vinculada ao Équipe de Recherche Interdisciplinaire sur les Aires Culturelles (ERIAC); investigadora posdoutoral Juan de la Cierva-Incorporación no Departamento de Historia da Arte da Universidad de Zaragoza, e membro do Instituto de Patrimonio y Humanidades desta universidade. Así mesmo, foi profesora invitada na Université Jean Monnet de Saint-Étienne e beneficiaria do programa Erasmus+ no marco do convenio europeo de intercambio de profesorado, cunha estadía no grupo de investigación MuSt-Museum Studies do Instituto de História da Arte da Universidade Nova de Lisboa.
Tamén é membro do grupo de investigación Network for Research on Female Exiles, Refugees and Migrants (Fenix), dirixido por Helena Houvenaghel, da Universidade de Utrecht. Forma parte de varios proxectos de investigación: “Historia del Arte, Cultura Visual y Estética de los medios. Estudio de casos argentinos para la producción teórica local” [11/B373], dirixido por Natalia Matewecki no Instituto de Historia del Arte Argentino y Americano da Universidad Nacional de La Plata, e “El impacto de la guerra civil en la configuración de los museos en Cataluña. Tratabilidad, localización y destino de los bienes culturales salvados” (IGUEMUS) [PID2021-124518NB-100], dirixido por Gemma Domènech no Institut Català de Recerca en Patrimoni Cultural, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.
Con anterioridade pertenceu a dous proxectos da Universidad de Zaragoza financiados polo Goberno de Aragón: “Arte y patrimonio en la esfera pública, desde el siglo XIX” [H18_20R], dirixido por Jesús Pedro Lorente, e “Sostenibilidad de servicios y productos culturales. Desarrollo de una metodología de diseño multidimensional” [LMP84_21], dirixido por Anna Maria Biedermann.
A súa principal liña de investigación son os museos do exilio e o seu patrimonio histórico-artístico. Neste ámbito foi beneficiaria (nas convocatorias de 2020 e 2021) das axudas en réxime de concorrencia competitiva do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática destinadas a actividades relacionadas coa recuperación da memoria democrática e as vítimas da Guerra Civil e da ditadura. Como resultado realizou o Catálogo razonado de José García Tella. Tamén tivo contratos de investigación con institucións como o Goberno de Aragón, onde levou a cabo os estudos Goya. Valor y símbolo del exilio republicano español e El arte de Aragón evacuado a Ginebra.
Como experta en museoloxía, é membro do Consello Internacional de Museos (ICOM) e dos seus comités internacionais: Comité Internacional para a Museoloxía (ICOFOM), Comité para a Conservación (ICOM-CC) e Comité Internacional para Museos en Memoria das Vítimas de Crimes Públicos (ICMEMO), a través dos cales participa activamente en publicacións e congresos. Así mesmo, traballou en diferentes museos, como o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, dentro do departamento de Rexistro de Obras de Arte (ROA), ademais de comisariar exposicións no Museo del Parque Cultural de Molinos ou no Museo de Zamora e de ser investigadora invitada en mostras do Musée Picasso de París e o Instituto Fernando el Católico.

Inmaculada Real López nas actividades do CCG