Biografía de Andoni Alonso
Catedrático de Filosofía na Universidad Carlos III de Madrid.
Doutor en Filosofía en 1996 cunha tese sobre o pensamento de Ludwig Wittgenstein, basicamente dedicado á filosofía da tecnoloxía (con enfoque na ciencia, a tecnoloxía e a sociedade). A súa especialización dentro deste campo tan amplo foron as telecomunicacións. Tivo a fortuna de traballar con Ivan Illich e Carl Mitcham. Dende o ano 2000 organizou con regularidade cursos, seminarios e congresos sobre informática e cibercultura, centrados no impacto social destas tecnoloxías e o seu alcance cada vez maior en todo tipo de actividades humanas. Tamén se ocupou da transmisión e divulgación da ciencia. Así mesmo, algúns dos cursos de verán incidiron en temáticas similares e neles participaron autores como Carl Mitcham, Andrew Feenberg, Bruce Sterling e Miquel Barceló, entre outros. En 2005 entrou a formar parte do grupo GITACA, integrado maioritariamente por enxeñeiros de software e telecomunicacións da Universidad de Extremadura. Dentro da vertente máis dedicada á ética, destaca a súa pertenza como membro fundador á Free Knowledge Foundation, dependente pola súa vez da Free Software Foundation. La quinta columna digital (VII Premio Epson de Tecnoética) é quizais unha das súas publicacións máis destacadas. Nela investíganse os movementos sociais e políticos asociados a dúas das grandes cuestións sociais da informática actual: o software e o coñecemento libres. A partir de 2021 incorporouse á Universidad Carlos III de Madrid, adscrito á Facultade de Humanidades. Entre outros libros, publicou: La nueva ciudad de Dios (Siruela, Madrid, 2002, en colaboración con Iñaki Arzoz), Carta al Homo ciberneticus. Un manual de Ciencia, Tecnología y Sociedad activista para el siglo xxi (Edaf, Madrid, 2003) e El desencanto del Progreso. Para una crítica luddita de la tecnología (Dykinson, Madrid, 2021).