Rosario Sarmiento Escalona

----

Rosario Sarmiento Escalona

1957 Santander
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Rosario Sarmiento Escalona

1957- Santander
Licenciada en Historia, crítica de arte, comisaria de exposicións, xestora cultural e especialista en coleccionismo e na historia da arte da muller en Galicia. Con máis de trinta anos de experiencia profesional, dirixiu a colección de arte de Caixa Galicia (1996-2014) e foi subdirectora da Fundación Caixa Galicia (2005-2011).
Dirixiu o documental Arte+Muller+Galicia, Premio Luisa Villalta a Proxectos pola Igualdade da Deputación da Coruña no ano 2018.
Ten comisariado e organizado, entre outras, exposicións de artistas como Eduardo Chillida, Francisco Leiro, Pablo Picasso, Julia Minguillón, Maruja Mallo, Urbano Lugrís, Joan Miró, Isaac Díaz Pardo, Frida Kahlo, Diego Rivera, Manuel Millares, Jannis Kounellis ou Leopoldo Nóvoa. Algúns exemplos destas exposicións son Yves Saint Laurent: Diálogo con el arte; A arte inexistente: as artistas galegas do século XX; Mulleres do silencio. De Maruja Mallo a Ángela de la Cruz; Territorios de intimidade: artistas galegas baixo o franquismo; Elena Colmeiro, construíndo cos materiais; Lolita Díaz Baliño: a realidade soñada; O amante do papel: cartografía dunha colección de gravado, entre outras.
É membro do comité científico da asociación cultural francesa Eau&Lumiere e asesora científica da Ruta do Impresionismo das Mariñas do pintor Francisco Llorens. Colaborou con institucións como a Real Academia Galega de Belas Artes, o Museo das Mariñas de Betanzos, o Museo Casa Natal Picasso de Málaga, o Chillida-Leku, a Casa del Lector Madrid, o Auditorio de Galicia, o Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo, o Museo e a Bienal de Pontevedra, a Fundación Luís Seoane e o Centro Cultural Marcos Valcárcel, entre outros.
Participou en xurados de artes plásticas: Novos Valores da Bienal de Pontevedra (1995); Premio de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña durante as edicións dos anos 1995, 1997 e 1999; III, IV, V, VI e VII edicións das Bolsas para Novos Artistas de Unión Fenosa (1993, 1995, 1997, 1999 e 2001); V e VIII Premio Nacional de Grabado do Museo del Grabado Español Contemporáneo de Marbella (1999 e 2002); XVI edición do Premio de Pintura do Concello de Cambre (1999); I Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas (2001); Premio Máximo Ramos do Concello de Ferrol (2002); VI edición da Bienal Laxeiro de Lalín (2003); XII Premio de Pintura Terras de Iria (2009); Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez da Fundación CIEC (2010, 2017 e 2019); Premio Manuel Murguía de Ensaio (2013-2015); Bienal Iberoamericana de Obra Gráfica (2019); Premios da Crítica de Galicia (2019) e Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe (2018-2021).
Foi crítica de arte de La Voz de Galicia (1992-1996), de Radio Coruña-Cadena SER (2012-2014) e do Diario Cultural da CRTVG (2018-2022). Colaborou tamén en revistas especializadas como Arte Ibérica, Arte Omega, Arco Noticias, Luzes, Mundiario e Sermos Galiza. É autora e coautora de artigos e diversas publicacións de temática artística e, en particular, sobre as artistas mulleres en Galicia.
Membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega, é tamén membro colaborador do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, da asociación Mulleres nas Artes Visuais (MAV), do Instituto de Arte Contemporánea (IAC) e da Asociación Galega de Críticos de Arte.
Máis información: www.rosariosarmiento.gal

Publicacións nas que participou Rosario Sarmiento Escalona

Rosario Sarmiento Escalona nas actividades do CCG

Arte + Coleccionismo

Biobibliografías para o Álbum de Galicia

Lolita Díaz Baliño

A Coruña, / 1/1905 - A Coruña, /1963
A ilustradora da muller moderna