Eduardo Vincenti

----

Eduardo Vincenti

1857 A Coruña | 1924 Madrid
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Eduardo Vincenti

1857- A Coruña | 1924 Madrid
Un activo político da educación Este político galego do tempo da Restauración decimonónica, nacido en A Coruña en 1857 e morto en Madrid en 1924, militou de seguido no Partido Liberal, sendo deputado pola provincia de Pontevedra desde 1886 e ata o seu falecemento; en calidade de tal ocupouse a miudo, tanto de asuntos relacionados co ensino público e co seu profesorado, como do desenvolvemento da agricultura e das cuestións sociais afectadas, chamando a atención neste caso sobre a necesidade de transformar a propiedade da terra rexida polo sistema foral en propiedade libre (algo que afectaba singularmente aos labregos de Galicia), sendo por este motivo polo que presentou e defendeu contra os criterios conservadores, en 1907, unha importante proposición de lei sobre foros e subforos, polo que foi directivo da Liga Agrario-Redencionista con anterioridade a 1910, e polo que escribiu sobre estes asuntos en diversos momentos.

Eduardo Vincenti, logo de realizar os estudos de dereito na Universidade de Santiago, desenvolveu, pois, unha notable carreira política: parlamentario, director xeral de Administración e Fomento do Ministerio do Interior, Director Xeral de Ensino Primario, concelleiro e alcalde de Madrid, presidente do Consello de Instrución Pública, e vicepresidente primeiro do Consello de Ministros. Renovou a súa acta de deputado en quince ocasións ata 1923. Estivo casado con Dolores Montero Villegas, filla de don Eugenio Montero Rios, con quen fixo tandem político en tantas ocasións.

Foi un importante publicista; así, publicou, entre outros: Estudios sobre las reformas penitenciarias (1880); Reformas más convenientes para el mejoramiento de la clase obrera (1884); La propiedad foral en Galicia ( con prólogo de Joaquín Díaz de Rávago) (1888); La libertad de prensa (1902); Estudios sobre emigración (1908); El problema agrario en Galicia. Redenciones.Censos y foros. Acción parlamentaria (1917).

Pero tamén, e como dixemos, tivo unha viva preocupación polo desenvolvemento da educación, como puxo de manifesto nas múltiples intervencións parlamentarias que reuniu nun amplo texto editado en 1916, nas intervencións realizadas desde a presidencia de diversas Asambleas nacionais e rexionais e de diversos congresos de interese pedagóxico, e mesmo en varias intervencións internacionais como representante do Goberno español. Foi Presidente da “Liga de los Amigos de la Enseñanza” e dirixiu o Boletín de la Liga Protectora de la Educación Nacional a comezos do século XX, con marcados acenos rexeneracionistas; era un dos vogais da “Junta de Ampliaciación de Estudios” e como tal foi designado por ela para representar ao Goberno español no III Congreso Internacional de Educación Popular celebrado en Bruxelas en 1910, no que tivo una viva participación. Tamén en 1911 volveu ser proposto pola JAE, xunto con Rafael Altamira, sendo nomeado polo Ministerio de Instrucción Pública como delegado español para o lº Congreso Internacional de Paidoloxía, o primeiro congreso europeo deste tipo que pretendía establecer con amplo consenso unhas bases sobre a comprensión cultural, científica e racional da infancia.

É interesante anotar que, como consecuencia da súa participación no Congreso de Bruxelas de 1910, editou unha Memoria (La educación popular, 19911), onde defendía a necesidade de introducir reformas relativas á gratuidade e obrigatoriedade da educación, á educación das mulleres, á educación técnica e de adultos, á educación especial…, facéndose eco, ao tempo, de numerosas experiencias belgas relacionadas cos asuntos anteriores, co uso de bibliotecas e museos escolares, co cinematógrafo, coas escolas ao aire libre e coas colonias escolares…, ademais de referirse con simpatía a notadas figuras da pedagoxía belga, como eran os casos do tamén masón Sluys, promotor da Liga de Ensinanza Belga, de Demoor, de Vermeylen, ou do profesor parisino Poincaré.

A súa defensa constante da necesidade de melloras corportativas e profesionais para o Maxisterio deulle credibilidade entre este sector profesional, que o honrou adicándolle un busto e un singular pedestal nos xardíns da Alameda de Pontevedra, que traemos á galería grafica desta páxina.

Publicacións nas que participou Eduardo Vincenti