Histórico: Participación de Margarita Santos Zas nas actividades do CCG

----

Margarita Santos Zas

Biografía de Margarita Santos Zas


Doutorouse na Universidade de Santiago de Compostela con Premio Extraordinario en 1989 e é profesora de Literatura Española. Ten recoñecidos cinco sexenios de investigación e desde 1994 dirixiu sucesivos proxectos de investigación (8) I+D+i (fondos Feder) e da Xunta de Galicia, co Grupo Valle-Inclán (GIVIUS). É directora da Cátedra Valle-Inclán/USC, que edita unha colección propia (11 títulos), e coeditora de Anales de la Literatura Española Contemporánea (Society of Spanish and Spanish-American Studies). Así mesmo, é responsable do portal Cátedra Valle-Inclán (2009, actualizado en 2017) na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Ten no seu haber seis monografías, edicións individuais e colectivas (Premio de Edicións Universitarias 1999 por Café con Gotas; e en 2017 por Con el alba: El Cuaderno de Francia; Premio de Investigación Valle-Inclán 2008 por Todo Valle-Inclán en Roma) e un centenar de artigos sobre teatro do século XVIII, prensa do XIX e literatura do século XX; pero foi, sobre todo, Valle-Inclán a súa liña de investigación máis constante, autor ao que tamén dedicou congresos e exposicións. Das súas últimas publicacións destacan, ademais do inédito Cuaderno de Francia, o Dossier genético y editorial de La Media Noche (2017); con membros do GIVIUS publicou as Obras completas do escritor galego (5 volumes) e as edicións de Alianza Editorial (5). Os seus dous proxectos máis recentes, froito do traballo en equipo co GIVIUS, son o Archivo Digital Valle-Inclán (www.archivodigitalvalleinclan.es), que recibiu o Premio HDH 2018, que considera a principal achega do GIVIUS, e a edición dunha selección de 14 obras de Valle-Inclán, publicadas por La Voz de Galicia ao longo de 14 semanas.